jueves, octubre 17, 2013

MÁIS SOBRE OS ATAQUES AO GALEGO DO BIERZO.

OPINANDO SOBRE O GALEGO DO BIERZO, 

por Manuel González Prieto.

Os ataques que desde as institucións políticas está a sufrir a lingua galega dentro da comunidade galego falante é unha realidade que todas coñecemos.

Un dos ataques máis recentes foi o coñecido popularmente como “Decretazo do Plurilingüismo” que non contou co apoio de ningún grupo da oposición e duramente criticado pola comunidade galega; decreto lei que acentuou a desigualdade entre os centros públicos e privados e mesmo entre uns centros públicos e outros. E isto é grave porque afecta ao dereito básico de igualdade de todas e todos a unha educación pública e de calidade. A educación pública debe ser un piar básico do estado social e de dereito. 

En moitas ocasións utilizamos a expresión “Facer País”. Que significa isto de facer país? As privatizacións, os recortes no sistema de becas para as familias en situación de necesidade, a supresión de servizos como por exemplo a diminución de prazas en comedores escolares e outras medidas semellantes supoñen un ataque contra o mesmo corazón do futuro da nosa comunidade. ISTO NON É FACER PAÍS!



Medidas coma estas acentúan a desigualdade na posta en práctica dun dos dereitos que a maioría da nosa sociedade entende como innegociable “o dereito a unha educación pública e de calidade para todas”.  Unha educación que non pode estar desligada das realidades nacionais do Estado Español.

Plataformas educativas, ANPAS, profesorado a título individual e a comunidade educativa en xeral non poden permanecer caladas diante da usurpación deste dereito, dereito que debe ser innegociable porque resulta clave para asegurar o futuro do país e que debe ser clave para superar a actual situación de crise económica.


Desde as institucións gobernadas polo Partido Popular a tendencia é  a facer caso omiso das reivindicacións, denuncias e consellos da comunidade educativa. As súas actuacións no tema lingüístico están producindo o acrecentamento cada vez maior da desigualdade entre as linguas, que non podemos esquecer que constitúen un factor esencial das realidades nacionais que coexisten no estado español. Cando se está marxinando unha lingua estase marxinando os seus usuarios, estase marxinando a todas e cada unha das integrantes da nación que a falan. Todos os cidadáns temos os mesmos dereitos, e tamén todos os falantes dunha lingua deben ter os mesmos dereitos lingüísticos que os doutra por moi poderosa que esta sexa. Non debe haber linguas de primeira, nin linguas de segunda.



Nun estado plural e de dereito, a lingua é entendida como unha suma, un valor positivo, un patrimonio e “nunca, nunca” unha resta. Parece ser que os nosos gobernantes non entenden isto.
No Bierzo é por todas coñecido que o galego forma parte da vida cotiá de bercianas e bercianos, e non se 
lles pode negar aos seus habitantes o dereito nin a estudar nin a usar o galego na súa etapa de formación.

O dereito no Bierzo a cursar polo menos unha materia optativa de galego é unha pequena porta, unha pequena achega á comunidade galega. A posibilidade de obtención do título coñecido como CELGA III posibilita o concurso público a cargos ofertados pola administración en Galicia, abrindo futuras oportunidades laborais. Sen a obtención deste título non hai posibilidade de participar en ningún concurso público en Galicia. 



Un pacto entre comunidades, neste caso entre a Xunta de Galicia e a Junta de Castilla y León permite ao alumnado cursar unha materia optativa de Galego no Bacharelato no Bierzo, unha materia “voluntaria” que abre esa pequena ventá a Galicia e ao galego.

Recordemos que son catro centros educativos no Bierzo os que permiten cursar esta materia. Só catro!
A poucos días de comezar o curso escolar 2013-2014 a Consellería de Educación da Junta de Castilla y León adoptou a decisión de suprimir o programa de Inmersión Lingüística no IES Bergidum en Cacabelos e posteriormente no IES Europa en Ponferrada.  De catro centros a dous centros educativos. O consello escolar e as ANPAS dos centros denunciaron esta vulneración de dereitos. Distintos organismos, asociacións e colectivos manifestaron a posición contraria á decisión adoptada. Decisión entendida como incumprimento do Pacto entre a Xunta de Galicia e a Junta de Castilla y León.



Entre elas a Real Academia Galega quen solicita a ambas administracións ...
"que non haxa ningún alumno e ningunha familia berciana que, desexando voluntariamente recibir clase de galego a través do programa existente, sexa obrigada a escoller outras optativas"

Decisión inxusta sen pés nin cabeza, que vulnera o dereito a decidir, o dereito a usar o galego e evita o achegamento entre comunidades con realidades e raíces comúns.
“Longa vida ao galego, longa vida ao Bierzo galego e longa vida á educación pública” 

Asinado. Manuel González Prieto

http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es

0 Comments:

Publicar un comentario

Links to this post:

Crear un enlace

<< Home