domingo, abril 12, 2009

CONSOLIDACIÓN DO ENSINO GALEGO N´O BIERZO.


CONSOLIDACIÓN DO ENSINO DO GALEGO N´O BIERZO,
Por Xabier Lago Mestre, Fala Ceibe do Bierzo.



Durante as dúas últimas décadas do século XX a reivindicación a prol do ensino do galego n´O Bierzo foi medrando paseniño. Nos 80 o colexio de Corullón xa tomara conciencia do bilingüismo escolar, o cal se manifestaba na súa revista A´Curuxa (1983-1995), con textos en galego. A presión social constante dobregou a resistencia monolingüe da Junta de Castela e León. Foi no curso académico 2001-2002 cando se permitiu finalmente a oferta da materia de galego nos centros escolares da nosa rexión. Os tres colexios pioneiros, de Corullón, Cacabelos e Carucedo, facilitaron a aprendizaxe do galego ao seu alunado.


A lingua galega d´O Bierzo occidental, que sempre se tiña escoitado fóra das aulas, nos patios, nas rúas o nos fogares, agora, por fin entraba pola porta principal dos centros escolares, baixo o paraugas do formalismo oficial. A fala popular dos labregos bercianos acadaba un protagonismo educativo que moitos non podían soportar, froito dos seus prexuízos culturais. Algunha directora de centro escolar, anos antes, a fines da década dos 90, vendo o que se aveciñaba con semellante apertura curricular, atreveuse a afirmar nun xornal estatal que este bilingüismo había que desterralo definitivamente, ¡unha gran mestra ela!, seguro que aínda está arrepentíndose desas aloucadas declaracióis impresas.


O peor de todo é que ese antibilingüísmo berciano segue presente nas elites funcionaríais que rexen certos centros escolares da nosa rexión. O curioso do caso é que eses dirixentes fomentan o bilingüismo, castellano, inglés, francés ou incluso alemán, pero rexeitando con todas as súas forzas a presenza do galego nos seus colexios, talvez porque pode desprestixiar os centros. Razón pola cal aínda restan centros escolares, sitos n´O Bierzo occidental, que non ofertan clases voluntarias de galego, casos de Carracedelo, Quilous, A Veiga de Valcarce ou Fabeiro. ¿Por qué os dirixentes destes centros non ofertan galego ao seu alunado?... por medo quizais a que esa nova materia idiomática teña a demanda escolar que eles negan. No fondo non cren na liberdade escolar e fan o posible por limitala. Profesores que procuran transmitir os seus prexuízos culturais ao seu alunado, nesta ocasión desterrando o que consideran un idioma inferior e minoritario fronte aos grandes idiomas europeos anteditos.


As direcciois dos centros que non ofertan galego aínda poñen atrancos ao seu alunado, pois éste non pode desenvolver libremente un currículum idiomático variado e axeitado ás súas posibilidades intelectuais. O alunado berciano ten tradición secular de continuar os seus estudos superiores nas universidades de Castela, Valladolid, Salamanca… pero tamén en Galiza, caso de Santiago, e dende hai pocas décadas, Vigo e A Coruña, cos seus campus de Lugo, Ourense ou Pontevedra. O galego e o castelán son as linguas oficiais destas tres universidades galegas, polo que as clases poden ser en calquera dos dous idiomas. Para o alunado berciano que poida acudir nun futuro a esas universidades de Galiza o mellor é saber ben esas dúas linguas. Os centros escolares bercianos que hoxe non ofertan galego impiden ao seu alunado elaborar un historial académico axeitado para afrontar o seu futuro universitario e profesional con maiores garantías de éxito.


Aqueles 3 centros escolares primeiros que ofertaron galego n´O Bierzo medraron, neste curso 2008-09, ata abranguer 13 de infantil e primaria (nas materias de coñecemento do medio e artística), 4 institutos de enseñanzas medias (nas materias de ciencias sociais ou xeografía galega en 1º e 2º do Eso, e lengua e cultura galega en 3º e 4 º do Eso) e a Escola oficial de idiomas de Ponferrada. Así superamos xa a cifra histórica dos mil estudantes de galego no ensino regrado. Pero eses datos non son definitivos porque hai que engadir o alunado que estuda galego, ano tras ano, noutros centros privados por mor da súa preparación para as oposiciois de Galiza (Xunta, Sergas, Xustiza, universidades, deputacións, concellos…).

http://www.falaceibe.blogspot.com/
http://www.ciberirmandade.org/falaceive
http://www.falaceibe.tk/