lunes, febrero 08, 2016

DOAZOIS DE LIBROS GALEGOS POR FALA CEIBE DO BIERZO


NOVA DOAZON DE LIBROS PARA AS BIBLIOTECAS 
POLO COLETIVO CULTURAL FALA CEIBE DO BIERZO.
falaceibe@yahoo.es

Na rexión do Bierzo hai unha grande falta de libros en lingua galega.  Velaí a razón de que o coletivo Fala Ceibe do Bierzo teña por costume facer doazóis de libros para as bibliotecas públicas. Durante as derradeiras décadas varias bibliotecas recibiron libros. 

A BIBLIOTECA DE PONFERRADA.
Entre todas as bibliotecas salientamos a municipal de Ponferrada, a cal ten xa un importante fondo de libros en galego. Eiquí hai unha seción específica de literatura galega, antiga e contemporánea. Pero os libros en galego non están concentrados todos no mesmo espazo porque se distribúen por outras seciois de ensaio, caso da etnografía, dereito, enciclopedias, etcétera.


Esta biblioteca de Ponferrada é a máis grande da rexión do Bierzo. Ademais ten o maior número de usuarios, e está aberta a todos os bercianos doutras localidades que poden acudir na procura de libros en galego. A súa boa organización interna e a súa amplitude posibilitan a doada localización dos libros. En fin, que á hora de doar libros en galego esta biblioteca ten preferencia.

OUTRAS BIBLIOTECAS BERCIANAS.
As bibliotecas municipais das vilas da rexión tamén recibiron libros en galego. Referímonos a Cacabelos, Vilafranca do Bierzo, Bembibre, Toural dos Vaos, etc. Pero tampouco deixamos de lado o resto de pequenas poboaciois, como as bibliotecas de Campo de Ponferrada, Fontesnovas, Columbrianos, Catroventos, Devesas (S. Pedro), Valboa, Magaz de Abaixo, etc.


AS BIBLIOTECAS DOS CENTROS ESCOLARES. 
Cando comezou a recuperación do ensino do galego nos centros escolares do Bierzo tamén fixemos doazois de libros a estes colexios e institutos. Daquela o seu alunado non tiña libros en galego axeitados, nin nos seus centros nin podía mercalos nas librerías porque para éstas non resultaba rentável adquirilos. Por iso, viñeron ben as nosas doazois aínda que despois xa a Xunta de Galicia remesou novos libros a eses centros.

O PROTAGONISMO DO CONSELLO COMARCAL DO BIERZO.
O Consello Comarcal do Bierzo ben podería asumir a competencia de centro coordinador das bibliotecas bercianas. Está claro que unha biblioteca rural non pode ter moitos libros en galego, por iso estaría ben que os seus leitores puidesen ter doado aceso a libros en galego doutras bibliotecas bercianas ou galegas mediante un servizo de préstamo interbibliotecario. Este servizo estaría a cargo do Consello Comarcal berciano. Agardemos que algún día poidamos ver esta consecución cultural.


A INTERNET COMA RECURSO CULTURAL.
A nosa rexión do Bierzo ten graves carencias en materia de recursos culturais en galego. Así acontece coa falta de libros en bibliotecas municipais, non hai oferta de publicaciois en galego nas librerías, non chega o cinema, nin hai obras de teatro, nin presentación de libros, faltan xornais en galego, etc. Pero temos o recurso da internet galega para compensar semellantes carencias. 

O Bierzo, febreiro de 2016.


http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es