martes, febrero 19, 2013

30 CABODEANO DO ESTATUTO DE AUTONOMÍA EN PONFERRADA



30 CABODEANO DO ESTATUTO DE CASTELA E LEÓN
EN PONFERRADA,
Polo Colectivo cultural Fala Ceibe do Bierzo.
falaceibe@yahoo.es

O luns, 18 de febreiro, o xornal Norte de Castilla de Valladolid trouxo a Ponferrada a dous dinosauros políticos, o socialista Demetrio Madrid e mailo Morano Masa, exalcalde de León e expopular. Dende logo que abraia a escasa publicidade feita deste acto público, froito do cal no salón de actos do Museo da Radio había máis políticos que público. O propio Demetrio dixo que estaba sorprendido pola escaseza de público. O certo é que estas anómalas situacióis estaban previstas pola organización. Non se pretendía un acto aberto con moito público para evitar problemas de críticas sociais e políticas. Máis en contra do acto. As preguntas tivemos que escribilas nunha folla, para evitar o trato directo cos senlleiros políticos, claro. Logo o moderador encargouse de peneirar e censurar as preguntas anónimas ao seu antollo, por exemplo a pregunta escrita sobre o galego non existíu no debate. En fin, todo ben controladiño pola organización. Lamentable acto de homenaxe ao Estatuto.

Pouco contido político na análise estatutario. Os conferenciantes falaron máis de sinxelas anécdotas ca outra cousa de interese. Para comprender o escaso interese dos políticos temos o exemplo de Morano Masa, en vez de mirar ao público, sen dar a cara, sempre se amosou de lado, en actitude moi pasiva. Supoñemos que o importante para el foron os cartos que lle pagaron para vir a Ponferrada a non facer nada de interese. Podemos considerar que os cartos deste financiamento público non deron proveito para os asistentes. As Cortes de Castela e León seguen botando os nosos diñeiros á papeleira. Este acto só serveu para desprestixiar o Estatuto de Castela e León.



O vello Demetrio Madrid lembrou a anécdota do seu encontro co profesor Claudio Sánchez Albornoz, ao seu regreso do exilio arxentino. Falando das autonomías entre ámbolos dous, o segundo comentou que o que tiña que facer Castela é curtar o subministro de enerxía eléctrica aos vascos ante a súa rebeldía autonomista. Isto lembranos as liortas entre Castela, durante a II República, cos vascos e cataláns polas reivindicacióis autonomistas daquela. O propio Demetrio foi moi crítico con Catalunya polas súas aspiracióis autonomistas de hoxe. Pero o certo é que non se pode esquecer que o autonomismo acadado por Castela e León se debe en grande parte ao que previamente se fixo en Catalunya. Xamais habería Comunidade Autónoma en Castela e León sen a axuda indirecta de Catalunya porque as elites casteláns non apostaban polo autonomismo territorial.

O ARRENEGADO LEONESISTA.
Foi toda unha sorpresa escoitar a Morano Masa arrenegar do leonesismo. Pero o certo é que el, dende a súa alcaldía, mobilizou aos seus viciños polo leonesismo daquela, nos comezos desta Comunidade Autónoma de Castela e León, reclamando a autonomía para a provincia leonesa. Agora recoñece os seus erros psados, cuestión da racionalidade por mor da súa idade avanzada e experiencia, ou quizais grazas a que o PP soubo comprar o seu silencio cos seus cargos ben pagados en Madrid. Iso si, aínda recoñeceu a súa rebeldía dentro do PP cando o "Non á guerra" e agora pola súa defensa da mineiría leonesa contra o Goberno central. Non queda isto eiquí. Este político expopular agora arremete contra as deputacións, mentres exista a Comunidade Autónoma de Castela e León, por ser ámbalas dúas incompatibles. Nesta dinámica antiinstitucional e antiterritorial, non faltou  o ataque ao Consello Comarcal do Bierzo. Todo un exemplo dun antigo leonesista reconvertido en autonomista de Castela e León e españolista, como el mesmo se declarou. 


O BIERZO NESTE DEBATE AUTONOMISTA.
Demetrio Madrid declarou que era un acerto conceder autonomía ao Bierzo en recoñecemento da súa personalidade e forte territorialidade. Pero tamén dixo que aínda faltaba desenvolvemento da Lei da Comarca do Bierzo. Comentou que este foi un primeiro experimento que pretendían continuar coa comarcalización xeneralizada de Castela e León, algo que aínda segue sen realizarse. Como exemplo de fracasos na ordenación territorial en Castela e León temos os intentos de comarcalización, creación de unidades funcionales, o mosaico das mancomunidades e agora nos falan dos distritos de interese comunitario. Todo sexa por gastar os cartos públicos en proxectos sen execución práctica.



RECOÑECEMENTO DO BIERZO NO ESTATUTO.
Para rematar simplemente recordar que por lei de Cortes de Castela e León se creou a Comarca do Bierzo, no ano 1991, e que concedía autonomía para esta rexión estremeira. A reforma do Estatuto de Autonomía de 1999 recoñeceu no seu articulado a lingua galega nos territorios periféricos de O Bierzo e das Frieiras, da alta Seabra. Isto permetíu o ensino da lingua galega nos colexios e institutos da nosa rexión na década seguinte. Unha nova reforma estatutaria do ano 2007 aprobou o recoñecemento expreso da Comarca do Bierzo, polo cal "unha lei das Cortes de Castela e León regulará a Comarca do Bierzo, tendo en conta as súas singularidades e a súa traxectoria institucional" (artigo 46.3). Este concreto texto estatutario reforza a protección xurídica da existencia legal da Comarca do Bierzo.

O Bierzo, febreiro de 2013.
www.obierzoceibe.blogspot.com



http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es