lunes, julio 22, 2013

POLA MUDANZA NA DINÁMICA VINDICATIVA DO BIERZO

POLO TROCO NA DINÁMICA REIVINDICATIVA NO BIERZO,

COLECTIVO CULTURAL FALA CEIBE DO BIERZO.

Dende o colectivo Fala Ceibe instamos unha mudanza na vindicación galegueira. Non se trata de cuestionar o feito ata hoxe a prol do galego no Bierzo. Máis ben de atopar unha nova dinámica sociolingüística acorde co século XXI. Neste senso queremos aproveitar máis e mellor as novas tecnoloxías da información. Todos os que estamos a traballar no desexado rexurdimento do galego sabemos das nosas debilidades e fortalezas do movemento vindicativo. Chegou a hora de unir forzas a través das posibilidades que ofrece a internet. Vexamos pois algunhas das propostas de actuación vindeira.



1. CREACIÓN DUN XORNAL DIXITAL BERCIANO.

Hai que superar o minifundismo na internet berciana (webs, blogues, perfís…) para ofrecer unha imaxe pública de cooperación asociativa.
Ofrecer unha imaxe unitaria, tanto no Bierzo como na Galiza, é fundamental para acadar mellores obxectivos estratéxicos.
Precisamos dun proxecto cultural galegueiro común orientado á cidadanía berciana fundamentalmente mediante unha participación activa e democrática.
Cun xornal dixital berciano ofreceremos información nosa, en galego, sen depender dos medios de comunicación tradicionais en castelán.
Un medio dixital capaz de concentrar a información galegueira, de xeito que favoreza a accesibilidade dos internautas bercianos e mailos galegos.
As novas tecnoloxías de seguro que van prestixiar o noso galego, rachando cos prexuízos que soporta hoxe. 
O uso acotío do galego na internet é o mellor xeito de normalizalo, superando así a dinámica conxuntural de actos culturais illados (institucionais, tradicionais…) que teñen escasa presenza pública.



2. OS CONTIDOS GALEGUEIROS DE INTERESE SOCIAL.

Debemos elaborar no xornal dixital contidos específicos con demanda polas distintas capas da sociedade berciana (mocidade, estudantado, vedraños, mulleres…).
A mocidade pode ter interese polas novidades musicais, literarias, televisión, cinema, videoxogos… en galego, así como polas saídas profesionais, etc. 
O estudantado quere información complementaria dos seus estudos de galego (historia, etnografía, cursos de galego…), universidades galegas, concursos (fotográficos, literarios, ensaio, etcétera.
Á veciñanza do medio rural debemos ofrecer publicidade dos seus pobos, festas, rotas turísticas, valores culturais, ltradiciois, etc.
Para os concellos e xuntas veciñais do Bierzo podemos facilitar estudos toponímicos, documentación administrativa, vocabulario local, dereito consuetudinario…
Hai que provocar o debate sobre a problemática social de hoxe (desemprego, ecoloxismo, bercianismo…) que ben podería fomentar a creación de redes de solidaridade e sociabilidade (recuperación do espírito comunitario das vellas facedeiras).
Resulta fundamental a visualización do galego, vía internet, con fotografías, fotomontaxes, videos… para transmitir unha mensaxe atractiva, provocadora, innovadora e funcional desta lingua. 
Todo este conxunto de intervencióis poden favorecer prestixiar a nosa lingua e despois, paseniño, o rexurdimento galegueiro.


3. PROVOCAR A RESPOSTA SOCIAL E MAILA PARTICIPACIÓN.

Un xornal dixital bercianeiro alternativo fronte ao monolingüismo castelán que forzan os medios informativos tradicionais e foráneos que empecen o uso do noso idioma.
Cómpre abrirse á participación social mediante o bilingüismo en positivo e maila liberdade de expresión plena.
A presenza continua do galego na intenet berciana provocará procesos sucesivos de apertura individual e colectiva cara a este idioma (admisión, asimilación, activación e uso).
A internet berciana é unha vía de acceso ao galego (internautas, familias, colexios…) a través dos computadores, tabletas, móbiles e resto de dispositivos dixitais futuros. 



4. A NECESARIA FINACIACIÓN.

Crear un xornal dixital sempre é un grave problema financeiro, por iso se se pode aproveitar unha  infraestrutura previa mellor. Hai a posibilidade de adquirir en boas condicióis económicas www.todobierzo.com, do cal se pode asumir case todo (formato, título, publicidade…). 
Un grupo inicial de colaborades serían os encargados do financiamento base.
Máis adiante se pode contar con outro apoio financeiro, da publicidade institucional ou comercial de Galiza (librarías, editoriais...
Tamén habería que facer un chamamento público, na Galiza, ás doazóis anónimas e solidarias dos internautas concienciados polo mantemento do uso do galego no Bierzo.
Outra fonte menor de financiamento é a venda de produtos publicitarios nosos (camisolas, gorras…). 

O Bierzo, xullo de 2013.
www.obierzoceibe.blogspot.com


http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es

0 Comments:

Publicar un comentario

Links to this post:

Crear un enlace

<< Home