sábado, septiembre 21, 2013

VIAXE FERROVIARIO ENTRE VEGUELLINA DE ÓRBIGO E PONFERRADA

                                          

VIAXE EN TREN ENTRE VEGUELLINA E PONFERRADA,

Por Xabier Lago Mestre.
falaceibe@yahoo.es


O tren chega á estación de Veguellina de Órbigo. Subimos escasos viaxeiros e rápidamente toma velocidade cara a Astorga. Detrás queda a imaxe pantasma das ruínas da vella fábrica de remolacha. A estas alturas do verán xa nin as cigoñas habitan nas súas chemineas. Tralo peche desta industria alimentaria as explotacióis agrarias de remolacha deixaron de cultivar este produto porque os custos do transporte a Benavente non eran xa soportables.

                         FÁBRICA DE REMOLACHA ABANDONADA DE VEGUELLINA

Sen tempo para a reflexión serea, cruzamos polas estacióis de Barrientos e Nistal, onde non para este comboi. Renfe decidiu pasar de prestar o axeitado servizo ferroviario a moitas poboaciois rurais apesar das protestas veciñais. Vemos pola esquerda uns grandes edificios abandonados, son dependencias ferroviarias da liña entre Astorga e Plasencia. Estamos nas aforas de Astorga. Magníficas imaxes da cidade arrodeada da muralla romana. Á entrada da estación atopamos unha peculiar estructura gandeira. Trátase dun cargadeiro de gando lanar. A fines do século XIX, cando se construe esta liña ferroviaria a Monforte, abriuse a posibilidade de transportar as ovellas dende Estremadura ás brañas leonesas e bercianas, seguindo a canada leonesa occidental ou vizana.

                                                IMAXE DA CIDADE DE ASTORGA

De novo a toda marcha cara ao oeste. Sen parada pasamos o apeadeiro de Otero de Escarpizo, onde desfrutamos cun grande rebaño de ovellas. A verdade é que sorprende non atopar nada de gando en todo o percorrido cando antano era tan común. Subimos para Vega de Magaz, ao carón de Magaz de Cepeda, o seu concello. A ribeira do Porcos permite o ascenso para a estación abandonada de Porqueros. Dende eiquí hai estrada para o encoro norteño de Villameca. A paisaxe vexetal desta contorna amosa repoboaciois de piñeiros. 



SUBINDO PARA A SERRA MONTAÑOSA. 

Máis enriba chegamos a Brañuelas, tamén sen parada. A grande superficie do parque de vías anuncia a importancia que tivo en tempos pretéritos grazas á industria mineira. Aínda hai restos dalgún cargadeiro de carbón. Na saída o pobo os muíños de vento son mostras do progreso ambiental. A partir de eiquí principiamos a baixada para a rexión do Bierzo.

O primeiro val que atopamos é o do río Tremor que baixa dende Pobladura de las Regueras. A rápida baixada esconde o tren dentro de sucesivos túneis, á saída dos cales atopamos fermosas paisaxes con grande variedade vexetal. Cruzamos por enriba a autoestrada do Noroeste, e pouco despois o novo apeadeiro de La Granja de San Vicente. Pobo que se mobilizou para empecer a supresión de paradas ferroviarias. Este tren non para tampouco. Tratan de illar estas aldeas montañosas para favorecer a súa despoboación definitiva, pero por sorte ten un pedáneo resistente ante tanta inxustiza institucional.



ATRAVESANDO O LAZO FERROVIARIO.

A seguir atravesamos a máis importante infraestrura ferroviaria, trátase do chamado Lazo. A vía forma un lazo e cruza en dos niveis distintos para favorecer o descenso forzado dende La Silva para o barrio mineiro abandonado de Albares-estación, na ribeira do río Tremor. Por certo, non confunidir este caserío de Albares, con outro pobos como Albares de la Ribera e Las Ventas de Albares, preto de Bembibre.

                                     MAPA DO TUNEL DO LAZO NA REXIÓN BERCIANA

Tampouco para en Torre del Bierzo. Este pobo mineiro tampouco merece a atención de Renfe. A vella estación está acompañada do novo apeadeiro de ladrillo sen funcióis. É dicir outro investimento estatal que non serve xa para nada. Á saída do parque de vías xa non existe o famoso túnel no que tivo lugar o maior accidente ferroviario de España en tempos do franquismo. Seguimos desfrutando da ribeira do Tremor ata chegar ao pobo de Viloria, onde xunta augas con río Boeza.

                                       POBO MINEIRO ABANDONADO DE ALBARES

VIAXANDO POLAS RIBEIRAS DO RÍO BOEZA.

A veiga ábrese na entrada da vila de Bembibre. Da súa importante industria mineira pouco resta. Vemos aínda un cargadeiro ferroviario de carbón, á esqueda da estación pechada. Agora esta vila do Bierzo alto ten que procurar un novo futuro para os seus habitantes ante o peche definitivo das minas da contorna. Á saída o parque industrial intenta medrar paseniño.  Tren colle velocidade pola chamada recta de Almázcara, ao igual que o fan os automóbeis pola paralela autoestrada Noroeste. O vello apeadeiro de Villaverde de los Cestos xa non conserva infraestrutura ferroviaria, nin conserva a antiga parada facultativa previo aviso ao interventor.


                                       VELLO CARGADEIRO DE CARBÓN DE BEMBIBRE.

Así pois, en poucos minutos xa estamos en San Miguel de las Dueñas, en honra da famosa abadía feminina. Na contorna da estación atopamos infraestruturas mineiras. Un novo cargadeiro de mineral, e tamén o edificio de saída e chegada de vagonetas para os coutos Vivaldi e Wagner de ferro. Cableado de vagonetas que subía para os pobos montañosos de Onamio e Paradasolana.



O noso tren entra no canón do Boeza, entre túnel e túnel, vemos abaixo a ribeira poboada de chopos e mailo encoro de Montearenas. Para ver isto hai que estar moi atento ás entradas e saídas dos ditos túneis xa que a velocidade empece o desfrute sereo da agochada paisaxe. De súpeto vemos a saída do canón coa urbanización Patricia na outra ribeira oposta. Ábrese o val cara a Campo e máis aló os montes Aquilanos. En nada xa comezan os edificios da cidade de Ponferrada. Os viaxeiros alégranse de ver o río Sil e mailo castelo de Ponferrada de fondo. En fin paga a pena viaxar neste pequeno percorrido ferroviario, moi recomendable en calquera época do ano. 

                                          FIN DO CANÓN DO BOEZA EN PONFERRADA

O Bierzo, setembro de 2013.
www.obierzoceibe.blogspot.com

http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es