miércoles, junio 19, 2013

CARA Á NORMALIZACIÓN DO GALEGO-BERCIANO.

CARA Á NORMALIZACIÓN DO GALEGO NO BIERZO. 
PROPOSTAS DO COLECTIVO FALA CEIBE (XUÑO DE 2013).
falaceibe@yahoo.es

1.DOS ACTOS CONXUNTURAIS Á XERALIZACIÓN.
Nestes anos vindicativos pasados tense feito variados actos culturais a prol do galego. Lembramos neste senso os máis institucionais (Día das Letras Galegas, Homenaxes a Frei Sarmiento, Antonio Fernández y Morales, Ramón González Alegre…), os tradicionais (os maios, festas patronais…) e mailos específicamente culturais (concertos musicais, teatro, concursos literarios, cinema, publicacióis…). Todo isto foi froito dun gran esforzo humano, material e económico. Hoxe, máis ca nunca, hai escaseza de cartos privados e públicos para organizar calquera actividade, o que esixe reformular o noso activismo.

Por suposto, o primeiro é respectar o moito feito ata agora, tanto sexa propio como alleo. Agora ben, polo que toca a Fala Ceibe, analizando as nosas escasas posibilidades de intervención lingüística no Bierzo, queremos reaxir nesta nova xeira reivindicativa. Neste senso, somos críticos coa realización de actos culturais conxunturais pola pouca repercusión social. Estamos máis polo traballo cotián que procura a continuidade no tempo. Por iso máis que facer unha planificación anual habería que estar preparados para darmos resposta ás necesidades segundo vaian xurdindo.



2. ATOPAR NOVOS ESPAZOS DE INTERVENCIÓN.
Máis que facer actos reivindicativos puntuais hai que traballar en ofrecer información acotío. Deste xeito poderemos normalizar máis o uso do galego no Bierzo. Os actos conxunturais resultan illados e esporádicos para a cidadanía. Temos que utilizar o galego como medio axeitado para ofertar información de interese social (ecoloxismo, deporte, lecer, xuntas veciñais, bercianismo, turismo rural…). Cómpre casar o galego con outras vindicaciois actuais.

O galego do Bierzo segue vencellado ao eido tradicional. Necesitamos modernizarnos rápidamente. ¿Cómo? Velaí a utilización das novas tecnoloxías da información. A cidadanía accede cada día máis a elas, e mailo galego ten que atopar o seu espazo tamén. Só deste xeito remataremos con tanto prexuízo abafante contra do noso idioma. 



A internet dá novo protagonismo ao galego do Bierzo. Temos que posicionarnos na arañeira coma o resto de linguas minorizadas. Esta presenza posibilita a permanencia a baixo custo, así como a progresividade de visualización e acceso social. Desde xeito superaremos o reducionismo actual do galego oral tan lonxano da mocidade. 

Reclamamos un novo esforzo de visualización do galego na internet (artigos, cartelería, fotos, videos...). Esta peculiar visualización prestixia e moderniza a nosa lingua. Todo isto será un atractivo máis que pode atraer seguidores e máis adiante neofalantes. 



A imaxe pública do galego pode mellorar coa axuda da semiótica. A potenciación da boa imaxe do noso idioma, tanto no medio urbano coma no rural, debe ser un obxectivo estratéxico. Para isto precisamos orixinalidade e imaxinación.  A publicidade de balde mantense no tempo, a través da cartelería, lemas, pintadas (por suposto sempre legais), e crea un ambiente progalego que nos favorece.
Hai que crear e subministrar información propia, favorable ao galego, para o resto de medios de comunicación tradicionais e pola internet. Esta visión galego-berciana ten que ofertar contidos de interese social. Para espallar a nosa información recoméndase a colaboración con outros medios dixitais bilingües (caso de elecodelbierzo.es). 

O gran reto de futuro é acadar un poder atraínte para o galego. Temos que renovar a imaxe pública do noso idioma. Neste senso a visualización do galego é fundamental para acadar novos falantes. Para conquistalos o galego ten que entrarlles polos ollos (visualización) para seguir con outras percepciois sensoriais. Referímonos a procesos de asunción cultural lentos que esixen un traballo continuado, acotío. A asimilación lingüística dos potenciais neofalantes será a longo prazo, mediante etapas sucesivas, a saber, visualizar, escoitar, ler e falar. Canto antes comecemos mellor!   



3. MÁIS BERCIANISMO CA GALEGUISMO.
A nosa tradicional dependencia de Galiza (económica, institucional…) creou unha eiva que temos que superar. Hai que recuperar a visión propia, bercianeira, a autosuficiencia lingüística dende eiquí. Coidamos que xa acadamos a maioría de idade para facer activismo noso, sen tanta dependencia allea. Todos ben sabemos da forte identidade bercianeira que temos que saber aproveitar máis presente se queremos que o galego sexa máis asumido pola cidadanía. Neste senso botamos en falta asumir mellor a nosa simboloxía identitaria (bandeira, escudo, territorialidade rexional/comarcal, instituciois propias…). Deste xeito podemos rachar parcialmente con certos prexuízos xeneralizados ainda (nacionalismo, anexión territorial, colonialismo cultural, etc).

O noso modelo informativo progalego debe rachar cos actuais lindeiros políticos que afastan territorios viciños (Ancares, Valdeorras, O Courel...). Lindeiros administrativos que crean prexuízos sobre territorios e falantes diferentes. A información alternativa sobre a historia, medio ambiente, patrimonio etnográfico común axudará ao desexado acercamento das bisbarras viciñas.  



Dende a óptica bercianeira estaría ben a formación dunha organización común (tipo da antiga Mesa pola defensa do galego no Bierzo). O actual minifundismo cultural de diveras asociaciois e persoas que van por libre representa un atranco que cómpre superarmos canto antes para principiar unha nova xeira vindicativa. E derivado disto será a fundación dun medio de comuniación propio, participativo e democrático.

Esta comentada visión bercianeira non significa que pasemos da necesaria relación cos medios de comunicación de Galiza (radios, tv, xornais...). Hay que reclamar más presenza destes no Bierzo e no seu tratamento informativo territorializado.  E o mesmo acontecerá cos partidos políticos sen excepción ou co resto de instituciois culturais (RAG, CCG, ILGA, universidades...).

4. ASESORAMENTO ÁS ADMINISTRACIOIS LOCAIS E COLECTIVOS SOCIAIS BERCIANOS.
Outro aspecto a destacar é a posibilidade de asesorar ás administraciois locais (Consello Comarcal, concellos e xuntas veciñais) para que vaian asumindo progresivamente o uso administrativo do idioma galego nas súas actividades. Para comezar podemos elaborar vocabularios de temática concreta (toponimia, patrimonio etnográfico, organización territorial, arborado, animais, vexetación, vías de comunicación, turismo rural, etc.). Tamén se elaborará documentación xurídica (instancias, actos, normas, regulamentos...) para facilitar o uso xurídico do galego.



Algo semellante se pode ofertar para os diversos colectivos socialis, deportivos, ecoloxistas, políticos, culturais, etc. Deste xeito poderiamos facilitar novos contactos e achegar o galego nos seus medios de comunicación( páxinas web, blogues...), cartelería (vindicativa, festas patronais...) ou mercadotecnia en xeral.

O Bierzo, xuño de 2013.
WWW.OBIERZOCEIBE.BLOGSPOT.COM



http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es