jueves, enero 27, 2011

PRESIÓN ECLESIAL SOBRE OS FREGUESES LABREGOS DO BIERZO.


PRESIÓN ECLESIAL SOBRE OS FREGUESES LABREGOS DA PROVINCIA DO BIERZO,
Por Xabier Lago Mestre.



Os labregos bercianos da Idade Moderna sufriron as consecuencias negativas da presión dos poderosos durante os sucesivos séculos. Recordemos que no tema da fiscalidade, os labregos tiveron que satisfacer os trabucos reais, señoriais e eclesiais. Neste caso fixarémonos nos que a Igrexa recadaba a través das súas parroquias rurais. Tiramos os seguintes datos do libro de Vicente Fernández Vázquez, Arquitectura religiosa en El Bierzo (siglos XVI-XVIII).


FISCALIDADE PARROQUIAL.
A seguir facemos un desglose dos recursos derivados da fiscalidade parroquial. Os párrocos recibían os dereitos de capellanías, de sepulturas ou fosarios. Os ingresos por aniversarios e oficios relixiosos ían para o obispado e párrocos. Mentres que os diezmos se repartían entre cabildos, párrocos (os chamados menores, para os seus gastos e necesidades), abadías, laicos e facenda real a través do excusado e mailas tercias reais. As primicias financiaban a fábrica da igrexa, e o seu pago era en especie ou diñeiro (1 cuartal de centeo ou 4 reais respectivamente). Os que labraban con bueis pagan 4 reais, e os que facían a azadón, 1 real, se eran mulleres, a metade do dito real.


A administración dos diezmos provocou as demandas dos concellos. Este foi o caso do concello de Cubelos que pretendía que o mosteiro de S. Miguel das Donas financiase os arranxos da igrexa parroquial de S. Cristobal en 1678. O conflito chegou ata o Consello Real de Castela. Mediante Real Provisión de 1681 determinouse condena contra o mosteiro feminino para pagar o custo das obras da igrexa. Tamén se ordena ao corrixidor de Ponferrada a que secuestre os diezmos dos lugares ata que o mosteiro pagase todo o ordenado.


As primicias provocaron o enfrontamento entre os veciños de Ferradillo e o mosteiro de S. Pedro de Montes en 1684. O cenobio berciano esixía a asistencia a misa na igrexa monástica nas doce festas principais do ano. O acordó final entre as dúas partes significou que só habería que asistir a dúas misas. Pero as primicias non se modificaron, cada veciño habería de pagar un cuartal de centeo e mailas viúvas, medio cuartal.


AS OBRAS NAS IGREXAS.
O Bispado de Astorga regulou todo o que puido as obras de fábrica das igrexas. Conforme coas Constitucióis de 1592, ordénase “que el cura, en reparos de la Iglesia, no gaste más que dos mil maravedís sin licencia del ordinario o provisor”. O Bispado autoriza a construción das igrexas bercianas. Incluso podería obrigar aos veciños a contribuír nos gastos de fábrica. Así aconteceu coas obrigas aos fregueses de Sta. Marina de Ribas del Sil (1633). Ás veces os bispos delegaban estass funcióis nos párrocos e mordomos.


AS VISITAS PASTORAIS POLO BISPADO.
Os bispos realizaban visitas anuais polas parroquias do seu ámbito territorial. Estas visitas poderían ser delegadas en visitadores e provisores. As parroquias da provincia do Bierzo dependían dos bispados de Astorga, Santiago e Lugo, e tamén da abadía de Vilafranca. Estes delegados vixilaban as contas feitas polos mordomos, o estado da fábrica das igrexas, o estado das pezas sagradas e mailo cumprimento da doctrina. Por suposto, por estas visitas pastorais os fregueses tiñan que pagar os gastos de aloxamento e alimentación. Estas visitas provocaron en varias ocasióis o rexeito dos párrocos e dos veciños controlados.


A INTERVENCIÓN DA MORAL CATÓLICA.
A Igrexa fixo o imposible por controlar e impoñer a moral católica aos seus fregueses bercianos. Neste senso procurouse controlar os contactos persoais ou íntimos entre a mocidade, por exemplo cando ían ás brañas co gando. No século XVIII o bispado prohibíu as xuntas dos fiadeiros nocturnos, so pena de excomuñón para todo aquel que cedese a súa casa, e de 12 reais a cadanún que participase nesas reunióis.


A CONSTRUCIÓN DAS IGREXAS.
Os provisores, delegados do bispado, obrigan a realizar obras de fábrica, incluso coa resistencia dos párrocos e veciños. En Burbia, en 1683, o visitador impuso unha pena de 50 ducados contra os rexidores e mordomo e incluso excomuñon maior. Para na seguinte visita, insta ao rexidores a realizar a obra da ermida, no prazo de dous meses, agora baixo pena dobre de 100 ducados.


OS CARGOS DAS PARROQUIAS.
Os concellos bercianos elixían os mordomos das fábricas parroquiais e das ermidas, tamén os oficiais das confrarías (xuíz da irmandade, corredor e mordomo). Os vicarios eran elixidos polos patróns. Pero había ocasióis en que ninguén quería asumir a responsabilidade deses cargos parroquiais. Razón pola cal o bispado obrigaba a aceptar os ditos cargos, “que no se rebele ni aya por rebelado a ningún veçino de Burbia en concexo ni particular o fuese elegido por mayordomo ya se en la parroquia u otro santuario o cofradía (…)”. Incluso para favorecer a aceptación voluntaria deses cargos houbo que dar unha gratificación.


A CONVERSIÓN DE ERMIDAS EN IGREXAS.
Noutras ocasióis os concellos tiñan interese en converter as súas ermidas en igrexas parroquiais. Pero topaban coa resistencia dos mosteiros veciños que non querían perder poder sobre elas. Así aconteceu coa ermida de San Ildefonso, da Campo de Naraia. Os fregueses querían que fose igrexa, ante a oposición do mosteiro de Carracedo. Tiveron que procurar a intervención do bispado de Astorga para acadar o rango de igrexa en 1547.


O CONTROL DAS XUNTAS DOS CONCELLOS.
Os eclesiásticos intentan restrinxir o acceso dos concellos ás instalacióis relixiosas. Os de Vilar dos Barrios reuníanse no pórtico, “según solemos ayuntare en semejante día para nombrarlas personas que an de usar y hejercer los ofiçios de Juez y Regidores e procuradores y otros oficiales (…)”. O visitador da ermida de Ntra. Sra. De Entrambasaguas pide a un concejo que fagan un portal “más espacioso para que los sacerdotes en sus funciones puedan comer evitando se entren para este efecto dentro de dicha ermita como a subzedido en algunas ocasiones por el mas temporal y la endezencia que de esto se sigue (…)”. Trátase de separar claramente os espazos relixioso e civil (xuntas do concello, lecer, xogos e bailes. Por iso a mediados do século XVIII preténdese prohibir as actividades civís nos edificios, baseándose en que molestaban as celebracióis relixiosas. Foito desta política, en Rimor (1736), o visitador fixa que o concello teña lugar “a no menos de veinte pies (…)”. As autoridades civís, mediante Real Orden de 10 de xullo de 1783, prohiben a celebración de danzas ni gigantones en instalacióis relixiosas.