miércoles, abril 03, 2013



ROTEIRO ENTRE ORBANALLO E PRIARANZA,
Por Xabier Lago Mestre.
Colectivo berciano Fala Ceibe.

Principiamos outra nova rota polo Bierzo Sur partindo do pobo de Toural de Meraio. Esta poboación conta con numerosos barrios, a saber, Barrera, por onde entramos, Nogalego, tralo paso da súa ponte medieval, Pinzais, Oteiro, Toural, Meraio e O Teso, por onde saímos. Segundo a documentación histórica, había un concello xeral onde participaban representantes de todos os ditos barrios comentados, como cando decidiron reducir o número de fornos comunarios por barrio para evitar os temidos fogos descontrolados.

                                           CASA DA ALDEA BERCIANA DE ORBANALLO

Comeza a suba pola ladeira do cerro do Castro, para seguir polo cerro das Infantas.  Atrás queda a grande canle de Cornatel que xorde tralo soterramento tralo monte do Paxariel. Pola Esqueda o regueiro dos Predos e pola la contra unha fermosa paisaxe de viñedos. Seguimos pola estrada para a Ozuela, pero collemos o desvío para Orbanallo, cun letreiro castelanizado, por suposto.  Nova forte suba polo casarío desta aldea na que atopamos varias casas rurais de aluguer, moi ben restauradas para o turismo estacional.  No alto do cerro da Mallada, aproveitamos as boas vistas do Bierzo chairego. Dende eiquí, por abaixo entramos un frondoso arboredo outonal. Máis adiante un souto porla paraxe de Folilares. Enriba o cerro da Cabeza. 

                              POBO BERCIANO DE RIMOR, AO LONXE PONFERRADA

O novo val xorde cos regueiros Rimor e Barrero, que confluen no pobo de Rimor. Agardamos que ninguna tormenta futura concentre as augas de ámbolos regueiros no primeiro barrio de dita aldea, polo perigo que habería por ter casas no cauce fluvial.  Mentres agatuñamos pola ladeira das Cabuercas gozamos da vista panorámica de Rimor. Máis adiante, nas aforas xa, vemos a ermida do Santo Cristo. Ao salir do dito val, temos a mellor das vistas, ao lonxe Ponferrada, e a súa Torre Faro, símbolo da burbulla inmobiliaria, e detrás as chemineas da central térmica de Cubillos botando fume ao ceo azul.


                       PEDRA TESTIGA LINDEIRA ENTRE RIMOR E VILALIBRE

Polos bordes da Golea e maila Matica atopamos viñedos, e por Montalval arboredo froiteiro, cereixais, amendoeiros e cirolos. Unha gran pedra, unha testiaga ou marco, fixa os lindeiros entre as pedanías de Rimor e Vilalibre da Xurisdición. Atopamos un paroleiro viciño desta última poboación que nos fala dos terreos comunais no alto do monte, na Peralina e Peñalga. Dos problemas que teñen para recuperalos e poñelos en explotación polas duras condiciois que impón a Consellería de Medio Ambiente da Junta de Castela e León. A perda da autonomía das nosas xuntas veciñais ante os poderes alleos ten estes sometementos. Velaí unha das razois dos lumes forestais que xorden nos meses da seca nesta rexión do Bierzo.


A baixada para Priaranza é doada, ao lonxe vemos as barrancas de Santalla, que semellan as terras lonxanas das Médulas. Collemos de novo a estrada nacional entre Ourense para Ponferrada para principiar a volta á capital do Bierzo. Os nove quilómetros que restan son pracenteiros, desfrutando da paisaxe chairega. Imos deixando os pagos da Forca, O Cabuerco e Nogaledo, para chegar a Vilalibre da Xurisdición. Esta poboación séntese moi orgullosa de acadar a liberdade noutros séculos lonxanos, velaí as súas actuáis rúas Constitución e Liberdade.  Torcemos para a Esqueda, procurando a ribeira do Sil, mentres que deixamos o desvío para Toural de Meraio. 

                                                     POBO BERCIANO DE RIMOR.

O Bierzo, abril de 2013.


WWW.OBIERZOCEIBE.BLOGSPOT.COM
http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es