domingo, enero 29, 2012

DANDO UNHA VOLTA POLO BARCO DE VALDEORRAS.




VISITANDO O BARCO DE VALDEORRAS,
Por Xabier Lago Mestre.



Madrugamos en Ponferrada para coller o rexional cara a Galiza. Polo andén principal da estación escasos viaxeiros subimos ao tren. O comboi corre veloz pola chaira berciana, deixando atrás os solitarios apeadeiros, Posada, Viladepaos, Toural e A Barosa. Tras pasar polo chamado Estreito de Covas, circulamos coa compaña do río Sil. Na escura Galiza xorden as luces dos encoros hidráulicos e as estacióis de Quereño, Pumares, Sobradelo, para chegar finalmente ao noso destino, O Barco, capital de Valdeorras.

Baixamos ao baleiro andén ferroviario. Aínda é de noite. Por sorte, está aberta a cantina da estación. Pedimos un cafétiño quente. Para pasar o rato, collemos La Voz, e lemos sobre os problemas sanitarios do hospital comarcal. No alto da parede, os sons da TVG mestúranse coa conversa dos clientes que falan das súas cuitas. Amablemente, a cantineira achégase para ofrecer un trozo de roncón, benvido sexa!.


Por fin amence na vila barquense. Saímos do pequeño bar para camiñar polas solitarias rúas. Tomamos a avenida Marcelino Suárez, en pleno centro, e dirixímonos cara ao leste, na procura dos primeiros raios do sol que saen tralas montañas que nos bordean. Cruzamos a nova ponte para achegarnos á Casa Grande de Viloria. A súa fachada principal loce especialmente por mor das tenues farolas. Este pazo ten tamén un magnífico xardín interno con grandes árbores que agora ten un carácter público. Notamos que este espazo de lecer tivo moito aproveitamento este venres pasado porque xorde con bastante basura (bolsas, latas…). Tras tirar varias fotos damos marcha atrás.


Voltamos á dita ponte principal e atopamos un estribo da antiga ponte, derrubada por unha riada. Segundo un letreiro, a antiga ponte inaugurouse no ano 1902 como parte da estrada Ponferrada a Ourense. Pero o 27 de decembro de 1959, ás 18.50 horas, derrubouse por unha chea do Sil. Desa desfeita consérvase o estribo esquerdo, que agora é un bo miradoiro fluvial. Cercana atopamos unha curiosa pintada a prol do Bierzo Galego.


POLA ZONA VELLA DO BARCO.
Tras cruzar de novo o río, xa no Barco, metémonos pola rúa San Roque, que foi moi importante daquela pola súa actividade comercial. Aínda conserva pequeñas e fermosas casonas de fidalgos que paga a pena fotografar para o recordó. Nesta zona vella atopamos a baixada para un embarcadoiro que axudaba a pasar para as poboacióis da outra beira, agora xa hai unha nova pasarela peonil.


Chegamos á praza Maior con casas dos burgueses barquenses, presidida pola igrexa parroquial. Dende eiquí tiramos para o Malecón, lugar preferido para o esparcemento dos veciños e forasteiros. Cercana está a Casa da Cultura e diversos bares. Hai praia fluvial onde sofocar os calores do verán galego. Se hai tempo paga a pena facer todo o paseo pola beira do río Sil e desfrutar das vistas e do rumor das augas.


Xa no final do paseo fluvial, voltamos para o centro, pasamos preto de colexios e institutos públicos e do hospital comarcal. Collemos pola avenida Conde de Fenosa. A zona comercial vai collendo vida de compras do sábado. O Barco atrae xente dos concellos veciños que baixan á vila a mercar xa que ten claro carácter comarcal. Chegamos ata o Mercado de Abastos e, de seguido para a Casa do Concello, onde xorde o impresionante edificio. Tras atopar a libraría Murciego, observamos os libros do seu escaparate, onde contemplamos libros do Instituto de Estudos Valdeorreses. Por suposto, entramos para consultar os seus exemplares, por se algún deles fai referencia sobre o noso Bierzo. A amabilidade dos barquense no comercio non ten comparación.


ROTEIRO POLA CONTORNA.
O Barco está moi ben pero non se pode pasar por alto a súa contorna. Así temos varios roteiros turísticos para desfrutar da paisaxe e dos pobos cercanos. Se tomamos a chamada rota Monumental, podemos chegar á vila do Castro. A súa Casa Grande dos Flórez (1630) xorde cunha fachada de seis arcos de pedra vermella. Incluso O Castro foi cabeceira da xurisdición de Valdeorras. Seguindo esta rota chegamos ao mosteiro de Xagoaza. Na portada vemos a cruz da Orde de San Xoán de Xerusalén, monxes hospitalarios, pertencetes á Encomenda de Quiroga que tiveron este priorato, chamado popularmente mosteiro. Hoxe, restaurado, acolle unha moderna adega de viños godello. O edificio ten un claustro con galerías de madeira, mentres que a súa igrexa conserva pinturas do século XVI.


Por suposto, hai que recomendar outras rotas alternativas. A do Serro, por Vilobal, Entoma, e Xirimil, duns 10 quilómetros de percorrido. Outra caminata, chamada do Camiño Real, vai por Entoma, A Veiga de Cascallá e Alto de Xirimil. A rota polas Penas Marías, polo norte, xorde por Vilanova, Reporicelo, Outarelo. Mentres que o camín pola Serra do Eixe é a máis longa, sobre os 23 quilómetros, polo sur, cruza por Alixo, Domiz, Candeda, Campo dos Cairos e Alixo. Haberá outra ocasión para relatar polo miúdo estas rotas rurais que parten e chegan á capital barquense.


O Bierzo, febreiro de 2012.
http://sites.google.com/site/obierzoxa