EXPOSICIÓN DE VIÑETAS DE SANTIAGO CASTELAO DIÑEIRO.
EXPOSICIÓN DE VIÑETAS DE SANTIAGO CASTELAO,
Por Xabier Lago Mestre.
falaceibe@yahoo.es
A Casa da Cultura de Ponferrada vén de abrir unha interesante exposición de viñetas de Santiago Castelao Diñeiro. O noso amigo vilafranquino leva tempo editando eses debuxos crítricos na internet. Agora todos e todas temos a oportunidade de desfrutar deles na capital do Bierzo, dende o 4 ao 14 de xuño. Ademais, o autor aproveita a ocasión para tirar un libro sobre eses debuxos, chamado “Secretos a voces”.
Do contido da exposición salientamos o uso da lingua galega ou fala da comarca segundo o seu autor. Unha mágoa que os bercianos do occidente non tomemos conciencia do outro idioma territorial que temos. Se non temos conciencia clara do que falamos non somos quen de recoñecer este tesouro común que temos con Galiza. Os dous territorios viciños posuímos o mesmo idioma, por iso nos entendemos tan ben cando o utilizamos sen prexuízos. Todo chegará para conseguir o desexado encontro cultural entre falantes de ámbalas ladeiras do Cebreiro.
Se vemos os personaxes das viñetas de Santiago atopamos homes e mulleres de pobo que teñen que falar na súa lingua territorial. Este é un xeito que achegarse á mentalidade popular para, dende abaixo, facer a crítica social. E todos os temas de actualidade son obxecto do ollo revirado de Castelao. Por suposto, a política non pode faltar, “Todos os cochos comen no mismo maseiro” (dos presupostos públicos), xa sexan bancos, políticos, sindicatos ou curas. Ou ese debuxo da moza espida co texto “estos políticos con tantos impuestos, nos están dejando en pelotas”. Cando non a súa crudeza crítica en “los partidos políticos son lo más antidemocrático de la política”, ademáis de “los que vinieron nos jodieron, los que vendrán nos joderán”, de remate.
A reacción cidadá, ante a imposición municipal abusiva, témola no debuxo da Colexiata de Vilafranca, “Yo no pago el IBI (contribución)”, mentres que dende as vivendas do viaduto, respostan “yo si pago el IBI”, “yo si pago el IBI”… Oxalá algún día atopemos todos a esixible igualdade na fiscalidade. Mentres tanto queda a queixa.
E segue a reclamación da igualdade legal entre os cidadáns na referencia ao Rei. “Dijo el Rey, que todos somos iguales ante la ley… veremos?. Castelao apúntase á homenaxe do mestre falecido, José Luís Sampedro, cando recolle as súas verbas. “Vivimos en una democracia autoritaria donde el pueblo no es soberano”. Outro tanto pasa con Noberto Beberide, “que me enseñó a deslizar la mansedumbre del lápiz sobre la hoja en blanco”. E, como non, tamén está presente Andrés Rábago, coñecido como El Roto, “un hombre que con una viñeta dice más que la editorial de cualquier diario de prensa”. Destes tres grandes recibe o bo influxo a obra gráfica de Santiago.
Outros temas que xorden son a cega, discrecional e lenta Xustiza, habería que engadir o de cara polas taxas xudiciais. O enchufismo político está presente en “Antes les llamaban enchufados y ahora les llaman asesores”, elixidos polo proceso de libre designación ou a dedo, como ben sabemos. Ademais temos a problemática da sanidade, “Y nosotros pagar los medicamentos y callar (Sacyl destina 650.000 euros a pagar a los 43 capellanes de los hospitales”. E qué dicir deses inmigrantes negros que viaxan na patera nunha lata de sardiñas. O desemprego, que non falte en plena crise laboral, “PP=PSOE. Agencias de colocación sin oposición”.
A crítica clerical non falta na tradición vilafranquina. “Eu nunca vin un solo santo que anduviera polo se pé” porque van sostidos pola devoción dos fregueses e os seus cartos. Outro tanto acontece cos abusos sexuais no seo da Igrexa. Hai unha peculiar composición xornalista, “Las mismas manos que abusaban de mí me daban de comulgar” que provoca a reacción do noso Castelao, “Pixo direito non cre en Dios”, ante o debuxo dun cura empalmado.
Esta exposición tan visual ben merece unha visita reflexiva que abra as nosas pechadas mentes. Cavilando sobre ela podemos estimular a reacción ante esta crise política, económica e social que nos invade. Boa falta nos fai ter referentes coma esta chamada crítica no seo dunha cidadanía tan dormente.
O Bierzo, xuño de 2013.
www.obierzoceibe.blogspot.com
http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es
0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home