sábado, septiembre 26, 2009

REFRANEIRO XEOGRÁFICO DO BIERZO (1ª PARTE)


REFRANEIRO XEOGRÁFICO DA REXIÓN DO BIERZO (1ª PARTE),
Por Xabier Lago Mestre, de Fala Ceibe do Bierzo.



A nosa rexión ten numerosos entes poboacionais, organizados mediante concellos. Todos eles formaron parte da chamada Provincia do Bierzo que tivo continuidade histórica ao longo de toda a Idade Moderna (séculos XVI ao XVIII). Esta Provincia forxou a identidade territorial rexional que chega ata a actualidade. Pero os ditos concellos tamén tiveron a súa conciencia identidaria local. Por iso atopamos diversos sinais desa competencia entre os distintos entes de poboación (barrios, aldeas e vilas). Os chamados ditos territoriais da rexión recollen esas desputas verbais entre os concellos bercianos. Velaí a seguinte recompilación de ditos que reflicten este contexto competitivo entre os pobos.


En conxunturas económicas malas, que provocaron graves crises agrarias xeneralizadas e continuas na rexión, onde faltaba o esencial alimento, resultaban frecuentes as acusacióis de ladróis entre pobos que desputaban polo que consideraban seu.


“Si vas a Toreno,
guarda la alforja y el perro.
Si vas a Librán,
guarda la alforja y el pan”.


“San Pedro de Trones
corenta veciños
cinquenta ladróis”.


“Paradela, mala terra,
Chana peor que ela,
en Borréis preguntaréis,
e en San Xoán xa o veréis”.


Nun contexto histórico cheo de ideoloxía cristiá os ataques fundaméntanse no maniqueísmo relixioso.


“Gente de Los Barrios,
gente de los diablos
matan a los bueyes
y aran con cristianos”.


A peculiar situación xeográfica e montañosa de moitos pobos do Bierzo estimula o inxenio á hora de incidir no illamento periférico. Noutros casos prodúcese unha pacifica delimitación entre eles.


“Semos de Primout
onde o sol nunca entrou
e unha vez que entrou
nos pasmou”.


“Saceda, Noceda, Castrillo y Marrubio,
cuatro lugares que Cristo no anduvo”.


“Camponaraia naraia,
e a un lado Naraiola,
e un poco máis abaixo
Carracedo e as Colonias”.

As festas patronais tamén enchen o orgullo colectivo e local, por exemplo cando se teñen bos gaiteiros. Outro tanto acontece coas feiras, que favorecen o xolgorio.


“Esta gaita é de Vilar,
e o que a toca de Aceiro,
o que a queira romper
que se confese primeiro”.


“Xente de Frieira, xente de feira”

Os bercianos aproveitan o refraneiro para salientar as riquezas agrarias que hai na rexión. “Os de Orellán sempre dan; a mañá peras, a mediodía pan con peras e á noite peras con pan” (sobre a abundancia de peras do pobo). A exaltación do viño local non pode faltar. “O viño de Cacabelos fai cantar aos vellos”. “Din que Paradela no figura no mapa, pero bebiendo viño sabe dela ata o Papa”. “O Bierzo ten fama do viño e do augardente, das mulleres fermosas e dos homes valentes”.


O Bierzo, setembro de 2009.


http://www.blogoteca.com/obierzoxa
http://www.ciberirmandade.org/falaceive
www.partidodelbierzo.com

1 Comments:

Anonymous Xavier Perdiz said...

"Trones" parece que tinha que rimar com "ladrois". Nom será que antano si rimaba? Puido ter sido Troes ou Trois o nome antigo do povo? O "n" intervocálico non tinha que ter caído? Mesmo puido ser que a pronúncia de Trones fose [trois] ainda que sempre se reprensentase na escrita coa forma máis latina ou conservadora de Trones? (é o que ocorre con moitos Vila, que se seguiron escribindo Villa pero pronunciában-se [vila]

Unha salva de palmas para os que estades currando este tema. Os méus parabens!

6:15 p. m.  

Publicar un comentario

Links to this post:

Crear un enlace

<< Home