COA NOSA TOPONIMIA BERCIANA.
COA NOSA TOPONIMIA BERCIANA,
Por Xabier Lago Mestre.
Un dos temas máis complexos de estudar da historia do Bierzo é o da toponimia. No caso da nosa rexión temos varias linguas dende a Idade Media. Os falantes destes idiomas crearon a súa toponimia de diversos xeitos. Así os poderes institucionais de cada tempo fixaron as denominaciois oficiais dos seus territorios e localidades dependentes. Noso termo Bierzo tivo antecedentes en Bergidum, Bergida, Berizo ou Berzio, e nas linguas territoriais hoxe xorden O Bierzo e El Bierzu como dín en León.
Recordamos a concesión de cartas forais de repoboamento aos seus vasalos por parte de reis e señores laicos e eclesiásticos. A localidade de Burbia, entre os ríos Burbia e Valcarce, pasou a chamarse Vilafranca en tempos da concesión da carta foral de 1192 polo rei Afonso IX. As crónicas falan da repoboación real de Benevivere e Pontem Ferratum no século XII. Outro troco toponímico foi o caso de Poimalo (1154), en Torre do Bierzo, que pasou a ser Podiobona (1165) pola intervención dos novos frades de santa María. Cando o mosteiro de san Pedro de Montes dominaba na Valdoza e maila Cabreira repoboara San Clemente en 1205 e Noceda da Cabreira en 1149. Por suposto, os señores medievais oficializaban por dereito escrito os nomes das consideradas as súas localidades. Velaí que a medieval Valdoza se convertera en Valdueza na Idade Moderna.
Certos filólogos pescudan pola fixación de lindeiros lingüísticos na rexión do Bierzo. Incluso desputan polos límites entre o galego e o leonés entre os ríos Sil e Cúa, ou din que Ponferrada resta fóra da zona galegofalante. Mais é certo que a documentación medieval teima nos topónimos galaicos na vila do Sil, casos de monte do Fabeiro, Quintanela, Compostela, Devesas, Vao, Fontes novas, Sile, Toural, Meraio, Orbanallo, Oza, Cortigueira, Villacideira, Rañadoiro… E escribiron antigamente Pontem Ferratum, Ponsferratus (1131) e Ponteferrata (1178). Agora ben, Ponferrada recorda Ponte+ferrada, en concordancia feminina do galego. En Galicia atopamos semellanzas filolóxicas con Pontevedra e Ponteareas. Por certo, non evolucionou a Puente Fierro en asturleonés. Outro tanto pasou cos topónimos galegos máis lonxanos (Foncebadón e Cruz de Ferro) que non consolidaron as formas leonesas.
Sintomático é o caso da vila de Bembibre. Este topónimo xorde nalgunha documentación medieval coma Benevivere e Bienvivre. Este último semella a intención fracasada do escribán de leonesizar ese termo cun ditongo aberto. Agora ben, hoxe mantén seu Bembibre. Por certo, topónimo mui común en Galicia, en val de Dubra, Viana do Bolo, Taboada, ademais de Bembrive en Vigo e Membibre en Abadín de Lugo. Tamén no século XVIII atopamos escritos co erro Membibre do Bierzo. Algo significará que o termo Bembibre estea tan presente en Galicia e non en terras da chaira castelaoleonesa.
Noutras zonas sabemos de certos irmanamentos toponímicos. Coñecemos O Barco de Valdeorras que nada ten que ver coa existencia dun barco senón cun val grande que alí e abre. Augas enriba, no Bierzo, temos Bárcena do Río e Bárcena da Abadía que semellan ter relación co dito O Barco. Ademais os filólogos insiren nesta dinámica toponímica a Barxela e Barxas, ademais de Barxamaior (A Nogais) e As Barxas (Quiroga). Mentres que Congosto, xunta ao medieval Cubelos, parécese ao Congostra, lugar ben estreito, topónimo abundante en Galicia.
Outra caraterización dos topónimos é que evolucionan territorialmente. O Bierzo era coñecido como a zona chaira diferente das zonas montañosas periféricas. Sen embargo, a chamada provincia do Bierzo xeneralizou esa denominación até as fronteiras serranas estremeiras. Os pequenos vales do Bierzo ocidental manteñen os seus topónimos territoriais, Fornela, Ancares, A Somoza, O Valcarce ou Aguiar. Abraia o caso de Ancares, que pola intervención política no século XX, estendeu a súa denominación pola veciña terra histórica de Cervantes. No caso da comarca da Cabreira, agora xorde cunha denominación común cando na Idade Moderna estaba dividida en partidos (Cabreira, Odollo, Lousada e Ribeira).
Os historiadores tamén sabemos como coa creación da provincia do Bierzo polos Reis Católicos (ano 1486) este territorio quedou integrado no sistema fiscal da Coroa de Castela. Cando chegaron os recadadores fiscais dende Castela tiveron de facer os censos por tódalas localidades. Nos correspondentes documentos censais xorden os novos nomes das poboaciois. Por suposto, eses oficiais reais foráneos castelanizaron os termos locais porque non lles soaban ben as verbas en galego. Por iso, na documentación castelá do século XVI lemos erros toponímicos como: Barjas, Gestoso, Sotelo, Vega de Valcarcel, Balboa, etc. Asemade o idioma castelao foi o único utilizado pola escrita moderna. Velaí a razón de que os nomes castelanizados fosen tomados coma oficiais co devir secular.
O idioma castelao na Idade Moderna foi utilizado como instrumento de comunicación polos poderes político, económico e relixioso. Así se estableceron relaciois desiguais entre quen ben coñecía a lingua castelá, oral e escrita, e quen a ignoraba, os iletrados, a comunidade galegofalante do Bierzo. As relaciois coa burocracia castelá necesitaban constantemente de intermediarios, procuradores, escribaos e notarios, sempre asalariados. Ante estes oficiais de nada servían os topónimos e andrónimos en galego, todo era castelanizado ante o poder da grafía foránea. Nada se podía reclamar ante un poder monolingüe. Só algúns reclamaron recoñecemento para o galego, casos do frei Martín Sarmiento e pai Feijoo no século XVIII.
O pior de todo é que as situaciois toponímicas discriminatorias continúan en pleno século XXI. Traemos a colación certas imposiciois políticas de hoxe. A Lei do réxime local de Castela e León (1998) obriga a que “la denominación de los municipios habrá de ser en lengua castellana” (art. 24.1). Exemplo abraiante desta intencionalidade política de rematar coas outras linguas minorizadas, caso do galego do Bierzo. Para bater contra desta inxustiza lingüística fai falta o recoñecemento de dereitos idiomáticos á comunidade galegofalante, xa que o Estatuto de Autonomía de Castela e León de hoxe non nos protexe axeitadamente.
O Bierzo, xaneiro de 2026.



.jpg)
.jpg)

0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home