OS MARQUESES DE VILAFRANCA NAVEGANTES.
OS MARQUESES NAVEGANTES,
Por Xabier Lago Mestre.
Sabemos da existencia dun
documental titulado Bahía 1625. Historia sobre lienzo. Este traballo
cinematográfico refírese á batalla pola recuperación de San Salvador de Bahía,
a capital do Brasil daquela. Nesa época os holandeses ocuparon militarmente esa
cidade, como cabeza de ponte da súa expansión colonial. De inmediato, a Coroa
de España organizou o exército naval con Portugal para a recuperación dese
territorio perdido.
Convén recordar
neste caso a política internacional belicosa. España guerreaba sen parar. Velaí
a Guerra europea dos 30 anos (1618-1648) entre católicos e protestantes.
Ademais a Guerra dos 80 anos (1568-1648) ou de Flandes. Neste contexto, os
holandeses toman San Salvador de Bahía para favorecer o seu comercio con
Hispanoamérica. A reación española non se fixo esperar, os reinos peninsulares
estaban unidos pola chamada Unión de Armas que organizou o conde duque de
Olivares, Gaspar de Guzmán. Cómpre ter en conta que Portugal e España formaban
un mesmo imperio baixo o rei Felipe IV. A expedición militar lusoespañola cruza
o Atlántico até chegar a San Salvador de Bahía, e tralo asedio dun mes, tivo
lugar a vitoria aliada.
Chega o
momento de desvelar a presenza do Bierzo neste acontecemento belicoso. Entre os
comandantes da flota naval peninsular estaban Fadrique de Toledo e o portugués
Manuel de Menezes. Este mando internacional dual dirixía 38 naves con 8.000
soldados, deles 21 grandes galeois. O Fadrique de Toledo Osorio estaba
emparentado cos marqueses de Vilafranca do Bierzo. El era capitán xeneral de
Mar e Terra, ademáis da capitán da armada do océano e da xente de guerra do
Reino de Portugal. Nacera en Nápoles en 1580 porque o seu pai foi Pedro Álvarez
de Toledo y Colonna, V marqués de Vilafranca e gobernador do Milanesado. Xa
sabemos dos importantes cargos que tiveron os marqueses de Vilafranca na
política internacional (virrei de Nápoles, virrei de Sicilia, príncipe de
Montalbán…). Estes altos oficios na Corte de Castela supuxeron grandes ingresos
económicos e sucesivos títulos reais (Ducado de Fernandina en 1559, Grandeza de
España en 1623…). Noso Fadique de Toledo tamén conseguíu a merced de ser o 1º
marqués de Villanueva de Valdueza (1634) e varios cargos militares na Armada
española.
Resulta
impresionante coñecer as batallas militares do Fadrique de Toledo. Estivo a
luitar en Gibraltar (1621) contra os holandeses, tamén no Canle da Mancha
(1623), logo pasou a guerrear no dito Brasil (1624). No Caribe enfrentouse cos
ingleses pola recuperación da illa de San Cristobal (1629). Sen embargo,
rexeitou ir a Pernambuco contra os holandeses. Por esta oposición caeu en
desgraza co poderoso conde duque de Olivares, sufríu un proceso de
desobediencia e foi condeado (1633). Finalmente, é reabilitado polo rei Felipe
IV que lle concedeu o título de marqués de Villanueva de Valdueza, mais morrera
pouco despois (1634).
OS DOUS CADROS
DE DON FADRIQUE DE TOLEDO.
Todos sabemos
da importancia do Museo do Prado de Madrid por mor das súas variadas coleciois
pitóricas. Muitos deses cadros formaron parte da colección real. Este foi o
caso dous cadros da Sala dos reinos do Palacio do Bon Retiro. Eiquí estaban
recollidos cadros que representaban batallas por terra e navais referidos ao
imperio español. Pinacoteca real recompilada para valorizar a institución
monárquica absolutista. Neste apartado queremos facer referencia a dous cadros con
protagonismo do noso militar Fadrique de Toledo. A primeira obra representa a Toma
de Bahía, polo pintor frei Juan Bautista Maino. O noso Fadrique xorde debuxado
cos dous personaxes máis importantes, a saber, o Rei e mailo conde duque de
Olivares. Todo isto na parte superior dereita do cadro. Por suposto, hai muita
teatralidade nesta representación dos poderes civís que xorden coa súa simboloxía
propia do poder (conde de Olivares coa espada da xustiza, Rei vitorioso e
defesor do cristianismo fronte aos herexes calvinistas, Fadrique con bastón de
mando e banda colorada de xeneral, etc). Na parte inferior xorden os inimigos e
derrotados holandés (baixo as botas do Rei e de Olivares) e pedindo clemencia
ante o vitorioso Fadrique de Toledo. Pola outra banda, á esquerda do cadro,
temos un intento de naturalidade forzada, co arcabuceiro ferido, a muller
enfermeira, os menores chorosos e certos vasalos. O aspecto paisaxístico recrea
a baía co poderío naval español. Non falta a presenza do provindencialismo, na
parte superior dereita, sempre sobre o poder terreal (Coroa e Goberno). Por mor
da dita doutrina provincialista todo sucede porque así o determina a Divinidade
suprema, que protexe neste caso a vitoria naval cristiá sobre os protestantes
holandeses.
O noso
Fadrique de Toledo tamén é protagonista noutro cadro presente no Museo do
Prado. Trátase da recuperación da illa de San Cristobal, nas Antillas menores,
no Caribe, fronte aos ingleses. Esta obra é do pintor Félix Castelo e
representa unha escena ben bélica. O cadro retrata na parte dereita ao Fadrique
cos membros da súa xefatura militar. Curiosamente, Fadrique mira de fronte aos
espectadores, en sinal do seu protagonismo e atrevemento en un primeiro plano.
Debaixo del está o seu exército que desfila. No centro do cadro, unha escena
bélica, un forte inimigo bombardeado pola flota española en formación de
combate, mentres por terra avanzan os soldados para o asalto final do baluarte.
O curioso do caso, é que, trala marcha dos españois, pouco durou a alegría
bélica pois a illa volveu a maos dos ingleses.
Así pois, toda
una iconografía ao servizo do poder (Coroa, Goberno central e militares). Estes
poderes toman todo o protagonismo nas súas celebraciois e representaciois
públicas. Trátase dun clarexo intento pitórico de propaganda bélica e
ideolóxica para afincar as estruturas do poder imperial e colonial español sobre
a competencia internacional, sexan holandesa, inglesa ou francesa. A alta
nobreza española, deixou de pelexar entre sí no campo de batalla, casos dos
condes de Lemos na Galicia e O Bierzo, para facer política na Corte, e así
conseguir novos cargos internacionais que viñan acompañados dos bos ingresos
económicos propios dos seus desempeños gobernativos e militares nas colonias.
.jpg)

.jpg)


0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home