martes, agosto 02, 2011

ROTEIRO DENDE O RÍO SELMO PARA O POBO DE VILAGROI (1ª PARTE)

Neboíña entre os pobos de A Barosa e O Carril.




ROTEIRO DENDE O RÍO SELMO PARA O POBO DE VILAGROI (1ª PARTE),
Por Xabier Lago Mestre.









Outra vez acurtamos viaxe por mor do veloz tren rexional para Galiza. Chegados ao apeadeiro de A Barosa baixamos. Saudamos a outro viaxeiro cos apeiros de pesca que se encamiña para as beiras do río Sil. Nosoutros desfrutamos da neboiña baixa que descansa sobre as paraxes da Quinteira e A Sufreira, entre os casaríos de O Carril e A Barosa. Tomamos a estrada N-120, en dirección para Ponferrada, imos para atrás. Pero en canto superamos un gran viaduto sobre o poderoso Sil, torcemos para a esquerda e penetramos no val do río Selmo. Deixámonos levar polas bicis, costa abaixo, e pasamos veloces polo pobo durmido de Frieira. Son as 7.30 da mañá do domingo. ¿Quen pode estar despertó a estas horas?... os loucos da bici.


Seguimos pedaleo adentrándonos no val do Selmo. As súas augas parecen falarnos pero non entendmos a súa linguaxe, igual acontece cos vivaces paxaros que poboan as árbores das ribeiras. Sen darmos de conta chegamos a Sobrado, capital do concello. A estas horas nin os cans teñen forzas para ladrar ao noso paso. O coloso de pena Abelleira anuncia o desvío para tomar a estrada para Vilafranca. Deixamos a veiga de Boado e O Valcouto, e agatuñamos a montaña. Subimos polo val de Hervás. Canto máis alto, máis esforzo, máis desfrute. Abaixo a ribeira do río Selmo cercado por impoñentes montañas.


AS CORREDOIRAS COMUNAIS.
Coa altura podemos albiscar, na outra ladeira deste val de Hervás, as corredoiras que axudaban a penetrar os veciños na espesura do monte baixo. Dende logo estas vías de comunicación levaron moito traballo comunal, a través da facendeiras dos concellos bercianos da meirindade de Aguiar. Houbo que picar na rouca e na lousa, propia destes montes, para evitar a excesiva pendente. Máis logo o tempo empregado na consolidación anual ante os ataquesa da imprevisible natureza (desprendementos, vexetación invasiva, chuvias fortes…). Agora moitas desas corredoiras estén cheas de vexetación que impide o paso. Corre o rumor popular de que ás veces os fogos forestais intencionados son para rematar con esa vexetación que empece circular por estes camíns rurais. Antigamente eses fogos tiñan a súa orixe nas sernas, para conseguir novas terras altas de cultivo, despois se procuraba rematar co matorral con vistas a provocar o nacemento de pasto fresco do gando que agora escasea. A apertura das corredoiras tería hoxe un interés para o turismo rural, xa que a xente da cidade temos moito interese por saír das rotas tradicionais e asfaltadas. Así o Consello Comarcal Berciano debería asumir a xestión e conservación axeitada destas corredoiras rurais.


Co contino camiñar deixamos atrás as chopeiras, bidueiros e demais árbores de baixa altitude para atopar castiñeiros, acivros, carballos… Un verdadeiro desfrute vexetal que enche os nosos ollos de variedade cromática. Esta idílica imaxe ráchase con alguna canteira, quizais abandonada é o noso desexo, que deixa as súas dentadas na montaña. As paraxes semellan cantarnos os seus nomes, val de Silencio, As Pasadas, Cuartois, Bodalín, O Foro, as reviravoltas de val de Carrúa, Vacariza, Pruentes, A Patera… Vaia vista panorámica de Hornixa e Viaríz máis lonxe. ¿Onde está a cámara de fotos?.

O Bierzo, xullo de 2011.