sábado, junio 29, 2013

RENFE ELIMINA PARADAS NA REXIÓN DO BIERZO.

SUPRESIÓN DE SERVIZOS FERROVIARIOS NO BIERZO,

Por Xabier Lago Mestre.
falaceibe@yahoo.es

A política de supresión de servizos públicos chegou tamén ao ferrocarril. Aproveitando a chega do verán o Goberno central cumpríu co seu proxecto de suprimir os chamados servizos ferroviarios deficitarios. Por suposto, de novo os afectados foron os cidadáns máis desatendidos polo transporte público. Hai que recordar que moitos dos autobuses do transporte á demanda, creado pola Junta de Castela e León, xa non existen, neste caso, polos recortes económicos do Goberno autonómico. Este transporte á demanda facilitaba a comunicación dos cidadáns do medio rural cos centros comarcais ou urbanos, casos de Fabeiro, Bembibre, Ponferrada ou Vilafranca do Bierzo. Como dicimos, primeiro foi a supresión do tansporte á demanda e agora dos servizos ferroviarios.



A rexión do Bierzo sufre o illamento territorial por mor das serras montañosas que nos afastan da chaira castelá e tamén de Galiza. Onde máis sufren o illamento é nas zonas máis montañosas e periféricas. Parte destas comarcas estremeiras desfrutaban do ferrocarril. Referímonos aos territorios dos montes que nos separan de León e Castela, casos Brañuelas, La Granja e Torre, ou  da serra da Enciña da Lastra, no chamado Estreito, cos pobos da Barosa, Covas, e máis aló, en Quereño e Pumares. Non hai dereito a que lles deixen sen comunicación ferroviaria, favorecendo máis o seu illamento xeográfico.

NOVA DISCRIMINACIÓN AO MEDIO RURAL BERCIANO.

Entendemos que debería ser todo o contrario, favorecendo a integración ferroviaria destes pobos tan incomunicados. Nalgúns casos non lles resulta doado o transporte por bus xa que quedan fóra das estradas xerais. Isto mesmo acontece co pobo berciano da Granja de San Vicente. A reforma horaria posibilita que os seus viciños poidan baixar a Bembibre ou Ponferrada, a primeira hora da mañá (8.28 horas), pero logo os viaxeiros non teñen ningún tren que lles suba de volta porque non hai parada no seu apeadeiro. Peor acontece con A Barosa, Covas e Pumares, nestes lugares xa non se detén ningún tren. Isto xa non é supresión senón discriminación aos habitantes do medio rural berciano e galego.



Chegados a este punto, convén recordar que a presión social na comarca da Seabra conseguíu finalmente que non lles suprimisen o tren rexional que comunica Valladolid y Zamora con Puebla de Sanabria. Sen embargo, Renfe non tivo compaixón cos habitantes da chamada Alta Seabra, as coñecidas Portelas. Esta última zona tiña ferrocarril que comunicaba con Ourense, pero os políticos decidiron deixarlles sen transporte público. Polo que toca ao Bierzo, La Granja e Torre xa se mobilizaron, e outro tanto aconteceu con Covas. Pero ata hoxe non conseguiron recuperar o tren. Hai que seguir presionando a Renfe.


AS COMUNICACIÓNS FERROVIARIAS DO PASADO
.

Para a lembranza quedan os tempos en que a parada do tren en Toral de los Vados/Toural dos Vaos posibilitaba coller o tren para Vilafranca do Bierzo. Agora esta curta liña ferroviaria está chea de matogueira e ferruxe. E outro tanto acontece co proxecto do tren Ponfeblino, que ben traería desenvolvemento económico ás comarcas de Laceana, Palacios, Páramo, Matarrosa, Toreno e demais. A crise mineira parece soterrar definitivamente este proxecto ferroviario de vía estreita.



Moitos bercianos utilizamos no pasado o rexional mañaneiro de Ponferrada a Toral de los Vados para acudir á praia fluvial a pasar as fins de semana. Logo regresabamos no rexional de Galiza, da media tarde, para Ponferrada, cansos de tanto nadar nas frías augas do Burbia e de tanta andaina pola contorna.

Algúns aínda aproveitamos o tren rexional para acudir ás estacióis da ribeira baixa do Sil para facer excursióis. Dende Toural dos Vaos ben se pode subir ao val de Valcarce ou a Corullón e Dragonte. Pola súa parte, dende o apeadeiro da Barosa collemos os pobos do val do Selmo ou dirixirnos a Carucedo e mailas Médulas. Se baixamos en Quereño temos a tiro de pedra A Ponte Domingo Flórez e seguir polo val do río Cabreira con todos os seus pobos. E en Sobradelo collemos para Carballeda, Casaio ou Casoio, o val empechado pola serra do Eixe. A estación do Barco de Valdeorras permite visitar todo o sul da serra da Enciña da Lastra.


Estas comentadas estacióis e apeadeiros permitiron aos habitantes rurais dos vales que desembocan na conca do río Sil a saída para a emigración, primeiro a americana, e despois a europea ou española en sucesivos períodos históricos. Agora xa case que non queda xente neses pobos e o Goberno estatal decidíu rematar definitivamente con eles. Pechan as súas estacióis, quitan as súas paradas, en beneficio das grandes cidades que gañan en tempo de viaxe. Só lles queda ver pasar veloces os trens da Renfe ou da futura empresa privada que se poida aproveitar no futuro das infraestruturas ferroviarias.

O Bierzo, xuño de 2013.
WWW.OBIERZOCEIBE.BLOGSPOT.COM
http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es