jueves, julio 18, 2013

ROSALÍA DE CASTRO VOLVE A VILAFRANCA DO BIERZO.


CELEBRACIÓN DE ROSALÍA DE CASTRO EN VILAFRANCA DO BIERZO.


Unha serie de colectivos que traballamos pola defensa do galego no Bierzo quixemos lembrar  os 150 anos da publicación do seu primeiro traballo en lingua galega a poucos días da celebración do Día de Galicia, nun acto que terá lugar o próximo día 22 de xullo ás 20,30 no Teatro de Vilafranca do Bierzo  onde se  fará a presentación do libro:  Cantares Gallegos en edición do actual presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, poeta e  especialista na obra da poeta.

No acto intervirán ademais do autor da edición  Anxo Angueira,  Marisa Cela, no nome da Comisión Cultural  Martín Sarmiento e os restantes colectivos organizadores, Mar Palacio presidenta do Instituto de Estudos Bercianos IEB, Héctor Silveiro, académico correspondente polo Bierzo na Academia Galega  e o cantautor berciano Aínda, que interpretará uns temas na honra da poeta.



Estamos seguros de que  os bercianos sentimos a Rosalía, a poeta de Padrón ( aínda que nacer nacer, naceu en Compostela) de xeito ben diferente ao que a poden sentir un leonés ou un madrileño, ou un catalán, non porque non haxa xente sensible, entre as persoas  nacidas nestes lugares, senón porque os bercianos sentimos máis próxima a Rosalía .  Muitos, non un, nin dous, un bo número de bercianos  descubriron  esta proximidade coa poeta da mao do cantautor berciano  Amancio Prada  que aló polo ano 75 realizara un  gran traballo de interpretación e difusión , o seu segundo traballo, que  espertou a conciencia desta relación tan especial coa que o Bierzo recibe a Rosalía.

Os argumentos que nos permiten facer tal afirmación son os seguintes: En primeiro lugar, ler con devoción a Rosalía, escoitar os seus versos nun idioma que nos é común a galegos e bercianos,  fainos sentila como propia. Esa lingua que a poeta  usa conscientemente coa intención de dignificala  nos seus Cantares.



En segundo lugar, os Cantares son compostos seguindo o modelo dun ilustrado, Martín Sarmiento, que todo o mundo sabe que é un erudito polígrafo  berciano e galego, considerado o Pai das Letras non só por ser o seu primeiro estudoso e documentar o galego dende o Bierzo a Pontevedra, senón e sobre todo , como nos descobre  Anxo Angueira detalladamente no prólogo da súa edición, ao constituírse como autor cuxa fórmula será vital para os poetas do Rexurdimento. 

E, por último, os Ensayos poéticos en dialecto berciano de Antonio Fernández Morales, composición que  vén a demostrar, tres anos antes da publicación dos Cantares de Rosalía de Castro, que o Bierzo contribúe ao nacemento desa nova etapa literaria para o galego, escribindo  un canto á Terra  e conformando cos poemarios de  Rosalía e doutros poetas o chamado Rexurdimento da Literatura galega contemporánea.



Logo, non é estraño que os bercianos interiorice mos a Rosalía como se naceramos en Galicia pois, como deixou escrito na súa Historia de Galicia  Manuel Murguía, o marido de Rosalía e polo tanto unha persoa ben próxima a ela, o Bierzo pertence non administrativamente, pero si sentimentalmente  a ese espazo cultural no que Rosalía é lida con devoción.

ORGANIZAN: Comisión Cultural Martín Sarmiento,Colectivo Fala Ceibe, Asociación Berciana da Lingua Xarmenta e Asociación Cultural Escola de Gaitas. Colaboran: Editorial Xerais de Galicia e o Concello de Villafranca del Bierzo .

O Bierzo, xullo de 2013.
www.obierzoceibe.blogspot.com
http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es