ROTEIRO POLA ANTIGA MEIRINDADE DE AGUIAR NO BIERZO (1ª PARTE).
ROTEIRO POLA ANTIGA MEIRINDADE DE AGUIAR E COUTO DE MELEZNA (1ª PARTE),
Xabier Lago Mestre, do colectivo Fala Ceibe do Bierzo.
Xabier Lago Mestre, do colectivo Fala Ceibe do Bierzo.
Outra vez collemos o primeiro tren rexional para Galiza en Ponferrada. Tras 20 minutos chegamos ao apeadeiro da Barosa. Baixamos as bicis connosco. Diante o amplo labradío da Quinteira e máis adiante o pobo do Carril. O primeiro esforzo, agatuñamos a costaleira, entre fermoso casarío e igrexa, na procura da estrada nacional 120. Xa na cima do pobo tiramos para atrás, cara ao viaducto O Carril que atravesa o caudaloso río Sil. Tras cruzalo torcemos para a esquerda e entramos no val do Selmo.
Baixamos a estrada para Frieira, deixando á dereita A Liñarella e A Devesa. Xa en Frieira atopamos os predios de Cabo, Parrais e Pelame, pola outra banda do río Selmo xorde Peizais. Seguimos a arborada do val, coas súas chopeiras, salqueiras e freixeiras. A estreita estrada atravesa As Xeixas, A Granxa e o recodo da Olga. Vemos na outra ribeira do Selmo Valdecorullón e despois souto Ferrado. Chegados a Sobrado, recíbenos a Casa do Concello coa bandeira berciana, coñecida coma Cruceira. O río remánsase na praia fluvial para calmar os calores destas datas. Nosoutros non temos tempo para desfrutar das súas frescas e limpas augas.
A seguir contemplamos Valdevaqueiro, trala Barreira e maila Salgueira. Pola outra ribeira, souto Medorra, Cruz de Castro, Caborquiños, valiña Pelleiro e veiga Boado. Salienta da fermosa paisaxe a pena Abelleira que semella ameazar a pequeña estrada. De Valdecouto sae a estrada para Corullón e Vilafranca (LE 622), queda este percorrido para outra xornada futura deste verán. Agora seguimos para Oencia coa compaña serea dos amereiros e bidueiros.
Cruzamos os tres vales de Cutierre, de Hervás e de Silencio. Pola banda contraria, xorden os impoñentes curutos de Montenego, A Vacariza e os Carballiños, afastados polos regatos que baixan polo val de Mena e Valdefigais. Xa estamos no casarío da Ribeira. Cruzamos o río Selmo para agatuñar ao pobo de Cabeza de Campo. Dende eiquí sube unha rota histórica para Sobredo, Cabarcos e máis aló Oulego, O Porto, xa en Valdeorras. Desfrutamos das paraxes de Costaneiras, Cabana, tralas Veigas, Cruceiro, Seariña, Rodeira e demáis toponimia galaica.
Subimos polo val do Selmo, agora pola ladeira esqueda. Lameiro, chao Nogueiro, Soutín, Peral, Castañeiras… variedade de termos da nosa rica fitonimia. No leito do río o Pedregal e Fusada. De súpeto, o río Selmo fai unha reviravolta abraiante, cando xunta as súas augas coas do regato Os Mazos. Chegados enriba, agora toca baixar para Arnadelo, a grande velocidade, dende pena Furada, por Morteira (monte de árbores vellos), Fonteneiña ata Cortiña. Xa no fondo do val do Selmo, os sinais de tráfico, castelanizados, indícannos que hai que tomar o desvío para o barrio dos Mazos e Melezna.
O Bierzo, xuño de 2011.
O Bierzo, xuño de 2011.
<< Home