jueves, junio 10, 2010

PEDIMENTO DO DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2011


PEDIMENTO DO DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2011
PARA ANTONIO FERNÁNDEZ Y MORALES.



O colectivo cultural Fala Ceibe do Bierzo diríxese á Real Academia Galega para facer a proposta formal de Antonio Fernández e Morales como escritor a quen dedicar o vindeiro Día das Letras Galegas do ano 2011.


O dito autor, Antonio Fernández e Morales (Astorga, 1817 –Cacabelos, 1896), salientou polo seu libro, titulado “Ensayos poéticos en dialecto berciano”. Lembramos que esta obra en galego se publicou no ano 1861, dous anos antes de “Cantares Gallegos” de Rosalía de Castro. Polo que ben forma parte da corrente literaria chamada Rexurdimento Galego. No 2011 cumprirase o 150 aniversario da edición do dito libro, parece pois a mellor xeira para homenaxear a este escritor galego-berciano.


Así e todo, este escritor berciano é un descoñecido para a meirande parte dos galegofalantes do Noroeste peninsular. A súa escasa obra en idioma galego non debe empecer un maior recoñecemento social. No século XIX esta lingua no Bierzo case que non tiña representación escrita. Antonio Fernández e Morales soubo recompilar parte desa literatura oral de diversa temática (magosto, vendima, entroido, sega, feira, fiandón…), para conservala e dignificala a través da súa escrita. De xeito que agora eses “Ensayos poéticos en dialecto berciano” son fonte esencial para os estudos filolóxicos, do idioma galego do XIX, etnográficos e históricos. Os defensores do galego na rexión do Bierzo temos de estar moi agradecidos polo seu traballo lingüístico a prol deste idioma minorizado. A súa valente e ousada intervención cultural é todo un exemplo para as comunidades galegofalantes periféricas, e non pode ser silenciada por máis tempo. Por iso o novo Día das Letras Galegas, dedicado a Antonio Fernández e Morales, sería a mellor das homenaxes colectivas que se lle poidan facer no 2011.


A Real Academia Galega non debe valorar nesta ocasión únicamente a cantidade e maila calidade literaria da obra do candidato proposto senón o seu valor sociocultural nun espazo periférico asoballado lingüísticamente. A posible elección deste autor tería tamén un forte simbolismo (enténdase toma de conciencia colectiva) para as comunidades territoriales galegofalantes periféricas, a saber, Navia-Eo, O Bierzo, As Portelas e Val do Elas. A reivindicación secular destes catro territorios non pode ser esquecida, todo o contrario, por iso cada certo tempo convén reclamar que o Día das Letras Galegas recaía nun representante destas zonas. Está claro que nesta elección anual os galegofalantes periféricos non podemos competir en igualdade de condicióis cos propostos pola Galiza administrativa. Para salvar esta desigualdade, cómpre tamén neste tema contar cun certo grao de discriminación positiva a prol dos candidatos da Galiza periférica.


Na posible elección do candidato Antonio Fernández e Morales non se pode pasar por alto o contexto sociolingüístico de hoxe. Referímonos a que os bercianos galegofalantes estamos vindicando o recoñecemento do idioma galego na vindeira reforma da Lei autonómica da Comarca do Bierzo. Trátase de conseguir que o galego teña xa un uso institucional parcial no seo das administracióis locais a pesar da falta da oficialidade deste idioma. Galiza debe mollarse neste tema sobrandeiro, porque está en xogo o futuro da lingua galega periférica. A declaración do Día das Letras Galegas do 2011 para o noso Antonio Fernández e Morales sería un apoio explícito e mediático á vindicación da comunidade galegofalante do Bierzo. Que todo este pulo colectivo sirva para que ao final todos e todas poidamos dicir iso de “os tempos son chegados dos bardos das edades, que as vosas vaguedades cumprido fin terán (…)”.

O Bierzo, xuño de 2010.
www.obierzoceibe.blogspot.com
Tfno. Xabier Lago Mestre, 695344293.

http://www.blogoteca.com/obierzoxa
http://www.ciberirmandade.org/falaceive
http://www.partidodelbierzo.com/

0 Comments:

Publicar un comentario

Links to this post:

Crear un enlace

<< Home