A RAIÑA URRACA DE LEÓN IDEALIZADA.
ESA RAÍÑA URRACA IDEALIZADA,
por Xabier Lago Mestre.
En León están a celebrar o 900 aniversario da morte da raíña Urraca. Ben sabemos do amor do leonesismo polos seus reis fronte aos castelaos. Todo sexa por louvar o vello reino medieval, antecedente histórico do Lexit que procuran hoxe. Dende logo que non foi normal a presenza de raíñas mais iso non significa resaltar o seu reinado sen ningún tipo de cuestionamento historiográfico. Ben sabemos que sempre o poder é idealizado e máis cando hai intereses políticos propagandísticos detrás.
Convén comentar que os vellos reinos medievais eran instituciois patrimonializadas polos representantes da Coroa. Eses reis herdaban as coroas dos seus familiares ou tiñan que guerrear por elas entre varios candidatos en desputa. Tras ditas herdanzas e guerras territoriais acaparaban diversos títulos sen xeito. Fernando I reparte os reinos norteños do seguinte modo: Alfonso VI, pai de dona Urraca, foi primeiro rei de León (1065), Sancho herda Castela, a Garcia tócalle Galicia, Urraca queda con Zamora e a Elvira correspóndelle Toro. O dito Alfonso foi quen tivo graves diferencias e acusaciois políticas co coñecido Cid de Vivar. En fin, que o rei Alfonso consegue depois Galicia e Castela para si (1072).
Trala morte do rei Alfonso VI, a súa filla Urraca consegue herdar a coroa, cos reinos de Galicia, León e Castela. Casou varias veces, o segundo matrimonio foi co rei de Aragón, Alfonso I o Batallador, co cal tivo problemas constantes (conxugais e militares). Dende logo o reinado desta raíña foi moi belicoso e nada pacífico. Recordamos que o seu esposo aragonés atacou Castela e León. Foi contra Ourense, Sahagún e tivo batalla en Monterroso (1110). A raíña ten de atacar a Astorga (1112), ademais de Carrión, Toro e Zamora (1117) porque o seu marido aragonés tiña apoios no seu reino de León.
Urraca tamén tivo problemas en Galicia. Eiquí o seu fillo Alfonso Raimundes se alia co conde de Trava e co poderoso bispo Xelmirez de Santiago que lle nomea rei de Galicia (1111). Mais cando a cidade de Compostela sufre a rebelión urbana polos abusos eclesiais (fiscalidade, construción da catedral…), o seu bispo procura o apoio de Urraca para recuperar o poder local (1116).
Por suposto, o condado de Portugal de Teresa, irmá da raíña Urraca, tamén guerrea contra León. En 1110 ante a presión militar do luso Afonso Henríques, fillo da dita Teresa e aliado de Aragón, Urraca ten que cederlle Astorga e Zamora. Logo Urraca e mailo bispo Xelmirez atacan Portugal (1120), rexido por Teresa e o conde de Trava (Fernando Péres), e liberan a ocupada Tui e invaden a rexión de Tras os Montes (1121).
Non podemos pasar por alto o caso peculiar de Portugal. Este mudou de ser un condado, rexido por Teresa, a cal se denomina raíña en 1117 a reino depois co seu fillo Afonso Henríques. Os seus dirixentes procuraron a súa independencia de León nun longo proceso belicoso. A raíña Teresa tivo numerosos problemas co bispo de Braga e maila nobreza lusa polas súas alianzas coa nobreza galega que axudarían ao ser derrocamento.
Cando morre Urraca (1126), chega ao poder Alfonso VII como rei de León e Castela, aínda que ten a oposición de Galicia (1127) e Portugal (batalla de Guimaraes). A nobreza portuguesa rebélase contra a raíña Teresa na batalla de san Mamede (1128). O seu fillo Afonso Henriques establece a súa corte en Coimbra, primeiro como Princeps ou Dux, para nada xa conde luso, e logo como Rei de Portugal e dos portugueses (batalla de Ourique, 1139). Depois Portugal recoñece a súa vasalaxe co rei Alfonso VII de León que se denomina emperador (tratado de Zamora, 1143), fruito do cal pasa o señorio de Astorga para o rei luso. Posteriormente, no tratado de Sahagún (1158), entre Fernando II e Sancho III, estes reis de León e Castela repártense a península contra Portugal. Por suposto estas alianzas transitorias de nada servirían pois Portugal acadaría a súa independencia de León. En 1179 unha bula do papa Alejandro III recoñece a soberanía do reino de Portugal.
Polo que se refire á nosa rexión do Bierzo. O mosteiro de san Pedro de Montes tiña numerosas posesiois na Cabreira. Esta comarca estaba gobernada por tenentes, dende o castelo de Penaramiro, postos polos reis. A Cabreira foi reclamada por Portugal como a veciña Seabra. Isto aconteceu cando o rei Fernando II donou as parroquias (1165) e o castelo (1181) á catedral de Astorga. O rei Afonso Henríques reclamou para si Cabreira fronte as ditas a cesiois eclesiais. Problemática territorial que continúa co rei Alfonso IX, xa que por mor do seu casamento con Teresa de Guimaraes de Portugal, cede como garantía de dote as zonas de Carpio, Alba de Liste e A Cabreira. Sen embargo, ese matrimonio real fracasou e o rei Alfonso IX confirma o castelo da Cabreira paa ao bispo de Astorga (1202).
O protagonismo do Bierzo nesta historia medieval vén da mao de Ximena Muñiz, cónxuxe do rei Alfonso VI de León. Desta relación nace Teresa que casa con Henriquez de Borgoña, os cales teñen o fillo Afonso Henriquez que sería rei de Portugal. Polo que Teresa era irmá de Urraca de León e Afonso sobriño da dita Urraca, os cales tres non tiveron boas relaciois familiares. Urraca ten importancia no imaxinario popular, transmitido pola literatura oral. Referímonos á lenda que indica que Urraca, nunha estadia no Bierzo, tivo un parto na comarca de san Cosme da Somoza. Como o mosteiro estaba en mal estado para recollela tivo que parir nun hórreo, hoxe recordado en Paradaseca. Por esa axuda recibida dos somozanos a raíña concedeulles o privilexio de fidalguía universal á veciñanza da Somoza.
Temos visto un reinado de Urraca mui conflitivo e belicoso, onde de seguro que os pior parados foron os seus vasalos por mor dos impostos, recrutamentos, confiscaciois e saqueos militares. Sen embargo, nas exposiciois da cidade de León xorden os oropeis das xoias, cadros e muita boa arte en xeral. Outro tanto cabe dicir das conferencias programadas, onde a raiña leonesa será presentada como unha grande gobernante. En contraste, resulta curioso consultar a historiografía medieval porque ela amosa unha visión negativa da súa xestión pública, casos das crónicas de Rodrigo Jiménez de Rada e do Tudense, salvo a Crónica Compostelá de Xelmirez, aliado da raíña leonesa.
O Bierzo, abril de 2026.



.jpeg)

0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home