viernes, septiembre 25, 2009

CONTEXTO SOCIOLINGÜÍSTICO GALEGO-BERCIANO.


O CONTEXTO SOCIOLINGÜÍSTICO GALEGO-BERCIANO.
Por Xabier Lago Mestre, Fala Ceibe do Bierzo.
falaceibe@yahoo.es


Os falantes galegos do Bierzo forman unha minoría lingüística dentro da comarca. Calcúlase que pode haber 35000 falantes dun total de 130000 bercianos. Pero a dita comunidade galego-falante tamén é minoritaria na provincia leonesa e máis na Comunidade Autónoma de Castela e León. Os falantes están sometidos á presión lingüística castelá de diversos poderes institucionais, concellos, Consello Comarcal, Deputación leonesa, Junta de Castela e León e Goberno do Estado. Ademais a maioría castelá exerce o seu influxo social, económico, político, mediático e demais acotío sobre a minoría galega.


Pola outra banda, a continuidade xeohistórica do Bierzo occidental con Galiza ráchase co afastamento político-administrativo que deu lugar ás Comunidades Autónomas. A de Castela e León trata de fomentar unha identidade rexional, global e uniformizadora, que compite coa coa existencia doutras identidades provinciais e culturais alternativas. Das minorías lingüísticas de Castela e León (ástur-leonesa, éusquero de Burgos e galega) cómpre salientar a resistencia e presión social da situada no Bierzo occidental, a cal provocou o recoñecemento do seu idioma no Estatuto de Autonomía da Comunidade Autónoma de 1999, e non os outros.


A minoría galego-falante do Bierzo aséntase no occidente comarcal, ao oeste do río Sil. Na dita zona predominan as serras que dividen vales, favorecendo o illamento xeográfico, o alonxamento periférico e maila dispersión do poboamento rural (barrios, aldeas e vilas…). Os falantes caracterízanse porque a maioría son vedraños, que viven da economía agro-gandeira, mentres a mocidade recibe o influenza da cultura urbana castelanizada.


A meirande parte da minoría galego-falante asume con certa normalidade as consecuencias negativas que provoca a diglosia lingüística. Eses falantes sempre coñeceron a desigualdade lingüística e incluso amosan a súa resistencia ante as reivindicacióis pola chamada normalización idiomática. Esta situación anormal fundaméntase en numerosos prexuízos, propios e alleos, político-ideolóxicos (somos bercianos e non galegos; castelán en León, galego en Galiza…), filolóxicos (fálase chapurreau; dialecto berciano ou galego-leonés; non á normativa de Santiago…), socio-culturais (colonización galega; uniformismo une, bilingüismo separa; castelán de cidade, galego de aldea…) e demais.


O Bierzo, setembro de 2009.
www.obierzoceibe.blogspot.com