miércoles, junio 12, 2013

VISITANDO A FEIRA AGROALIMENTARIA DE CARRACEDELO.

CARA Á FEIRA AGROALIMENTARIA

 DE CARRACEDELO,

Por Xabier Lago Mestre.
falaceibe@yahoo.es

Ás 9 horas sae o tren rexional para Galiza. Nosoutros seguimos contando co tren para os desprazamantos polo Bierzo baixo. Por sorte, desta vez Renfe non suprime as paradas no apeadeiro de Viladepaos e na estación de Toral dos Vaos. Agardemos que na seguinte reforma horaria da empresa pública sigan a existir estas dúas porque, segundo a conversa mantida co interventor, xa non hai paradas na Barosa e na veciña Covas. 



Somos os únicos viaxeiros que nos apeamos en Toural dos Vaos. Na praza da estación, onde se atopa a pequena biblioteca municipal, no antigo almacén ferroviario, pegamos os primeriso carteliños en defensa das xuntas veciñais do Bierzo.  Outro tanto facemos no antigo Campo da Feira, lugar onde se atopa a Casa do concello. A seguir subimos para o barrio do Teso. A fresca mañanciña é aproveitada polas mulleres para facer as súas compras do sábado no pequeño comercio local. No instituto hai unha pancarta verde a prol do ensino público. Que non decaía a capacidade de resistencia ante os recortes.

Saímos de Toural cara a Viladepaos. Os labregos sachan nos seus hortos porque ameaza chuvieira. A estrada e o ferrocarril camiñan irmanados. Entramos polo barrio do Campo da vila, máis adiante o novo apeadeiro de Renfe. Cruzamos a vía divisoria do pobo polo túnel para seguir por S. Pedro y Magdalena. Á dereita o Fabeirín, topónimo de referencia da ampla e conflitiva devesa de Fabeiro que chegaba ata Ponferrada.



A recta diríxenos para Carracedelo. A súa igrexa parroquial está ben protexida polos cans que nos ladran por ser foráneos. A súa dona consegue calmalos. A nosa cámara fíxase na Casa rectoral, dende hai uns días Centro das Denominacióis de Orixe do Bierzo (mazá, castaña, botelo, pera…). Un sinxelo cruceiro de madeira centraliza outra praza. Un cartelo anuncia a Rota etnográfica do Pan e do Viño. Carracedelo ten recuperado diversos lagares e fornos populares. A nosa visita temperá non concorda cos horarios de visita. Máis adiante, a praza do Concello, onde se atopa un novo edificio consistorial. Pero o peor acontece despois, cando xorden edificacióis privadas que rachan co conxunto da arquitectura rural en cores, volúmenes e alturas. Unha mágoa!. Por sorte, alégranos a vista un bo conservado pombar rural e circular.



Tras cruzar a estrada nacional VI vemos o grande edificio As Médulas, de clara arquitectura romana. Así se denota no Arco de entrada e na decoración das estatuas do xardín. Nel se atopa esta nova edición da Feira Agroalimentaria. Na parte exterior do recinto expositivo hai diversos postos, dende libros antigos ata menaxe de cociña, pasando por diversidad de obxectos de agasallo, oferta de casas de madeira ou combustible vexetal. Xa dentro, mestura dos bos olores por mor dos alimentos (queixo, doces, embutidos…) que se ofertaban. O que máis daba era o Consello Comarcal, coa súa furgoneta publicitaria do Banco de Terras, ou a súa abundante propaganda turística a través dos folletos e maila cartelería. Os visitantes comentaban que hogano a crise tamén se notou, incluso máis que noutras edicións. O alcalde parece reaccionar, para o vindeiro ano pretende facerla monográfica en materia agroalimentaria. Agardemos que esta pretensión política sirva para recuperar  o seu vigor.

O Bierzo, xuño de 2013.
www.obierzoceibe.blogspot.com

http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es