lunes, septiembre 07, 2009

REVOLTAS LABREGAS CONTRA CARRACEDO (1ª PARTE)


REVOLTAS LABREGAS CONTRA O MOSTEIRO BERCIANO DE CARRACEDO (1ª PARTE),
Por Xabier Lago Mestre, Pte. de Fala Ceibe do Bierzo.



Os grandes señoríos da rexión berciana, tanto laicos (condado de Lemos no occidente, condado de Alba de Aliste na terra de Bembibre, marquesado de Vilafranca entre otros) coma eclesiásticos (bispado de Astorga, mosteiros de S. Pedro de Montes, Sto. Andrés de Espiñareda, Carracedo…), controlaban aos seus vasalos mediante o sistema feudal de dependencia socioeconómica. Sen embargo, a pesar dos numerosos resortes do poder señorial (privilexio, xudicial, gobernativo, relixioso, xurisdicional, fiscal…), as relacióis cos seus numerosos vasalos non foron totalmente pacíficas. Dende logo as revoltas labregas que imos ver non tiveron a amplitude do acontecido cos irmandiños galego-bercianos no século XV, de claro carácter xeral e rexional, senón que nos referimos a un ámbito máis local, no seo do señorío, neste caso do mosteiro de Carracedo. Convén incidir nestas revoltas xa que cando os historiadores estudan eses señoríos non dedican suficiente interese en salientar a importancia social desta conflitividade, dando por iso unha imaxe moi pacífica das relacióis internas entre os señores e os vasalos.


En 1497 os vasalos de Camponaraia e S. Andrés de Montejos negáronse a pagar os foros das súas casas, os cuartos e o quintos das súas colleitas polas terras de nova roturación, así como o dereito de almoxarazgo. Polo cal o mosteiro formulou preito ante os propios Reis Católicos. Estes deron ordes ao seu corrixidor de Ponferrada para impoñer os usos e costumes antigos que beneficiaban ao dito cenobio.


O século XVI foi de expansión para o cenobio de Carracedo, trala reforma monástica patrocinada polos Reis Católicos, medra a poboación e son boas as conxunturas económicas. A pesar disto grazas á documentación oficial, da Coroa e do mosteiro, sabemos da revolta que houbo a comezos da dita centuria por parte dos seus vasalos. No 1512 Alonso Sorribas comandou un conflito antiseñorial contra Carracedo, “carta lusa e monipodio contra el dicho abad e convento sus partes, porque juntara avia juntado los vecinos e concejos de la dicha abadía, e los atraxiera a que fisiesen juramyento. E que lo fisyeran façer en forma que serían todos avian contra el dicho monesterio e abad e monges e convento de el sus partes. E que el en su nombre tomaría pleito contra el dicho monesterio delante de el corregidor de Ponferrada juez comisionado de su Alteza (…)”.


Comprobamos pois que a revolta foi xeneralizada, xa que participaron vasalos e concellos. Resulta interesante destacar como a xuntanza se fixera mediante xuramento solidario de común apoio e de mancomún acción da coalición dos concellos. Outro aspecto importante é que se promove unha acción xudicial, ante a primeira autoridade gobernativa e xudicial da provincia do Bierzo, o corrixidor de Ponferrada. Esta acción procedimiental diferénciase da rebelión antiseñorial irmandiña galego-berciana, acontecida na segunda metade do século XV, que tivo un carácter moito máis violento co derrubamento de fortalezas señoriais.


O dirixente Alonso de Sorriba preocupouse de levar o pleito ante o propio Consello Real, “avia traído del Consejo de su Alteza ciertas provisiones para el dicho corregidor de Ponferrada en nombre de todos los logares de la dicha abadia (…)”. A abadía non deixa de sorprenderse desta acción rebelde conxunta, “que siendo como son cada logar de la dicha abadía concejo sobre sy apartados unos de otros en todas as cosas, asy en pechos como en alcabalas e moxarazgos, e cada logar con sus tierras sobre sy apartadas a todas las otras cosas que han de aver para cada uno ser concejo, e tenyendo cada logar procurador público sobre sy (…)”. Carracedo non ve ben esa unión dos concellos porque alega que cada concello ten a súa independencia e o seu propio procurador ou representante de causas xudiciais. Está claro que esta unión de concellos resulta moi perigosa para os intereses de Carracedo, convén máis negociar cunha oposición subordinada y dividida, porque a unión dos vasalos sempre dá máis forza fronte ao poder señorial.


O Bierzo, setembro de 2009.

0 Comments:

Publicar un comentario

Links to this post:

Crear un enlace

<< Home