NOVAS DOAZOIS DE LIBROS DE FALA CEIBE DO BIERZO
BIBLIOTECA FERROVIARIA
DE TOURAL DOS VAOS.
DOAZOIS DE LIBROS DE FALA CEIBE DO BIERZO,
por Xabier Lago Mestre.
Colectivo cultural Fala Ceibe do Bierzo
falaceibe@yahoo.es
Un ano máis, co gallo do Día das Letras Galegas no Bierzo, o colectivo cultural Fala Ceibe aproveita a ocasión para facer novas doazóis de libros ás bibliotecas públicas da nosa rexión. Nos tempos de grave crise económica que atravesamos as bibliotecas municipais non teñen recursos económicos abondos para mercar novos libros. Ademais, o colectivo Fala Ceibe perdeu o seu local social, por falta de cartos para pagar o aluguer, por mor do cal tivemos que desfacernos da nosa pequena biblioteca.
Todas estas circunstancias motivaron as sucesivas doazóis de libros para as bibliotecas municipais da rexión berciana. Comezamos polas bibliotecas de barrio da cidade de Ponferrada, a saber, Columbrianos, Fontesnovas, Catroventos, Campo e Devesas, para seguir pola Casa da Cultura do concello ponferradino, ademáis do Instituto de Estudios Bercianos ou a pequena biblioteca de Toural dos Vaos. Para eles foron libros de variada temática, historia, literatura, dereito, linguas coma o galego e mailo inglés, turismo, revistas, etc.
PROXECTO CONSTRUAMOS UNHA BIBLIOTECA EN MAGAZ.
Dentro desta dinámica cultural de doazón de libros salientamos o proxecto que pretende a creación dunha biblioteca por parte da xunta vicinal de Magaz de Abaixo. Por suposto que non podería quedar fóra da nosa doazón de libros. Como lles faltaba de todo, o primeiro en recibir foi unha enciclopedia xeral de Espasa-Calpe, ao que seguíu exemplares de literatura española, que non falte unha boa edición do Quixote, poesía, dereito, historia, turismo, libros en galego, revistas de historia e arqueoloxía, etc.
Tras falar con Marcos Cubelos, da xunta viciñal de Magaz, sabemos do interese por crear un arquivo dixital con información dos pobos do Bierzo. Está moi ben esta idea porque quizáis motive ao resto de xuntas veciñais a sacar á luz pública os seus arquivos documentais que de seguro están agochados e mal estado de conservación. Os historiadores pretendemos coñecer eses pequenos arquivos das dichas xuntas para darmos a coñecer a historia local aínda descoñecida. Nestes tempos en que o Goberno central pretende rematar coa existencia secular das xuntas veciñais do estado, nada mellor que unha iniciativa popular que quere dignificar o traballo histórico e xurídico das xuntas bercianas. Somos moitos os que estamos dispostos a defendelas deste bo xeito.
POLO ARQUIVO HISTÓRICO DOS POBOS BERCIANOS EN MAGAZ DE ABAIXO.
En fin, sería un acerto pretender un novo concepto de biblioteca local, aberta a todo O Bierzo, mediante o sistema de préstamo semanal amplo. Se a isto unimos a creación do arquivo dixital da historia dos pobos bercianos, podemos ter un espacio cultural novo e nada elitista. Convén recordar que outras institucióis xerarquizadas e minoritarias, casos do Instituto de Estudos Bercianos e da Fundación Pedro Alvarez Osorio ou a Biblioteca templaria, cremos que non cumpren as funciois orixinarias polo seu elitismo temático e académico. Por iso aplaudimos o novo intento de rexenerar a cultura popular que pretende a xunta vecinal de Magaz de Abaixo coas iniciativas comentadas.
Para que a dinámica cultural de Magaz de Abaixo vaia polo bo camín propoñemos que procure o apoio de colaboradores altruistas que poidamos achegar medios persoais, materiais, técnicos e incluso económicos. Os tempos de crise que vivimos non van favorecer a chegada de cartos públicos de concello, Deputación e Consello Comarcal. Se unimos esforzos solidarios poderemos tirar para diante nestes difíciles inicios.
Noutro sentido, será básico o apoio inicial da internet para dar a coñecer máis e mellor esta iniciativa cultural e popular a través das redes sociais. Convén abrir un blogue ou páxina web no que se dea a coñecer o activismo cultural e convide á colaboración dos cidadáns, vivan onde vivan. Esta páxina web serviría para difundir as actividades culturais e bibliotecarias, pero tamén para divulgar os diversos estudos sobre os pobos bercianos (libros, traballos de investigación, artigos dixitais, etc), e recuperar a historia local, costumes, festas tradicionais, artesanía, cultura popular e demáis. Porque para conseguir apoio exterior para esta empresa cultural é fundamental convencer aos bercianos e foráneos do ben que se traballa en Magaz de Abaixo, e non hai mellor ventá aberta ao mundo que a internet. Ben cho sabemos todos e todas os que nos movemos pola arañeira a diario.
O Bierzo, maio de 2013.
WWW.OBIERZOCEIBE.BLOGSPOT.COM
http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es
0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home