lunes, marzo 23, 2026

A TOPONIMIA MEDIEVAL DA REXIÓN DO BIERZO.

LIBRERIAQUINONES.COM


A TOPONIMIA MEDIEVAL BERCIANA,

Por Xabier Lago Mestre.

Os historiadores axudamos a coñecer o pasado do Bierzo. Por mor da documentación dos mosteiros podemos saber de materias lingüíticas como a toponimia. Complexo tema este dos topónimos pois teñen mudado ao longo dos tempos. As veces o nome dun predio agrario foi posto polo seu propietario, tamén unha paraxe pode ser nomeada por unha localidade através da decisión comunal do seu concello. Por suposto, papel salientable xogaron os diversos poderes (señoriais, reais, fiscais, militares…) que fixaron os termos toponímicos polas súas decisiois discrecionais.

                O poder institucional ten medios abondos para impoñer a súa ideoloxía lingüística (real, eclesial, militar, policial…) ao pobo subordinado (vasalos, fregueses, pecheros, etc). Como os ditos poderes controlaban a escritura non houbo problema para fixar a toponimia que o pobo só coñecía de xeito oral. Hoxe, trala consulta dos tombos e cartularios monásticos podemos coñecer parcialmente esa toponimia medieval. Toponimia que chega a nós un chisco alterada porque os documentos orixinais daquela época xa non existen, e tiveron que ser os escribanos posteriores os que copiaron aqueles vellos documentos deteriorados polo devir do tempo histórico. As veces os ditos copistas da Idade Moderna ben puideron atualiza os vellos topónimmos bercianos. Aínda así veremos unha relación de topónimos bercinos ben galeguizados.

                Comezamos pois co coñecido como Cartulario do mosteiro de Carracedo. Atopamos a refererencia a “Vila de Palis” (1256), e posteiormente “Vila de Paos”, ademais doutros como Sant Pedro de Devesas, Vilanova, Vilaluz, na ribeyra do Sil (1282). E perto temos “a vila de Toural, su signo de san Chistovao” (1274), por suposto, Toural dos Vaos.



                Outras localidades ben coñecidas son “o en a Faba quisier comer” (1277) ou “villa que dicen Cantexeira en termino de Valcarcer” (1267). Por suposto, noso ben coñecido río Valcarce sempre ten sido alterado polos erros de Valcarcel e Valcarcer. Pasamos a outra zona, “pronunciaron na vega de Fryeira” (1279), ben claramente galeguizado, hoxe tamén castelanizado. Tamén atopamos os topónimos “Corillon” e “Curillón” (1331 e 1326). Non falta “Oyteiro de Curillón” (1366) que mudou pola forza a Otero castelao.   

                Nunhas ocasiois xorden curiosidades como que nun mesmo documento atopamos “morador en Cacavellos” e “notario público en Cacavelos” (1283). Por suposto trátase dese xoguetona grafía l/ll que tamén está presente en Villela e Castella (1262). Todos ben sabemos do priorato de  Vilela, xunta Vilafranca, que pertenceu ao mosteiro de Samos de Lugo. Así está recollido noutro documento de 1274, “quanto tenia en Vilela que jaz cabio Villafranca, su signo de sant Martha”.

Vilafranca, dende que deixou de ser a antiga localidade de Burbia, pasou a chamarse Villafranca. Neste sentido de seguro que houbo influenza toponímica da dobre oficialidade establecida polo poder relixioso, abadia Cluny, e pola concesión real do foro bono do rei Alfonso IX en 1192. A nivel institucional, Villafranca sen dúbida na documentación, a nivel popular podería dicirse Vilafranca en galego. Velaí a necesidade de tradución ao romance galego do dito foro real. Algo que tamén acontecera co foro de Seabra, concedido polo rei Alfonso X en 1263, “toviemos por bien de lo mandar romançar e escrivir en este nuestro privilegio por lo puediessen entenden los legos tan bien como los clérigos”. Curioso resultan os intentos de galeguizar “santa María de Crunnego” (1312), esas nn que representan ñ coa terminación -ego.     



Tamén atopamos “quanto herdamento havemos en Quillous” (1277)´, topónimo castelanzado na atualidade. Outro topónimo mui alterado ten sido “sobre heredades al Castro de la Ventosa”, 1265), en galego da Ventosa co seu artigo feminino, que se altera hoxe por algúis en Castro Ventosa polo reducionismo comunicativo que suprime artigos determinados. Demais documentos do mosteiro de santo Andrés de Espiñareda recordan “san Martino de Peneyros” (1311 e 1395), coa terminación ben galegueira.

Polo norte da nosa rexión, temos “san Pedro de Oleyros” (Espinareda, 1390) que se castelanizou posteriormente. En galego mantéñense o val de Fornela fronte á leonesización. Na documentación medieval “Fabeyro  so campana de san Nicollao” (Epiñareda, 1390) para nada Fabero castelanizado de hoxe. Por suposto, sempre foi “Veiga de sant Andrés” (Espinareda, 1336), deturpada en Vega. Mentres que os escritos manteñen A Veiga do valcarce, si con artigos determinados incuestionables que se manteñen durante a Idade Moderna (séculos XVI ao XVIII) .

Incluso lemos “habemos en Cubelos, casas, casares, etc” (1286), hoxe coñecido como Cubillos.  Pola contorna temos “Pousada de Rio” (Espinareda, 1341), localidade asolagada polo encoro de Bárcena no século XX. Non falta “Colombranos” (Espinaeda, 1340) transformado en Columbrianos. Outro termo é Montellos, “noso solo de Montellos” (Carracedo, 1285), hoxe castelanziado en Montejos. Fontes Novas (Carracedo, 1315), localidade perto de Ponferrada segue así no século XV. Outros topónimos desta zona son Orbanallo (Ozuela), Compostela e “sant Salvador de Quintanella” (Carracedo, 1347), estes dous últimos despoboados.



Ponferrada conseguíu manter o seu nome galego quizais pola presenza dos condes de Lemos. Vén de lonxe “Ponferrata” (Carracedo, 1266) , mentres que nas zonas astur-leonesas tenden a dialetizar en Puente de Fierros, pozo Fierro (A Cepeda), Cruz de Fierro (Maragatería), etc. Houbo tamén un intento de leonesizar Bienvibre (Espiñareda, 1372), como ben sabemos resta a forma Bembibre, igual que outras muitas localidades de Galicia.

Non falta nesta breve mención aos topónimos menores. Exemplos urbanos son “la ponte de Cacavellos” (Carracedo 1333), de novo a ponte en feminino galego.  “Cimenterio de la Edrada” (Carracedo, 1356) coa artigo topónimo galego castelanizado. “Rúa del Camino francés” (Carracedo, 1431), ademais, en Vilafranca “vay da porta da Rúa e topa no río” (Carracedelo, 1427). Nesta vila xorde a Rúa como a principal vía, popularmente coñecida como da Agua, e tamén Rúa Nova na zona da Anunciada.  



http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es