DÍA DOS DESAPARECIDOS NA REXIÓN DO BIERZO.
DÍA DOS DESAPARECIDOS NA REXIÓN DO BIERZO,
Por Xabier Lago Mestre.
falaceibe@yahoo.es
Un ano máis en Ponferrada celebramos o Día Internacional dos Desaparecidos. O lugar elixido foi a beira do río Sil, xunta a estatua da Victoria de Samocracia. Recíbenos unha foto xigante dunha foxa con esqueletos de persoas anónimas. Craneos, ósos, omoplatas, peronés… e balas de fusil ou pistola. Impresión dramática que conmove a calquera que vexa e sinta a presencia da morte asasina. Ademais, as siluetas humanas, pintadas de negro, en feble cartón, con la equis na boca e maila interrogación no abdome, creaban un ambiente de inquedanza e preguntas sen resolución para os presentes.
A presentadora do acto recorda o Día dos Desaparecidos que son moitos aínda hoxe en todo o planeta. Tamén se critica a actitude do Goberno central que xa non cumpre co mandato da Lei da Memoria Histórica. Xa non hai cartos públicos para seguir devolvendo a dignidade aos desaparecidos durante a represión da Guerra Civil española. Por mor desta conxuntura política desfavorable as asociaciois civís de recuperación dos restos teñen graves problemas para seguir desenterrando os corpos desaparecidos.
O acto público continuou coa presencia dos poetas, Cuenya, Sara ou Aínda, demostraron a súa sensibilidade á hora de expresar sentimentos profundos con palabras. A situación descrita daba pé para expresar toda a rabia cara a este drama que non acaba de rematar para tantas persoas que sufriron e sufren esta traxedia incivil. Mentres recitaban os artistas das verbas, resultaba gratificante ver a valentía dos familiares dos desaparecidos. Con orgullo amosaban as fotos dos seus defuntos, acompañados dos seus fillos e netos. Algún deles arrodeado coa bandeira republicana que presidíu a súa ideoloxía vital naqueles anos tráxicos.
Con acerto, entre palabras humanas sentidas, desfrutamos co son da gaita galega a cargo de Sergio. A súa música permitiunos un chisco de sosego ante tanto desconsolo forzado. Máis fortes foron as palabras dun asturiano que arremeteu contra tanta desfeita gubernamental no tema dos desaparecidos. Para rematar, unha parella da zona da Maragatería relatou unha fermosa ficción, mestura de lembranza dos acontecementos incivís da represión no 1936 e da apertura dunha foxa de familiares. A verdade é que resultou impresionante a narración dual. Entre ámbolos dous fixeron un interesante diálogo xeracional entre o pasado e o presente. Deixaron plasmados os nosos temores, de antano e hoxe, tamén da polémica por olvidarmos para non perturbar as nosas mentes individualistas. Pero os nosos mortos nos chaman aínda desde as foxas pedindo xustiza aos vivos. Non podemos esquecelos, nin pechar os ollos, por moito que tiramos para o distante futuro porque sempre nos perseguirán coa súa memoria.
O Bierzo, agosto de 2013.
www.obierzoceibe.blogspot.com
http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es
0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home