lunes, febrero 09, 2026

ESE FORO DO MANZANAL DE ALÉN


libreriacajondesastre.com


ESE FORO DO MANZANAL DE ALÉN,

Por Xabier Lago Mestre.

Chegan as eleciois do 15M!. O leonesismo político tan dividido toma posiciois na nosa rexión. Os do Lexit presentan o seu proxeto de división en dous distritos, Ponferrada e León. Un novo Foro do Manzanal fai un xantar en Canedo e debate sobre as malas relaciois do Bierzo con León. Todos revoltos na difusión do leonesismo e na procura do voto político. Nada novo por parte dos que prometen ouro dende o máis aló do Foncebadón.

                Naceu o Foro do Manzanal. Tiveron xuntanza en Canedo ás agachadas. Ninguén se enterou da súa presenza salvo polo seu comunicado resolutivo. Por suposto, os bercianos non temos sido convidados, ben, quizais dous dos seus afins. Mais pasaron dos bercianistas e galeguistas, nada de nada que somos muito perigosos para o seu relato leonesista. Eles viñeron, xantaron boa comida do Bierzo e fixeron un escrito para os medios de comunicación. Tal como viñeron, silandeiros, marcharon para a chaira leonesa. Non houbo tempo nin para a foto oficial dos escasos participantes. Un traballo ben feito!. Entre os asistentes un representante do Instituto leonés de cultura, da conselleria gobernada pola Upl na Deputación. Como din eles, todo mui apolítico, xa!.



                Vaiamos co contido dese comunicado final. Segundo nos contan, o obxetivo da xuntanza leonesista foi “frenar las dinámicas de división interna que debilitan a la provincia”. Comprobamos que son conscientes das diferenzas entre León e O Bierzo. Pois clarexo que hai diverxencias entre ámbolos dous territorios. Son históricas coa queixa polo centralismo capitalino (fiscalidade, xustiza, ensinanza, recrutamentos…), a demanda de autonomía berciana, a reclamación provincialista, nosa simboloxía diferencial (bandeira Cruceira), a forte conciencia bercianista social, presenza da lingua galega, etc.

Agora ben, eses foreiros falan dunha “división artificial” e que rexeitan ese “Bierzo versus León”. Mellor farían en entender a rexión do Bierzo e non devaluala continuamente. Isto pasa de sempre, a provincia de Vilafranca foi breve para eles, mais pasan da provincia anterior creada polos Reis Católicos en 1486 e que durou toda a Idade Moderna. Recordamos ben como criticaron a creación da Comarca do Bierzo en 1991 porque ameazaba a unidade territorial de León. Outro tanto acontecera co recoñecemento legal do idioma galego  (2007)  tan criticado polo leonesismo até hoxe. Ben que escribiron contra o colonialismo cultural, a oficialidade lingüística, o ensino do galego, a sinalización bilingüe, etc. Tolerías a esgalla!.



Para evitar as dinámicas de rachar a provincia leonesa, dos presuntos ataques de certos grupos bercianos, eles propoñen varias medidas. Por exemplo, “reforzar las señas de identidad compartidas, como la historia, los pendones o la estructura en juntas vecinales”. Está clarexo? Si, mirar máis pola historia común, caso do vello e manipulado reino de León, cuns reis sempre bos gobernantes e mellores cos seus vasalos. Iso si, pasar do provincialismo histórico berciano que sempre pretende rachar coa presunta unión leonesista. E que poden dicir do idioma galego, pois nada bo, porque divide aos leoneses lingüísticamente.  Iso si, os cartos da Deputación para restaurar pendois e as migallas da subvención anual para o galego do Bierzo.  Asunto pechado!.

Outra boa idea destes foreiros, recuperar a festa das comarcas leonesas. Vaia, agora apostan polas comarcas. Estas só contan cando editan os folletos turísticos. Hai un “Museo de los pueblos leoneses”, en Mansilla de las Mulas, que algún político tivo a idea de iso, mencionar os “pueblos” e non as comarcas. Daquela, debía de estar mal mirado políticamente ese recoñecemento comarcalista. Iso si, na presentación da web do dito museo lemos, “custodio de la cultura tradicional de las comarcas leonesas”. Para eles as comarcas non pasan da diversidade territorial (paisaxe) e do puro folclorismo, concretado nun traxe, unha canción, unha fala local e pouco máis.



Agora ben, no fondo saben que O Bierzo é máis ca unha comarca. Trátase dunha Comarca legal con recoñecemento político baseándose na tradición institucional, o provincialismo berciano histórico. Isto para os ditos foreiros é muito difícil de asimilar polo leonesismo. Eles teiman en que é unha comarca máis das variadas leonesas. Isto non casa co que pensamos os bercianos nin co dito recoñecemento xurídico. Todo semella indicar que hai dúas realidades territoriais e políticas, O Bierzo e León, e así ten sido na historia moderna.

Os ditos foreiros ameazan coa vindeira xuntanza que terá lugar en Montealegre. No lindeiro entre O Bierzo e León, ben alonxado para que vaian os catro gatos amigos. O impotante é elixir un bo lugar onde xantar. De seguro que tralo viño berciano sairá un mellor comunicado final.  Dos novos debates pouco podemos agardar cando tan mal comezaron en Canedo. En fin, estes foreiros son os que van unir a provincia leonesa. Non sei, todo isto soa a cando os leonesistas criticaron a Fundación Villalar por manipuladora da historia e da conciencia rexional, agora temos que aturar coa propaganda deste novo Foro do Manzanal cazurreiro.

O Bierzo, febreiro de 2026.



http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es