viernes, octubre 19, 2007

RESPECTO POLA TOPONIMIA GALEGO-BERCIANA

RESPECTO POLA TOPONIMIA GALEGO-BERCIANA,
Por Xabier Lago Mestre, Pte. de Fala Ceibe do Bierzo.
falaceibe@yahoo.es

Estes últimos días os medios de comunicación de Castela, León e O Bierzo comentaron unha nova relacionada cun problema de convivencia que había no centro escolar de Viladepaos. O curioso do caso é que non atopamos coincidencia na denominación do citado colexio, "Campo da vila", "Campo de la vila" ou "Campo de la villa". Dende logo o seu nome é Campo da vila, pero resulta abraiante tanto desbaraxuste á hora de dar co nome certo do dito centro. Para moitos xornalistas segue soando moi rariño asumir a existencia de palabras en galego n´O Bierzo, por iso hai que facer o esforzo normalizador por castelanizalas ¿non si?. Alguis defenden sen tino que no occidente da nosa rexión berciana non pervive, nin houbo xamais, toponimia en idioma galego, o que quedan son restos do chapurreao, propio de falantes ignorantes que non saben castelao. Todo arcaísmo dialectal debe ser eliminado a través da corrección continua e contundente nos medios de comunicación ¡a prol da obxectividade informadora!.

Sigamos pois. Se recoñecemos que a denominación real é Campo da vila ¿cómo debemos chamar á poboación onde se atopa?... ¿Viladepaos ou Villadepalos?... Por suposto, Viladepaos, pero mira que soa tan mal na fala popular, tan agalegado. Manteñamos mellor o culto Villadepalos, que é máis oficial, ademais, en castelao todo o mundo o entende. En fin, todo sexa porque os bercianos e as bercianas non descubran a orixe lingüística de Viladepaos, nin dos outros lugares da contorna, de clara etimoloxía galega, Carracedelo, Cacabelos, Peón, Paradela, Penedela, Vilamaior, Toural dos Vaos e demais. O coñecemento de certas verdades idiomáticas pode doer, esixe autocrítica, rexeito de prexuízos, etc. A toma de conciencia idiomática é progresiva, despois vén a familiaridade, a seguir os bercianos e os galegos son curmáns ou peor, irmaos, e logo piden vivir xuntiños, velaí a segregación territorial ¡que perigos nos axexan!.

O caso da confusión terminolóxica de Campo da vila non é un feito anecdótico, como ben podemos deducir. Pasa coa meirande parte da toponimia galego-berciana, tanto maior (nomes de concellos, serras, montes, ríos...) coma menor (regueiros, penas, cavorcos, carreiros, valiñas, pradoiros...). Paseniño, acotío, silandeiramente estragamos a nosa toponimia, as nosas verbas tradicionais, a nosa riqueza lingüística galego-berciana. Case sen querelo, sen darmos nin de conta. Porque aínda non somos quen de saber o moito valor do noso patrimonio idiomático autóctono.

Exemplos temos a esgalla que confirman o que estamos a dicir. Denunciamos a deturpación contina da nosa toponimia galego-berciana. Admitamos o que acontece diante dos nosos ollos coas obrigadas castelanizaciois de: As Médulas, Cornatelo, S. Pedro de Devesas, Toural de Meraio, Quilous, Fabeiro, Perexe, A Veiga de Valcarce, Barxas e demais. O Bierzo occidental, tan galeguizado durante séculos, está a ser castelanizado, en parte polas dinámicas políticas derivadas da integración na Comunidade Autónoma de Castela e León. O único idioma oficial deste amplo e tan diverso territorio é o castelao, para os demais idiomas minoritarios non hai recoñecemento de oficialidade. Fórzase así a convivencia social coa imposición idiomática en castelao, aos falantes das outras linguas non se nos conceden dereitos lingüísticos, simplemente somos desprezados e discriminados.

Trátase de condenar a esas linguas pequenas á desaparición definitiva, por falta de utilidade pública e administrativa. Para uso social tenemos o castelao, compartido con tantos millois de falantes por todo o planeta. Así pois, ¿quén pode ousar demandar a protección dos outros idiomas minorizados de Castela e León? casos do ástur-llionés, éusquero do condado de Trebiño e norte de Burgos ou o galego d´As Portelas da alta Seabra e O Bierzo. A estatexia política que sufrimos procura a morte do idioma galego e, polo mesmo, a perda de especificiadade da nosa rexión berciana, con todo tipo de atrancos xurídicos e administrativos forzados. E así provocar a nosa asimilación definitiva dentro da identidade política e cultural de Castela e León. Denunciamos que as nosas cultura e lingua galegas d´O Bierzo merecen un respecto maior, que paga a pena cumprir coa obriga cívica e xeracional de manter este patrimonio herdado dos nosos devanceiros.
O Bierzo, outubro de 2007.
HTTP
http://bergidense.blogspot.com

2 Comments:

Anonymous Anónimo said...

Outro exemplo é Camponaraya.

Esto non pasaba nin no Oeste americano, conquistaban territorios Mexicanos pero seguian chamandolles Los Angeles ou San Francisco.

Spain eche así.

10:55 a. m.  
Anonymous Anónimo said...

¿desde cuando Seabra? He vivido en la provincia de Zamora y jamás escuché eso....y menos todavía a los sanabreses.

2:12 p. m.  

Publicar un comentario

Links to this post:

Crear un enlace

<< Home