IMPOSICIÓN ONOMÁSTICA EN CASTELÁN
IMPOSICIÓN DA LINGUA CASTELÁ
NA ONOMÁSTICA GALEGO-BERCIANA,
Por Xabier Lago Mestre.
NA ONOMÁSTICA GALEGO-BERCIANA,
Por Xabier Lago Mestre.
Moitos asumimos con normalidade os nosos nomes e apelidos porque nacemos con eles, trala decisión dos nosos país, e a correspondente inscrición no rexistro civil. Agora hai unha dinámica democrática de elección e modificación dos nomes propios, algo que foi excepcional en tempos anteriores. Neste artigo faremos mención a esa peculiar intervención administrativa histórica que forzaba a imposición da onomástica.
A ACTUACIÓN REXISTRAL DOS PÁRROCOS.
Os párrocos que exercían na provincia do Bierzo, durante o chamado Antigo Réxime (séculos XVI ao XVIII), foron adoutrinados nos seminarios do bispado de Astorga. Por suposto, os seus estudos realizábanse en latín e castelán. A preocupación eclesiástica pola lingua galega dos fregueses bercianos era nula. O galego non tiña ningún valor relixioso, considerado como fala popular ou dialecto menor, propio da poboación inculta e pagana. Cando os novos párrocos chegaban ás aldeas e vilas bercianas tiñan que enfrontarse coa problemática do bilingüismo.
Nas parroquias levábase a cabo o rexistro dos bautizos, casamentos e mortes. No caso dos nacementos, os curas tomaban a iniciativa á hora de poñer os nomes. Así, o santo do día moitas veces era asignado como nome do bautizado. Os pais buscaban a protección do santo do día para o seu fillo ou filla nacida ao darle o seu nome. E os curas, coa utilización dos nomes de santos procuraban o doutrinamento dos seus fregueses mediante o uso e fomento do santoral cristiano. Normal que a meirande parte dos nomes das persoas estean cheas de santos, Ana, María, Xosé, Pedro, Lucas e demais onomástica relixiosa.
A Igrexa lexislou a favor da onomástica claramente relixiosa. Temos o exemplo do sínodo ourensán, celebrado nos anos 1543 e 1544, onde se mandaba que se pusexen eses nomes, “cuando baptizardes (…) ponedles los nombres de sanctos e sanctas que están en el cielo, porque se les deis por abogados, e no Héctor ni Roldán, ni otros que habéis acostombrado a les poner (…)”.
Outra situación era a derivada da elecíón como nomes dos patrois das poboacióis. Así, no caso da Ponferrada era frecuente o nome da patroa, a virxe da Encina, para calquera neniña nacida nesta vila. O mesmo acontece coa virxe das Angustias de Cacabelos. Por último, tamén se escollía o santo principal do mes. Por xaneiro, san Sebastián, por marzo, san Xosé, por xuño, san Xoán e san Pedro, por xullo, santa Ana, santa Marta e santa Isabel, etcétera.
O historiador Bartolomé Bennasar incide neste tema da onomástica feminina de carácter relixioso. “En el siglo XVI los nombres de las mujeres españolas eran los de otros países cristianos. Al llegarse al XVIII, sin embargo, se operó una mutación, y ahora los nombres se referían casi todos a algún santuario de la Virgen. Se habían convertido en (María del, de la o de los) Encarnación, Visitación, Concepción, Esperanza, Angustias, Dolores, Amparo, Rocío, Montserrat y así sucesivamente (…)”. A ideoloxía relixiosa queda clara na onomástica feminina por mor da propaganda mariana.
Os párrocos tiñan todos os poderes á hora de elixir o nome dos seus fregueses e ben podían influír na decisión final dos pais. Os ditos poderes concrétanse no xerárquico (xefe da comunidade), simbólico, relixioso (intercede entre terra e ceo), e oficial administrativo (dos rexistros de bautizos, casamentos e mortes). ¡Como para non facerlle caso nas súas sabias decisióis! Está en xogo ir ao ceo ou ao inferno.
Poderá dicirse calquera opinión, pero se o pobo berciano do occidente rexional falaba galego o lóxico era respectar esta lingua tradicional, sexa por parte dos párrocos, alcaldes ou recadadores de impostos reais. Outra actuación contraria ao galego hai que cualificala de imposición cultural e lingüística.
OS ALCUMES (APODOS OU MOTES).
A utilización dos alcumes ou motes polas poboacióis locais do Bierzo, nas aldeas e vilas, entendemos que ten un componente de rebeldía social fronte á imposición legal e administrativa exercida polos oficiais dos rexistros tanto parroquiais coma civís á hora de fixar os nomes oficiais das persoas. Reacción social cara a uns nomes xeneralizados e comúns doutras moitas persoas (Pedro, Xoán, Lois, Xosé…) que vivían en territorios lonxanos.
O alcume individualiza á persoa ou á familia (porque pode afectar aos descendentes) na súa comunidade local. Resulta unha forma de recoñecemento social fronte a imposicióis onomásticas alleas comentadas. A asignación de alcumes veñen a conto de traballos profesionais (crebabanzaos, carpinteiro, ferreiro…), personalidade (coitao, valentes, retranca, raposo…), defetos físicos (manco, torto, virollo…) e demais. Por suposto, que ás veces algún deses alcumes podían resultar ofensivos ou xocosos nos seus inicios por mor do feito orixe da súa asignación colectiva. Dicir tamén que os alcumes sempre viñan acompañados do artigo determinado en sinal asimilación e apropiación social, recoñecemento colectivo, cercanía, afectividade, etc.
RESPECTO ONOMÁSTICO AOS SEÑORES XURISDICIONAIS.
A meirande parte dos vasalos bercianos tiñan un señor xurisdicional, laico (marqueses de Vilafranca, condes de Alba de Liste en Bembibre…), eclesiástico (catedral de Santiago en Cacabelos, bispado de Lugo ou Astorga…) ou monástico (Espiñareda, Montes, Carracedo…), fronte á minoría das zonas reguengas (Ponferrada, Val de Ancares…). Por suposto, un sinal de respecto cara aos seus señores foi poñer o nome destes aos fillos dos seus vasalos. Caso dos Pedro e Rodrigo, condes de Lemos, que dominaron a rexión do Bierzo no século XV. Tratábase de gañar con esta actitude paternalista favores presentes e futuros dos seus señores como xesto de fiel servidor.
O Bierzo, xaneiro de 2012.
http://sites.google.com/site/obierzoxa
http://sites.google.com/site/obierzoxa
0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home