martes, abril 28, 2026

NEGAN A LINGUA GALEGA DO BIERZO?

libreriacajondesastre.com


NEGAN A CULTURA GALEGA DO BIERZO?

Por Xabier Lago Mestre.

Recentemente teñen acontecido distintos actos culturais no Bierzo, casos da Feira do libro na capital do Bierzo, a Biblioteca infinita da Casa da Cultura de Ponferrada de animación á leitura e maila Gala da literatura berciana en Vilafranca. Todos estes acontecementos literarios deixaron fóra dos seus contidos unha parte da nosa cultura. Referímonos á lingua galega do Bierzo. Difícil resulta entender esta falta de conciencia da pluralidade lingüística da nosa rexión. Que os organizadores non falen galego non é razón suficiente para non ter presente a realidade bilingüe que temos dende séculos. A isto habería que engadir as actividades do Instituto de Estudios Bercianos ou daquela Festa da poesía de Vilafranca que tamén pasan do galego.

                Por iso temos de novo que recordar que o noso idioma ten asentamento nesta rexión periférica dende a Idade Media. Ben o sabemos os historiadores cando consultamos os tombos monásticos e cartularios de san Pedro de Montes, Carracedo e san Andrés de Espiñareda. Despois se deixou de escribir en galego pola obriga dos escribaos de usar o castelao, segundo os mandatos das Cortes de Toledo de 1480. Por suposto, os bercianos seguiron a falar galego nos eidos familiar, veciñal, comercial, agrogandeiro, etc. A literatura oral é abundante en diversas materias (contos, lendas, adiviñas, refráns…). Ademais temos que toda a toponimia do Bierzo ocidental está en galego (orónimos, hidrónimos, andrónimos, fitónimos…) e chegan até a actualidade da mao do rico folclore (música, muiñeiras, os maios, etc.



                Outro tema é que a oficialidade do castelao está a impoñerse sobre a lingua galega do Bierzo dende a Idade Moderna. A influenza castelá foránea asentouse nas instituciois da rexión. Así acontecera cos oficiais reais (correximentos, alcaides, recadadores…), cos gobernantes dos señoríos laicos (marquesado de Vilafranca, condes de Liste de Bembibre, condes de Toreno…), dos señoríos eclesiásticos (mosteiros bieitos e cistercienses reformados), bispado de Astorga e os seus cregos formados no seminario maragato. Todos eles nas súas instituciois non tiveron en conta o respeito aos galegofalantes. Estes tiveron que aprender a falar en castelao, primero o novo léxico, e logo nas escolas de primeiras letras, estudar a gramática e escribir. Mais a meirande parte dos bercianos non sabía escribir en castelao o que supoñía unha clara discriminación idiomática. Bercianos que aceitaban documentos oficiais que non entendían nesa escrita castelá (vendas, testamentos, foros agrarios, curadorías, etc. Esta inxustiza idiomática  acontecera durante séculos até que o sistema educativo público estatal chegou a tódala cidadania xa no século XX.

                Por suposto, algún día os herdeiros do idioma galego tomarían conciencia de que tiñan sido discriminados e reclamarían os seus dereitos lingüísticos. Así pasou coas rexiois periféricas (Euskadi, Catalunya e Galicia) na segunda metade do século XIX. Noutros territorios máis pequenos acontecera o mesmo, casos da franxa catalá de Aragón, Eonavia ou O Bierzo. Os procesos de concienciación lingüística quizais sexan lentos mais avanzan paseniño. Cando se recoñeceu o galego no Estatuto de Autonomía de Castela e León houbo muito abraio en León e tamén no Bierzo por parte dos que non lles interesaba esta lingua para nada. Logo os leonesistas correron a demandar o mesmo para a súa lingua.



                Tamén recordamos cando se aprobou o estudo voluntario do galego nos colexios do Bierzo. Houbo muitas dúbidas entre a comunidade escolar (pais, mais e mestres), tamén rexeito por eses temerosos das novidades pedagóxicas. Por iso alguis intentaron alarmar á poboación con diversas proclamas aloucadas (invasión, colonización, imposición…). Hoxe está todo normalizado no ensino, quen quere ser bilingüe escolle a materia de galego nos colexios, institutos e Escola Oficial de Idioma. Non hai mellor preparación para os estudantes que aprender idiomas coma o noso galego. Con esta lingua podes coñecer facilmente o portugués que ten lixeiras variaciois (léxicas, fonéticas e gráficas). En fin, co galego sabes dúas linguas que supoñen poder estudar en universidades galegas e portuguesas, e logo acadar un traballo en Galicia (Xunta, Sergas, Xustiza…). Todo isto desmonta a eses que din que o galego non serve para nada por ser un idioma minoritario. O que eses inimigos tratan é de machucar a nosa lingua tradicional porque os seus complexos e temores empecen coñecer a realidade pluriingüe en que vivimos no século XXI.

                E para rematar voltamos a valorar eses novos intelectuais locais que trata de dinamizar a vida cultural do Bierzo. Muitos deles semellan ignorar a nosa historia bilingüe. Pasan do galego do Bierzo e non contactan nin convidan nos seus actos públicos a escritores de Galicia. Para eles o que hai tralo monte do Cebreiro é outro mundo, teñen máis tendencia polos seus  escritores castelaos. Por sorte, outros escritores bercianos non pensan coma eles. Antonio Pereira, Juan Carlos Mestre e Fernando Cerezales tiveron o acerto de permitir a tradución das súas obras ao galego. Antes ainda houbo outros escritores en galego, Antonio Fernández y Morales, Antonio Carvajal, Francisco de Llano y Ovalle, Gilberto Ursinos, Héctor Silveiro, etc. Vai sendo hora de rachar con estas dinámicas culturais uniformistas que non admiten a existencia da cultura galega no Bierzo.

O Bierzo, abril de 2026. 



http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es