o leonesismo muda?
O LEONESISMO MUDA?
Por Xabier Lago Mestre.
O medios de comunicación da
provincia informan dunha nova fomación leonesista, neste caso un tal SOS León,
pola Autonomía. A verdade é que isto xa non abraia a ninguén a estas alturas.
Os partidos prepáranse para as eleciois autonómicas que haberá no primeiro
trimestre do 2026. Todos ben sabemos que cando hai eleciois xorden novos
partidos coma cogumelos outonais. E na provincia renacen as formaciois
leonesistas ante a chamada das Cortes de Castela e León por ocupar unha cadeira
política.
O
leonesismo é experto na creación de partidos desta temática. Son tantas as
formaciois sucesivas que xa a memoria ten ocos baleiros. Os vedraños ben
recordamos o BAPL, o GAL, o PRPL, o PREPAL na década dos 80 do século pasado.
Logo, na década seguinte, viñeron os da UPL, e a súa división interna do PAL-UL,
tamén andaban por alí os Ciudadanos del Reino de León. Xa no século XXI xorden
os de Agora e Alantre, coa Plataforma por León e León Ruge. Houbo tamén unha
nova división na UPL, pois o seu Conceyu Xoven foi expulsado (2010), e os seus
seguidores formaron Conceyu País Leonés. Agora estes anuncian que se unen a
Unidad leonesa para formar o dito, SOS León. Tampouco olvidamos aos de UPS
(Unión del pueblo salmantino) que se integraron na UPL. En fin, vaia lería de
siglas políticas propias do leonesismo.
Coido
que coincidemos todos en que esta lea de partidos leonesistas demostra a pouca
unidade política que hai nesa ideoloxía rexionalista. Incluso podemos debater
se se trata dunha estratexia de acadar votos para un partido chamado UPL,
aproveitando o descontento social dunha provincia periférica e o enfrontamento
con Castela, ou se realmente hai unha ideoloxía leonesista.
Sorprende
que o leonesismo se fundamente para reclamar a súa autonomía territorial nun
vello reino medieval. Iso si, un reino leonés que pasa de recoñecer os otros
reinos veciños, de Asturias e Galicia. Xa sabemos, fan grande o seu reino de
León coa minorización dos outros lindeiros. De seguro que na Galicia e Asturias
non cavilan do mesmo xeito exclusivista e reducionista. Incluso os galegos
poderían reclamar máis autonomía por mor do seu reino Suevo ou da Gallaecia
romana. Fruito desta estratexia historiográfica leonesista os andeis da librerías
están cheas de libros medievalistas. O pior de todo é que esta demanda social
leitora determina os intereses da historiografía leonesa, caso da Universidade
de León, desbotando outros temas que se relacionan coa historia comarcal.
Un
exemplo desta revirada historiografía leonesista foi o caso do Bicentenario da
provincia de Vilafranca do Bierzo. Cando dende León se fomentaba o medievalismo
do seu reino, qué pintaba investigar sobre o provincialismo berciano?. Os
recursos económicos das instituciois de León, sexan da universidade ou da
deputación, son para fomentar os seus intereses provinciais. Non pode haber
concesiois de ningún tipo para os outros territorios comarcais. Non vaia ser
que o debate histórico sobre o provincialismo berciano sirva para cuestionar o rexionalismo
leonés unificador. Que do recoñecemento provincial berciano pode derivar a toma
de conciencia social e a posterior reivindicación política do que nos
corresponde por historia e pola descentralización que demandamos no século XXI.
Un
recente estudo, coñecido co rechamante título de “¿La venganza de los lugares
que no importan?” (2025), de Ángel Martín Gómez, salienta que o leonesismo non
ten seguimento na rexión do Bierzo. Alega o autor que a lexanía a capital de
León dilue o voto da UPL. Ademais que “debido a la persistencia de una
identidad berciana propia opuesta a la leonesa” resta poder ao leonesismo
político. Nada novo baixo o sol!. Incluso un mapa do dito artigo teima en que
na zona ocidental da provincia, a saber, Laciana, O Bierzo e A Cabreira a forza
leonesista está devaluada polos votantes. Podemos dicir que o bercianismo
social e político é un contrapoder para os leonesismo dende o comezo do período
democrático. Ademais o leonesismo non ve con bos ollos o que podemos chamar a
problemática berciana. Do máis aló do Manzanal, nin queren recoñecer a
necesidade da autonomía política berciana através do Consello Comarcal ou o
provincialismo, nin admiten a singularidade do Bierzo cultural e lingüístico do
galego.
Para
o leonesismo que haxa concellos bercianos que haxan aprobado mociois a prol da
autonomía do Bierzo é éxito sen igual. De onde non se tira case que nada, hai
que conformarse con pouco. Pois mira que o leonesismo fixo sucesivos intentos
por atopar seus votos na rexión do Bierzo, mais sen resultados positivos. Quen
pode crer ao leonesismo político cando no pasado atacou o recoñecemento estatutario
do idioma galego e denigrou a creación do Consello Comarcal do Bierzo como
intento de dividir a súa provincia. Agora ben, o leonesismo non é de fiar
porque non ten clarexo o que pretende para o seu. Uns falan dese país leonés
(triprovincial), outros do Lexit uniprovincial, e os do alcalde de León queren
a unión Asturias e León. Isto non é un proxeto de política autonomista, é
mofarse dos cidadaos, tanto leoneses coma bercianos.
Por
todo o visto, ese multipartidismo leonesista, a revirada historiografía
medievalista, a indefinición territorial e a falta dun proxeto autonomista para
a rexión do Bierzo supón que as dúas zonas veciñas sigan polas dinámicas tradicionais
de desencontro. León non pode aceitar a singularidade territorial, histórica e
cultural que dende O Bierzo reclamamos para executar as políticas propias co noso
autogoberno. Non importa canto tardemos en acadar nosos obxetivos políticos,
porque o certo é que temos avanzado, apesares da resistencia chairega. Este é o
caso da institucionalización do Consello Comarcal e a súa praxe política dende
1991. Ademais do recoñecemento estatutario do idioma galego (1997) e o seu emprego
no ensino regrado, o que non ten conseguido o leonés. Pasemos dos que sempre
nos din que hai que agardar ao que nos manden dende fóra. Iso fixemos cos que
condicionaban a creación da nosa Comarca a ter antes unha Lei de
comarcalización de Castela e León. Hoxe o leonesismo promete a nosa provincia
para depois cando eles teñan a súa autonomía rexional. O Bierzo ten de seguir o
seu vieiro de futuro.
O Bierzo, novembro de 2025.
.jpg)
.jpg)
.jpg)


0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home