sábado, abril 13, 2013



O LIBRO DO POBO DE CUETO/COTO,
Polo Colectivo Cultural Fala Ceibe do Bierzo.
falaceibe@yahoo.es

Revisando o catálogo da biblioteca pública atopamos o libro “Cueto, historia y vida de un pueblo berciano” (2008), do profesor Jesús García y García. Por mor da historia local deste pobo do concello de Sancedo temos moita e variada información do seu pasado. Este libro amosa dúas partes: Historia de Cueto e a vida en Cueto. Respecto á primeira, detémonos nas orixes do nome de Cueto. Pero o certo é que na documentación tamén xorde o nome histórico de Coto, segundo o seu autor. O tumbo do mosteiro de Santo Andrés de Espiñareda recolle varios papeis onde temos a denominación Coto, “a vos don García Martínez de Coto e a vossa muller donna sancha damos e outorgamos en préstamo todos los heredamentos que a nos pertenecen (…)”. Outro indica “el convento desse mismo monesterio damos a vos, Rodrigo Alvarez de Coto e a vestra mullier Aldonça  Suarez que tengades de nos en prestamos por en todos los días de vestra vida de ambos (…)” (páxina 45). Todo semella indicar que finalmente impúsoxe a forma toponímica leonesa Couto. 


Noutra parte temos un texto que fai referencia á cuestionada provincia do Bierzo. Nosoutros defendemos que esta provincia do Antigo Réxime era unha delimitación territorial pero había algo máis. Formou parte dunha estrutura protoinstitucional en diversos eidos: fiscalidade, militar, gobernación, etc. Incluso tiña un axente real ao mando da dita provincia do Bierzo, referímonos ao corrixidor de Ponferrada, con grande tradición dende fines do século XV. Pero ben, non é este o momento de debater sobre a dita provincia. Vemos o comezo do dito texto, “el concejo y vecinos del lugar de Cueto, en la provincia del Bierzo, estando juntos en el sitio acostumbrado y llamados y congregados a son de campana tañida, como lo tienen de uso y costumbre juntar para tratar y conferir las cosas tocantes al servicio de Dios y bien y utilidad de esta república (…)” (páx. 65).



Tamén salientamos os datos dedicados á juntas vecinal, tan de moda agora coa ameaza do Goberno central da súa eliminación legal e institucional. Así recolle o inventario de bens da entidade local menor de Cueto/Coto, entre fincas urbanas e rurais. Bens públicos que serviron para apoiar a economía familiar e veciñal dos máis desfavorecidos, mediante o aproveitamento comunal dos seus pastos, leña, follas, madeiras, toxos, froitos, etc.  Os procesos de desamortización, promovidos polos gobernos liberáis do século XIX, baixo a ideoloxía individualista e capitalista intentaron desfacer eses bens comunais dos pobos bercianos. O noso autor tamén recolle os preitos emprendidos pola xunta veciñal en defensa dos comunais contra outros pobos lindeiros, caso de Cabanas Raras no ano 1928. Incluso de 1943 hai documentos referidos ao reparto por lotes das terras comunais de Cueto, cunha importante previsión aos novos viciños que poida haber, “los lotes que en lo sucesivo queden vacantes, serán adjudicados a los nuevos vecinos que se establezcan con casa abierta y éstos por antigüedad, haciendo así anualmente en el libro de Actas de la junta. Entrarán en la primera división los llamados nuevos vecinos (…)”.


Na segunda parte do libro, hai referencias ás construcciones (igrexa, torre, canle de rego, heliporto, lagares, fornos…), para tratar despois as referencias aos animais (rabaños, colmeas, animais de tiro, galiñas, matanzas…), as festas e os xogos teñen tamén o seu espazo (O ramo, o cancioneiro, os magostos, os carnavais, as festas relixiosas…), na sección do traballo analiza o ciclo anual agrario e mailas ferramentas e traballos domésticos. 

Na derradeira parte do libro trátase do tema da fala de Cueto. Lembremos que o autor é filólogo de profesión. Non faltan as referencias tanto ao galego coma ao leonés occidental, analizando polo miúdo a caracterización filolóxica propia de cadanunha das dúas linguas territoriais. Jesús García dinos que “como tal habla, no existe, ya que su estructura morfológica y sintáctica hasido sustituida en el habla normal, por las de la lengua oficial (…)”. Segue cunha relación de nomes toponímicos (hidrónimos,  orónimos, fitónimos, zoónimos, antropónimos…). Logo recolle máis palabras relacionadas co labradío, texidos, vestido e árbores. De remate, un apéndice fotográfico sobre os homes e as mulleres de Cueto/Coto.

O Bierzo, abril de 2013.
www.obierzoceibe.blogspot.com


http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es