jueves, noviembre 12, 2009

DEBATES SOBRE O TOPÓNIMO O BIERZO.


DEBATES SOBRE O TOPÓNIMO O BIERZO,
Por Xabier Lago Mestre, de Fala Ceibe do Bierzo.



Os debates sobre a recuperación da toponimia orixinal berciana levan moito tempo abertos. O Bierzo occidental ten como lingua propia e territorial o galego na súa variedade dialectal berciana. Pero non podemos esquecer que na rexión berciana existen outras dúas linguas máis, a castelá e maila ástur-leonesa. A interrelación entre as tres linguas complica a resolución do problema toponímico. Neste caso faremos un seguimento do topónimo principal que dá nome á rexión, é dicir, Bierzo, pois pode ter varias denominacióis segundo a lingua utilizada, El Bierzo, O Bierzo ou El Bierzu. A isto temos que engadir a proposta do sector que podemos chamar máis galegueiro que propón O Berzo, alternativa a O Bierzo por considerar esta última forma deturpada por outros idiomas.


Comezamos esta proposta de debate recorrendo á historia para traer as distintas formas documentadas ao longo dos séculos. Por suposto que veremos diversas formas gráficas no período medieval que amosan as dúbidas toponímicas dese tempo. A influencia de varios idiomas no mesmo territorio motiva a diversidade dita. Os distintos poderes institucionais (coroa, señores laicos, mosteiros, obispados…), cos seus oficiais, caso dos escribáns e notarios, dirixen e controlan os seus territorios dentro da rexión berciana. As institucióis exercen o seu poder mediante a palabra escrita sobre o pobo iletrado. Todo isto permite o dominio da toponimia escriturada, que non sempre coincide coa toponimia oral. Teimamos en que o poder institucional impón os nomes dos seus territorios dominados, caso do topónimo da rexión de O Bierzo. O recoñecemento escrito da toponimia oficial é un recurso máis do poder para someter os seus territorios ante a súa intervención.


O Tumbo do mosteiro galego de Samos amosa o topónimo Bergido nunha doazón do 982, provincia Bergido (973), Bergio (976), terra de Beriz (1175 e 1192) e Berizo (1185). Na diplomática do rei Fernando I atopamos os topónimos Berizi e Vergido (ano 1063). Mentres que conservamos da época do reinado de Fernando II Beriz (1169 e 1177), Berzido e Bercido (1182). A Crónica Tudense (do século XIII) recorda que o rei Afonso IX “pupulavit in Berizo Benevivere et Pontem Ferratum (…)”. Noutros documentos deste reinado xorden Bergidum (1197) e Berizum ((1218). O reinado de Afonso X (1252-1284) presenta de novo Berzio. O Cartulario do mosteiro berciano de Carracedo amosa os topónimos Bergido (1257 e 1273), Berezo (1262) e Berzo (1263). O outro mosteiro de Santo Andrés de Espiñareda inclúe na súa documentación Beryzo (1270), Berzo (1270), Berez (1273 e 1297), Berizo (1266 e 1272), Berezo (1276) e Bierso (1336).


Vista a variedade toponímica medieval, da lingua escrita, nos séculos seguintes consolídase á denominación castelá El Bierzo. Isto é así pola maior implantación do poder institucional da Coroa de Castela, burocracia, oficiais (corrixidores, alcaides, soldados…), señores laicos e eclesiásticos, rexidores nas vilas, etcétera. O complexo institucional foráneo (real, político, relixioso, xudicial…) impón as súas condicióis de vida social aos bercianos e ás bercianas. Así, na Idade Moderna non se podía acudir na procura da xustiza, ante un tribunal castelá, falando en galego porque nin o entendían nin se respectaba o uso deste idioma. Un berciano desas centurias do Antigo Réxime non podería utilizar outra lingua, fronte ás institucióis, que non fose o castelán, tanto a nivel oral coma escrito.


As formas toponímicas noutros idiomas territoriais, galego ou ástur-leonés, perviviron mentres non entrasen en conflito coa lingua castelá oficial. Así o recoñecemento oficial de El Bierzo acaba por impoñerse pola intervención institucional controladora da rexión estremeira. Os outros nomes, O Bierzo, O Berzo ou El Bierzu, restan nos ámbitos máis populares e rurais.
Mais os criterios filolóxico e histórico da toponimia berciana non deben ser os únicos determinantes da concreción da denominación de O Bierzo. Cremos que hay outros factores que son tamén chave na decisión definitiva. Referímonos aos sociolóxicos ou económicos que non poden deixarse de lado. Os bercianos e as bercianas temos unha conciencia colectiva bercianeira moi concreta. Esta reafirmación colectiva apóiase nos símbolos rexionais, caso da denominación territorial de O Bierzo. Non parece lóxico provocar confusióis identitarias por mor das desputas, filolóxicas ou ideolóxicas,entre O Bierzo e O Berzo, cando aínda non temos recoñecido oficialmente o máis admitido popularmente de O Bierzo.


Pola outra banda, a razón económica para manter a denominación O Bierzo tamén se debe ter en conta. O desenvolvemento endóxeno da nosa rexión periférica baséase na marca de calidade e turística que é O Bierzo. Hai unha numerosa producción agrícola (viños, froitas, carnes…) que precisan da marca de calidade O Bierzo para a súa comercialización e mercadotecnia a nivel autonómico, estatal e internacional. A denominación galega de O Bierzo suporá menos problemas publicitarios e identificativos para as nosas mercadorías que o hipotético O Berzo, porque aquel é máis semellante á forma castelá, plenamente consolidada a nivel social e económico de El Bierzo. Desviar hoxe recursos económicos, públicos e privados, para fixar o novo topónimo O Berzo sería moi cuestionado pola maioría social, e tería escasas posibilidades de éxito fronte á denomicación galega actual de O Bierzo.


1 Comments:

Anonymous Anónimo said...

Os da Agal creo que defenden a opción "Bercio", e din que era a forma empregada na idade media.

Sería un pouco chocante chamarlle agora así o Bierzo, pero como forma literaria esta ben.

7:57 a. m.  

Publicar un comentario

<< Home