miércoles, octubre 07, 2009

A TOMA DE CONCIENCIA LINGÜÍSTICA COLECTIVA NO BIERZO.


A TOMA DE CONCIENCIA LINGÜÍSTICA COLECTIVA.
Por Xabier Lago Mestre, Fala Ceibe do Bierzo.
falaceibe@yahoo.es


Os cambios na mentalidade social son lentos pero máis se nos referimos á minoría cultural galego-berciana, sen poder político, económico… e condicionada polos prexuízos. Isto non empece que haxa unha vangarda vindicatica, formada por falantes concienciados na defensa da lingua galega. O seu activismo continuado é a mellor estratexia para derrubar os atrancos antigalegos. A resistencia da minoría ante a maioría castelá fundaméntase na súa lexitimidade para reclamar o recoñecemento de dereitos lingüísticos, como xa teñen outras minorías etno-culturais do Estado. Incluso prende paseniño a idea de discriminación e desigualdade no tratamento xurídico dado aos galego-falantes do Bierzo. Dita agresión xurídica pode fornecer máis a conciencia colectiva da minoría co paso do tempo, e fomentará a mobilización social na demanda dos seus dereitos lingüísticos.


Na toma de conciencia lingüística no Bierzo non se pode esquecer a influenza de Galiza. Os procesos de normalización lingüística da Comunidade Autónoma veciña son un exemplo a seguir. Como tampouco se pode prescindir da axuda institucional que veña de máis aló do porto de Pedrafita, da Xunta de Galiza, das universidades e demais. Axuda de fóra que deberá compensar a escaseza do apoio institucional de Castela e León. Ademais, a pervivencia do galego do Bierzo dependerá da situación deste idioma en Galiza (política, económica, mediática, etc). O futuro do galego do Bierzo para nada está no illamento territorial, senón na fixación de novos vincallos con Galiza que o prestixien máis, e permitan inserilo mellor no ámbito cultural global galego-portugués-brasileiro.


Outro aspecto do proceso de concienciación galegueira é o coñecemento do noso pasado. Hai un descoñecemento xeneralizado da cultura galego-berciana. En parte isto é así porque a elite intelectual preocupouse de investigar a historia das clases dirixentes, deixando nun segundo plano a cultura popular comarcal. Por suposto, para medrar social e economicamente só se podería facer en castelán, velaí a necesidade de crear obra literaria ou ensaio no idioma oficial do Estado. Resulta fundamental dar un pulo aos estudos filolóxicos, históricos, socio-lingüísticos, etnográficos, culturais, musicais e xurídicos (dereito consuetudinario local)... sobre a minoría etno-cultural galego-berciana.


No labor de prestixio cultural da lingua galega hai que salientar o traballo pasado feito por certos persoeiros locais que serven de exemplo social. No século XVIII temos o caso do bieito frei Sarmiento, erudito ilustrado, nado en Vilafranca do Bierzo, que defendeu o ensino do galego. O Rexurdimento galego da segunda metade do XIX amosa a Antonio Fernández e Morales (1817-1896) que publicou “Ensaios poéticos en dialecto berciano” (1861), na lingua galego-berciana. Do mesmo período histórico temos a José Bálgoma Suárez e Francisco de Llano e Ovalle, que publicaron textos illados en galego. Xa no século XX salientamos ao poeta Ramón González-Alegre Bálgoma (1919-1968). O uso do galego que fixeron estas persoas de sona serve para louvar o idioma escrito. Durante séculos esta lingua foi ágrafa, agás na Idade Media, da que conservamos moita documentación en galego-berciano.


Na actualidade a cultura e lingua galegas teñen un rexudimento parcial mediante a intervención de colectivos culturais (Escola de Gaitas de Vilafranca, Fala Ceibe e Xarmenta de Ponferrada, Vagalume de Viladepaos…), bandas de gaitas e de baile (Castro Bergidum, Alegría Berciana, Templarios del Oza de Toural de Meraio, Mencía de Toural dos Vaos…), grupos de música tradicional (Aira da Pedra, Rapabestas, Antubel, Abraxas…), cantautores (Amancio Prada, Aínda…), etcétera. Este activismo ten un forte compoñente cultural, que reforza a identidade colectiva galego-berciana, sen embargo faría falta máis conciencia da necesidade de vindicarmos o recoñecemento legal de dereitos lingüísticos.


O Bierzo, setembro de 2009.
www.obierzoceibe.blogspot.com