martes, octubre 20, 2009

PROCESOS DE RESISTENCIA LINGÜÍSTICA NO BIERZO (2ª PARTE)


OS PROCESOS DE RESISTENCIA LINGÜÍSTICA NO BIERZO (2º PARTE)

por Xabier Lago Mestre, colectivo Fala Ceibe do Bierzo.



No eido socio-económico, medran as empresas locais e autónomos que van tomando conciencia da importancia comercial que pode ter a presenza da cultura galega. Así atopamos empresas con nomes en galego, amosando a súa cartelería nesta lingua (bares, tendas, restaurantes…). Certas empresas xa amosan os seus produtos con etiquetaxe parcial en galego (viños, froitas…), en parte pola relación entre o produto e a terra con toponimia galega onde se cultiva. A publicidade parcial en galego ten potencialidades sen explotar, pois podería favorecer as vendas de produtos bercianos en Galiza e Portugal, e incluso ser atraínte para os turistas da Comunidade Autónoma veciña que visitan O Bierzo.


Mención especial merece o tema dos medios de comunicación do Bierzo. Por suposto, os chamados tradicionais (xornais, revistas, radios e televisión) non permiten o uso do galego, nin oral nin escrito. Eles argumentan esta discriminatoria decisión en que se dirixen a un público maioritario en castelán. Aínda así hai que recoñecer a importancia que teñen estes mass media na difusión da nosa propaganda e información galegueira. Estes medios teñen unha gran difusión, un prestixio social e un poder mediático que debe ser aproveitado pola minoría galego-berciana. Dar a nosa información en castelán non é o mellor, pero peor sería desaproveitar eses medios por non editar en galego. Todo isto permite fixar un proceso informativo que dá protagonismo á minoría etno-cultural. A información continuada facilita a eliminación de prexuízos antigalegos, crea conciencia bilingüe entre todos, e permite o recoñecemento social da minoría galego-berciana.


Un futuro máis positivo pode abrirse coas novas tecnoloxías da información. Así os medios de comunicación na Internet admiten máis o bilingüismo. O problema actual é que a internet ten un seguimento maioritario só pola mocidade (blogues, foros, redes sociais…), polo tanto, haberá que agardar anos para a súa difusión xeneralizada.


Traemos a colación a demanda da TVG porque, ante o vindeiro peche analóxico, vai deixarse de ver esa televisión no Bierzo. Velaí a actual mobilización para que se poida recibir canto antes o sinal da TVG Dixital. Neste senso xa se están tramitando sendas resolucióis nos Parlamentos de Galiza e Castela e León para tratar de solucionar este problema que esixirá a colaboración entre os dous Gobernos autonómicos. Para a minoría galego-berciana é fundamental que se poida ver a TVG Dixital, de cara a mantermos a presenza televisiva do galego. A TVG ten feito moito polo prestixio e difusión mediática do noso idioma, e polo achegamento entre Galiza e O Bierzo, algo que non se debe estragar pola falta de cooperación interautonómica veciña.


O poder político, representado polos partidos, xoga un papel sobranceiro no futuro do idioma galego no Bierzo. Non se pode negar que a presión social continuada está provocando unha toma de conciencia lingüística na militancia dos partidos. O problema é que as executivas locais e comarcais dos partidos dependen de executivas de León e Valladolid, as cales determinan estratexias políticas uniformizadoras e globais, sen ter en conta as necesidades culturais do Bierzo. Hai tamén partidos rexionalistas minoritarios no Bierzo (PB, PRB e MAS) pero que teñen problemas ideolóxicos para conciliar o seu bercianismo e a presenza da minoría galego-berciana. O certo é que o BNG defendeu numerosas resolucióis a prol da defensa do galego do Bierzo nas Cortes Xerais, o Parlamento Galego e Parlamento Europeo, mentres que o PSOE fixo o mesmo nas Cortes de Castela e León. A presión social e política ante estas institucióis tivo numerosos resultados positivos pero tamén fracasos, como a falta do recoñecemento de oficialidade do galego na reforma do Estatuto de Autonomía de Castela e León de 2007.

O REMATE.


Dende o punto de vista socio-xurídico, non resulta lóxico que falantes da mesma lingua galega teñan ou non recoñecidos dereitos lingüísticos plenos. Isto último acontece cos falantes galegos do Bierzo. Por vivir na Comunidade Autónoma de Castela e León os bercianos non temos recoñecidos eses dereitos, mentres que os nosos veciños, da outra vertente do porto de Pedrafita si. A lóxica política actual permite esta desigualdade xurídica, que ten bastante de discriminación lingüística, pero difícilmente se poderá manter este contexto legal no futuro. A lexitimidade da minoría galego-berciana tarde ou temprano vai a impoñer a súa xustiza social, fundamentada no ordenamento xurídico internacional, europeo e estatal. Sen dúbida a actual resistencia antigalega dos políticos da Comunidade de Castela e León será derrubada. En fin, resulta lamentable que uns políticos casteláns aproveiten o seu poder institucional para impoñermos a súa ideoloxía monolingüe, e non concedan dereitos culturais á minoría galego-berciana.

O Bierzo, outubro de 2009.
http://www.obierzoceibe.blogspot.com/