OS TRADICIONAIS MAIOS DE VILAFRANCA DO BIERZO.
OS TRADICIONAIS MAIOS DE VILAFRANCA DO BIERZO,
Por Xabier Lago Mestre, do colectivo cultural Fala Ceibe do Bierzo.
falaceibe@yahoo.es
Os maios foron moi populares no noroeste peninsular coma festa da primavera, dende as Nogais ata Pontedeume, pasando por Viveiro ou Mondoñedo. Aa versións tradicionais e ruralizadas van camín da recuperación nos ámbitos urbanos coma nos casos actuais das ciudades de Pontevedra e mailo Ourense. Polo que toca á rexión do Bierzo, temos os casos non tan coñecidos de Santalavilla:
“Este é o maio,
señora é,
este é o maio
que anda de pé,
que de pé, que de sentadas,
señora tire as casteñas".
ou en Landoiro (“No primeiro de maio hai que comer castañas porque se non éntrache o desmaio”ou “déanos castañas tio Manolo, déanos castañas que as ten no cazolo” ). E a tradición tráenos lembranzas dos maios de Bembibre, concretamente en Villavieja, onde había dos monecos, a Maya e o Mayo, acompañados de bailes de gaite e tamboril. Pola outra banda, en Palacios de Compludo soían plantar o maio, tratábase do carballo máis alto, e na súa cima colocábase un moneco vestido de labrego. Dito moneco baixábase o 31 de maio para acompañar aos mozos no pedimento cartos e comida para a posterior merenda da mocidade. Na localidade de Oencia, o moneco colocábase no castiñeiro máis alto, para logo subastar a árbore e baixar o moneco e dar boa conta del na correspondente fogueira popular e festivaleira.
CONTIDOS ORAIS DOS MAIOS DE VILAFRANCA.
Todos coñecemos ben o desenvolvemento dos maios de Vilafranca, por iso neste caso imos facer un detemento nas letras dos peculiares cantos populares. Comezamos polas que fan referencia á estación primaveral e mailo espertar da natureza.
“Marzo airoso,
abril chuviñoso,
sacan o maio florido i fermoso”.
No mesmo contexto traemos a colación o maio de Pontevedra:
“Este mes de maio
é o mes das flores
cando os paxariños
ven aos seus amores”.
O maio vilafranquiño humanizado tamén está ben presente.
“Este é o maio señora é,
este maio que andaba de pé”
AS COPLAS PETITORIAS.
Coma noutros casos hai un maio de pedimento variado e abundante. A razón e conseguir cartos e mailos alimentos para o posterior xantar ou merenda da mociade.
“Tire castañas, señora María,
Tire castañas que as ten na cociña”.
“Tire xamón señora Sonia,
Tire xamón que o ten no arcón”.
“Tire castañas, señora Manuela,
tire castañas que as ten na mantela”.
“Tire castañas, tía Susana,
tire castañas que as ten na romana”.
AS LETRAS DE REPROCHE.
Como non pode ser doutro xeito, cando non hai boa resposta a tales pedimentos populares, prodúcese o rexeito colectivo e incluso pode ser de xeito verbal agresivo. Normalmente hai un xogo de forzas entre os pedimentos da mocidade e a resposta dos vedraños e viciños dende as súas vivendas e balcois. As negativas dos segundos provoca o rexeito xeneralizado que se mantén ano tras ano para provocar a maior presión no tempo.
“Estas portas son de ferro,
onde vive un cabaleiro”.
“Estas portas son de estopa,
onde vive un lapasoupas”
“Esta casa é de cristal,
onde vive un xeneral”
“Esta casa é de pedra,
onde vive unha doncella”
“Esta casa é de lousa,
onde vive unha roñosa”.
“Esta casa é de cartón,
onde vive un maricón”.
“Esta porta é de lona
onde vive unha pegona”.
“Esta casa é de palla,
onde vive a Cagalla”.
ESTROFAS DE PECHE.
“Levántate maio,
bastante dormiche,
pasou un burro
e non o sentiche”.
“Entra maio coas súas flores,
sae abril cos seus amores”.
“Acóstate maio a descansar,
cando descanses volve cantar”.
“Viche o maio, míralle ben,
tres caralliños tamén volos ten”.
VERBAS DE REMATE.
Entendemos que sendo a cultura territorial e tradicional do Bierzo occidental claramente galega as ditas estrofas teñen que ser nesta lingua a pesares de que haxa participación de letras en castelán por influencia de períodos históricos de desprezo da nosa lingua minorizada. Neste sentido sería de interese achegar novas estrofas, con temática de máis actualidade. Para acadarmos isto sería interesante convocar concursos previos anuais, entre os escolares da contorna, para crear novas estrofas que ben poderían ser premiadas entre o alunado máis orixinal. Os maios tradicionais ben poderían manterse casándoos coa actualización propia do século XXI.
O Bierzo, maio de 2013
http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es
0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home