A TOPONIMIA HÍDRICA DO BIERZO
A TOPONIMIA HÍDRICA DO BIERZO,
Por Xabier Lago Mestre.
A rexión natural do Bierzo ten
unha ampla rede hidrolóxica ben diferenciada da conca fluvial da chaira de
Castela e León. Nesta ocasión faremos mención á toponimia hídrica do noso
territorio. De seguro que muitos van abraiarse do que se pode dicir deste tema.
Principiamos polo grande río Sil. Este artella o resto da rede fluvial xa que
todos lle tributan as súas augas. Máis curioso é dicir que o río Sil sempre
está a medrar en lonxitude. Referímonos a que as súas augas están erosionando
as terras chairegas, casos de Alto Sil, Boeza e Cabreira. Ao circular o río Sil
por cotas máis baixas cás da chaira castelá hai un proceso paseniño de escarvar
en terras lindeiras e foráneas.
Outro
dato curioso é que cando chegaron os romanos ao Bierzo para luitar cos astures
de seguro que o río principal da zona era o Sile, así escriturado nos
documentos medievais máis antiguos. Posiblemente, coa constitución da capital
de “Lucus augusti” o nome do río principal de Gallaecia foi o Miño que
curiosamente pasa pola cidade de Lugo. Mais sabemos de sempre que “O Sil leva a
auga e o Miño a fama”. Ben coñecemos do protagonismo do Bierzo, de Valdeorras,
Quiroga e da Ribeira Sacra, sempre irmanás co noso río Sil.
Non
podemos pasar por alto a importancia dos otros ríos, o Boeza, o Cúa, o Ancares,
o Burbia, o Valcarce, o Selmo, o Cabreira, ademais doutros menores. Concas
fluviais particulares que deron lugar a territorios con especificidades,
políticas e institucionais. Recordemos o señorío de Bembibre no Boeza, o
señorío de san Pedro de Montes en Valdoza, gobernación da Cabreira no
marquesado, meirindades de Aguiar e Valcarce, abadía de Compludo, real val de
Ancares, etc. Porque as ditas concas hídricas están delimitadas por serras e
cordais que favorecen a súa diferenciación cos territorios veciños. Velaí a
importancia das ditas xurisdiciois locais devanditas sobre o provincialismo
berciano na Idade moderna. Un veciño sentíase máis do Valcarce, de Bembibre, de
Ancares ca da provincia do Bierzo. Mais coa reforma provincial e municipal do
liberalismo decimonónico todo iso foi a desaparecer.
Voltamos
á toponimia hídrica para recordar a importancia das pontes no desenvolvemento e
localidades. Temos Ponferrada, coa súa ponte ferrada e tributaria, Pomboeza, san Andrés das Pontes ou A Ponte de
Domingo Flórez co seu protagonismo persoal. Compre ter en conta outras pontes
de importantes vías de comunicación, en san Román, Cubelos, Cacabelos,
Vilafranca. Cando non se cobraba polo seu paso, de persoas, gando ou
mercadorías, había que pagar pola súa reparación dende lonxanas terras, casos
das ciudades galegas e castelás.
Os
ríos tiñan outras pontes menos salientables. Son os pontelos e pontigos de
madeira de muitas localidades rurais bercianas. Feitas polo traballo comunal da
veciñanza servían para paso de persoas, gandos e carroaxes. Algún pontelo tamén
tiña funciois de acuedutos para levar augas á outra vertente, caso dos lameiros
e pradoiros de pasto. E xa que falamos do
transporte de auga, foi esencial nos meses cálidos a faceira comunal dos
canles. Consistía en limpar o traxeto das vellas canles de auga dende as fontes
e mananciais, e levala até as localidades para o consumo humano.
Os
ríos eran ben traballados para evitar as enchentas e regular os regos comunais.
Por iso a veciñanza facía banzaos naturais coa mestura de troncos, ramaxe,
pedras e terras. Cos banzaos e encoros podía estancarse a auga fluvial e
desviala para as canles de rego. Os concellos rurais fixaban as quendas cos
seus tempos de rego de cada veciño. No Bierzo chairego houbo comunidades de regantes, casos de
Vilafranca, Ponferrada, Cacabelos, etc. Outras canles ian para os muíños
comunais (de herdeiros) ou particulares, onde tamén había veceiras para a
moenda dos cereais. Velaí o desfrute dos tempos de espera coas muiñeiras, eses
bailes que chegan até hoxe con grande vitalidade.
Nos
diversos ríos, regueiros, arroios, canles, etc existían peculiares ecosistemas
sen igual, cos salgueiros, freixos, umeiros, loureios, sabugueiros, etc que
establecían colonias vexetais formando galería, e que creaban topónimos
hídricos. Mentres no interior dos ríos existían as pozas onde se bañaba a
rapazada nos meses estivais. Pozas que eran nomeadas polos veciños, en Vilafranca,
O Cabalo, A Burra de Pelao, san Quintín, O Sapo, As Veigas, A pena Rachada,
etc.
Onde
non había pontes existían vaos, eses lugares de pouca profundidade e que
permitían o paso de persoas, gandos e carros. O de máis sona é Toural dos Vaos,
onde se mesturan as augas do Burbia e Cúa. Mais tamén houbo en Ponferrada nas
ribeiras do Sil e Boeza, viables nos meses de estío.
Sen
pontes habían de recorrer a barcas, casos da zona de san Blas en Ponferrada,
barca que era arrendada mediante concurso público para o paso do Boeza no
século XVIII. No Barco de Valdeorras tamén tiñan porto e barca para pasar o Sil
até Viloira. Convén eiquí traer a colación que o topónimo O Barco non ten
relación coa existencia da dita barca. Na conca do Sil é mui común o topónimo
Barco é semellante a Bárcena do Río (localidade asolagada polo encoro), Bárcena
da Abadía, etc. Todos eles fan referencia a val con río entre montañas.
Unha
derivada dos topónimos hídricos son os regueiros e fontes. A súa presenza era
necesarias para a vida de humanos e animais. Loxicamente deron orixe a
localidades rurais, casos de Rodrigatos das Regueiras, Pobradura das Regueiras,
Fonte de Oliva, Fombasalá, Campo da Auga, A Lagoa xunta Galicia, etc. Non
podemos rematar sen recodar as ferrarías do Bierzo. Nelas quentaban mineral de
ferro que podía vir de lonxe, en carros de bois dende Formigueiros do Courel. Logo
se moldeaba o metal para facer utensilios varios (apeiros, ferramentas…). As
ferrarías bercianas necesitaban dos caudais dos ríos e localizábanse no
ocidente do Bierzo, salvo as de Valdoza, Cabreira e Compludo. Aínda temos o
topónimo As Ferrarías de Valcarce. A industrialización posterior foi unha dura
competencia económica que trouxo a crise para estas pequenas ferrarías
rexionais.
O Bierzo, maio de 2025.
0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home