A SUPERAR AS DESPUTAS LINGÜÍSTICAS NA REXIÓN DO BIERZO.
A SUPERAR AS DESPUTAS LINGÜÍSTICAS.
Por Xabier Lago Mestre.
Os bercianos de xeito xeral opinamos que na nosa rexión ben que se fala o idioma galego. Xa nin sequera dende León cuestionan esta realidade lingüística. Noutrora tivemos que escuitar muitas toulerías cazurras que negaban a existencia do noso idioma territorial. Recordamos aínda cando nos dicían que no Bierzo falabamos eses chapurreao, dialeto berciano, modalidade galegoleonesa, falas locais e comarcais varias, etc. Que bo iso de que os de fóra do Bierzo fosen capaces de determinar o que os bercianos falamos dende a Idade Media. Até onde chega o centralismo cultural leonés!.
O dito, a meirande parte dos bercianos sabemos que falamos galego, apesares de que hai algúis que aínda non o teñen muito clarexo este tema. Por iso, voltamos a informar máis polo miúdo sobre esta problemática. O primeiro é saber que as mentalidades sociolingüísticas evolucionan co coñecemento coletivo. Eses que dicían falar chapurreao ou falas pecaban dun excesivo localismo idiomático que non les beneficiaba. Por suposto, non de pode illar esas falas locais dos idioma territoriais en que se insiren históricamente. Este pode ser o caso do plural dialetismo galego (comarcal ou local) integrado na lingua galega do noroeste peninsular. Dialetismo que se concreta no variado léxico, fonética e morfosintaxe.
Por suposto, os filólogos teñen o seu protagonismo na determinación das linguas. Os seus estudos son tamén variados e non sempre coincidentes nas súas teses. Uns defenden que hai un continuum lingüístico dende Catalunya até Galicia pasando por Aragón e León. Este é o caso de Ralph Penny, que di que non hai linguas territoriais veciñas senón dialetos ou falas. Para outros a toponimia demostra que no Bierzo hai un sustrato lingüístico leonés antigo no que se superpon o galego foráneo. Este é o caso do filólogo asturiano Jesús García García.
Tamén temos o caso da denominación dialeto berciano. O primeiro en utilizalo foi Antonio Fernández y Morales no seu libro “Ensayos poéticos en dialecto berciano” (1861). Para este autor tratábase de un dialeto galego, si bien el berciano es un subdialecto gallego, se castellaniza á medida que los pueblos del país de que me ocupo se van acercando á Castilla. O máis curioso é que esta expresión, dialeto berciano, continúa na atualidade con outro sentido. O torenés Francisco González González defendía o dialeto berciano como mestura de linguas veciñas (galego, leonés e castelao). Sen embargo, sintomático é que eses defensores do hipotético dialeto berciano xamais se atreveron a escribirlo. Tampouco puideron fixar unha gramática común, e non pasaron de recompilar vocabularios comarcal ou locais. O seu excesivo localismo filolóxico berciano non dá para máis.
Logo temos aos etnógrafos, caso da leonesa Concha Casado Lobato, que apostaba polas falas locais coma obxeto de estudo orixinario, caso do cabreirés. Os ditos grupos de filólogos e etnógrafos comentados rexeitan as influenzas das chamadas linguas territoriais. Ven unha ameaza foránea, caso do galego no Bierzo, porque alteran as falas territoriais que aqueles defenden con paixón. Mal apoio fan eses ditos investigadores a eses dialetos e falas locais cando baten contra os idiomas normativizados. Eles non queren o mantemento deses dialetos nun futuro, senón que sigan así até morrer por falta de falantes. Só pretenden ter un obxeto lingüístico que estudar, ben documentado e conservado nas súas grabaciois fonolóxicas.
Pola outra banda, outros filólogos tamén estudan o dialetismo galego do Bierzo, para desmostrar a existencia desta lingua na nosa rexión dende a Idade Media. O profesor Francisco Fernández Rei estableceu os tres bloques idiomáticos do galego, situando O Bierzo no máis oriental compartido con Eonavia, Valdeorras, O Bolo e As Portelas da Seabra. Pola súa banda, a filóloga Ana Seco Orosa fixou as liñas idiomáticas coñecidas coma isoglosas que definen a caracterización filolóxica específica entre variedades veciñas, caso do galego e leonés. Ademais outros etnógrafos estudaron no Val de Ancares (J. Fernández González, 1978) e Fornela (X. González Reboredo, 2002), atopando muitas coincidencias lingüísticas con Galicia.
Máis aló dos estudos de todo tipo, o importante é que non se pode cuestionar a presenza histórica do idioma galego no Bierzo. Os falantes galegos non queremos apostar por posturas idiomáticas suicidas, coma esas que din defender un presunto dialeto berciano en utilizalo para nada, ou unhas falas comarcais ou locais que dividen sen xeito. Ante a perda de falantes hai que ofrecer un idioma galego con novas potencialidades.
Fronte a eses filólogos, historiadores e etnógrafos anquilosados no seu pasado idealizado. Persoeiros que egoistamente fomentan un localismo lingüístico aloucado sen instinto de supervivencia idiomática. Eles non son capaces de defender o galego do Bierzo, nin de utilizalo, mais sentan cátedra dende as súas cómodas cadeiras académicas. Tratan de forzar e propagar a súa visión cultural elitista e castelanizada, mentres minorizan sen xeito a lingua galega do Bierzo durante as últimas décadas. Abusan do uso dos cartos públicos para os seus intereses particulares e non para fomentar o pluralismo cultural e lingüístico.
Pasemos deses ditos seus atrancos elitistas acotío e miremos para diante. Así fan os miles de estudantes de galego na nosa rexión que apostan polo fomento da nosa cultura minorizada secularmente. Esta mocidade quere un galego moderno con novas funcionalidades (administración, dixitalización, intelixencia artificial, robótica, etc) no século XXI. Teñamos visión de futuro pro galego, da mao da modernidade, coa normativización, dixitalización e internacionalismo. Os galegofalantes luitamos contra esa fronteira política e cultural que nos alonxa de Galicia e que nos afasta da irmá Valdeorras. Temos un idioma galego que ben que nos abre ao mundo co veciño portugués. Esteamos orgullosos da nosa cultura e lingua galegas porque co noso bilingüismo histórico damos exemplo de humanismo aos que nos queren censurar.
O Bierzo, xaneiro de 2026.
.jpg)
.jpg)
.jpg)

.jpg)

0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home