O BIERZOGAL DIXITAL
O BIERZOGAL DIXITAL,
Por Xabier Lago Mestre.
O idioma galego tivo un uso
maioritario no Bierzo. Os seus falantes usaron esta lingua no medio rural, nas
aldeas e vilas, nas familias e veciñanzas. Mais houbo certos feitos políticos
que trocaron estas dinámicas lingüísticas. Así, trala derrota do conde de Lemos
en 1486, fronte os Reis católicos, principiou un proceso de castelanización,
fomentado pola chegada de oficiais castelaos (correxidores, rexidores,
escribáns, notarios, etc). Xa no século XX, hai que salientar o desenvolvemento
do capitalismo industrial no Bierzo. A oferta de empregos, públicos e privados,
foi a chamada para muitos traballadores de Galicia, Asturias e Andalucía que
poboaron os novos centros mineiros. Estes procesos favoreceron o medre do
castelán de xeito progresivo até o día de hoxe.
Xa
no século XXI vivimos con normalidade a dixitalización da sociedade,
administración, educación, etc. Por suposto, os diversos poderes (políticos,
económicos, etc) fomentan as linguas de maior número de falantes (español,
inglés…), para favorecer a súa expansión e a redución de costos de
comunicación. Mentres tanto as outras linguas son minorizadas. Este é o caso do
noso idioma galego do Bierzo. Abraia que os políticos valoren máis protexer
unha ermida, unha grande árbore ou un tañido de campás, mais non queren saber
case que nada da lingua tradicional dos galegofalantes do Bierzo.
Hai
unha falta de proteción legal axeitada do idioma galego. Non é abondo a mención
parcial desta lingua no Estatuto de autonomía de Castela e León. Segue haber
discriminación cos galegofalantes do Bierzo por non recoñecer maiores dereitos
lingüísticos. Velaí a reación dos propios falantes para manter viva a nosa
lingua discriminada. Un exemplo disto sería o seu uso lingüístico coa
dixitalización. De todos é sabido que os medios de comunicación tradicionais
(xornais en papel, radios e televisión) non favorecen o uso do galego. Por iso,
internet abre a porta para as linguas minorizadas. Hoxe varios dixitais
bercianos permiten o uso do galego, feito que favorece unha maior liberdade de
expresión dos seus leitores.
As
variadas redes sociais son unha alternativa aos medios de comunicación
tradicionais para atopar información polos internautas. Os galegofalantes
estamos nas variadas redes sociais dando protagonismo ao noso idioma acotío.
Con total normalidade compartimos comunicación nun contexto bilingüe
(castelao/galego) para enriquecer a cultura plural do Bierzo. O galego xorde
nos videos, fotos, memes, comentarios, etc. Esta dinámica de uso bilingüe
favorece a convivencia cultural e a sociabilidade con total normalidade. Atrás
restan aqueles rexeitos iniciais porque un internauta se expresaba en galego
cando a maioría facía os seus comentarios en castelao.
Certa
clase intelectual e cultural non ten sabido defender o idioma galego do Bierzo.
Tamén instituciois culturais e universitarias pasan do galego. Estas dinámicas
ben poderían ser cualificalas como antibercianas e antigalegas. Sen embargo, os
falantes toman o protagonismo cando usan o seu idioma nos medios de
comunicación coma as redes sociais. Bastante ten isto de resistencia cultural e
protesta social por parte dunha minoría lingüística asoballada. Aquelas ditas
instituciois non se interesan pola historia, a filoloxía ou a etnografía cando
ten relación co idioma galego do Bierzo, tan foráneo para a defesa dos seus
intereses ideolóxicos.
Tamén
hai que dicir que a nosa lingua galega ten boas posibilidades de futuro.
Primeiro, a conciencia bilingüe medra na sociedade porque coñecer idiomas
favorece a educación, atopar traballo, a comunicación, etc. Segundo, o galego
tradicional do Bierzo ten continuidade lingüística en Galicia e Portugal. Estes
usos idiomáticos foráneos favorecen a aprendizaxe do galego no Bierzo. Non cabe
dúbida que a funcionalidade lingüística é básica para o futuro idiomático. Así
caen as fronteiras administrativas, fixadas por algúns políticos foráneos no
Cebreiro e Covas, e que tratan de impoñermos. Internet achéganos ao galego e
portugués de novo tras séculos de illamanto forzado. Galicia e Portugal supoñen
o prestixio para a nosa lingua tradicional. Ben o sabemos cando viaxamos a
Galicia e falamos galego, ou cando visitamos o país luso e comprendemos tan ben
a súa lingua escrita. En ámbalas dúas zonas sentímonos coma na nosa casa por
mor do noso idioma común. Así se combaten os complexos de inferioridade secular
dos galegofalantes, coa galeguidade peninsular e maila internacionalidade da
lusofonía. Mentres outros nos censuran idiomáticamente, na internet temos un
novo espazo para exercer a nosa liberdade de expresión.
O Bierzo, maio de 2025.
0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home