sábado, octubre 10, 2009

O CONDADO DE BENAVENTE, GALIZA E O BIERZO.


O CONDADO DE BENAVENTE, GALIZA E O BIERZO,
Por Xabier Lago Mestre, Fala Ceibe do Bierzo.



Unha casa señorial foránea que tivo moita relación coa nosa rexión berciana foi a dos Benavente. Dende logo que non se pode negar que o condado de Benavente intentou en varias ocasióis facerse con posesióis no Bierzo. Territorio onde tivo que competir co obispado de Astorga e co conde de Lemos. A seguir veremos algúns exemplos da incidencia do condado de Benavente na nosa rexión.


Todos sabemos da presenza da revolta dos irmandiños galegos no Bierzo. Pero como non podería ser doutro xeito tamén eles estiveron nos territorios veciños de Navia-Eo e Seabra. Ese levantamento traía liberdade aos asoballados labregos, porén o apoio popular foi grande en todos os lugares do noroeste peninsular. Pescudando na documentación do condado de Benavente atopamos certo relato sobre a represión que se fixo no pobo seabrés de Cobreros, “Dizen que quan do la hermandad vieja, quando la tierra se levantó de boz de la dicha hermandad, por lugar de más çercano de la fraga y montes, todos se acogían allí para se defender. Y que por aquella cabsa el señor conde mandó poner fuego al lugar, y que todo se quemó y que quedaron perdidos, que piden se les faga satisfaçión (…)”. Dende logo que o conde de Benavente foi moi duro nesta represión cando ordenou queimar todo o pobo con veciños dentro. Razón pola, anos despois, os descendentes que sobreviviron piden os correspondentes reparos. Sobre o mesmo tema, outro veciño de Póboa de Seabra declara no dito preito polas indemnizacióis que “Al tiempo que su señoría fue a Sanabria abrá obra de quarenta años poco más o menos, el tiempo de las ermandades su señoría por atemorizar a jente que estava sobre Sanabria mandó quemar el lugar de Cobreros (…).


Pero xa é hora de concretar as aspiracióis territoriais do condado de Benavete na rexión berciana. Los Barrios de Salas foi un dos seus obxectivos. Por carta de mercede, do rei Enrique IV, con data de 30 de maio de 1464, sabemos da cesión da alcaldía de apelacióis dos Barrios ao conde Rodrigo Pimentel. Consiste este nomeamento por xuro de herdade de alcalde maior e xuíz das apelacióis e das alzadas dos Barrios e a súa xurisdición. Así lemos “Puedan conosçer en grado de apellaçion o de nulidad delas dichas causas delos dichos lugares de Los Barrios agora sean çeviles o creminales o mistas (…)”. Deste xeito, quedaba a xurisdición do conde de Benavente por enriba da dos meirinos ou alcaldes do Adiantamento Maior de León. Esta doazón é confirmada polo infante-rei Alfonso, en xaneiro de 1466, como premio tralo apoio do conde Rodrigo Pimentel na guerra sucesoria. Os de Benavente souberon moverse ben na Corte, así o rei Enrique IV sube ao trono en 1454 e nomea membro do Consello Real ao conde de Benavente.


Por certo, Os Barrios de Salas estaban integrados por: Salas, Villar e Lombillo e barrio de Quintanilla. Xuntos formaban unha behetría que consistía en que tiñan capacidade de elixir señor por iso en numerosas ocasióis xurdiron conflitos co Obispado de Astorga. En maio de 1449 preitean o Bispado de Astorga e o concello polo señorío e xurisdición, onde se alega usurpación polos sucesivos condes de Benavente, pai e fillo, o que provoca a excomuñón de ámbolos dous. Outro preito de 1523 indícanos que os ditos Barrios de Salas pasaron de behetría a señorío mediante encomienda, fenómeno típico dos secúlos XIV e XV, mediante a cal se cede a xurisdición e maila administración a un señor laico. En fin, Os Barrios de Salas do Bierzo non estiveron nunca integrados no condado de Benavente, pois nunca foi señorío pleno deste senón que houbo cesión dos dereitos derivados xa vistos


O Bierzo, outubro de 2009.

http://www.blogoteca.com/obierzoxa
http://www.ciberirmandade.org/falaceive
www.partidodelbierzo.com