jueves, marzo 07, 2013

ANDANZAS POLA CONTORNA DOS MAGAZES.



ANDANZAS POLA CONTORNA DOS MAGAZES BERCIANOS, 
por Xabier Lago Mestre,
do colectivo berciano Fala Ceibe.

Saímos da vila de Camponaraia e subimos a pequena costa do cerro da Raimunda (547 metros), mentres deixamos os predios de Valderrelas, Os Prados largos e Vilardoi, segundo a antiga estrada para Vilafranca do Bierzo. Trala baixada, diante de nós Magaz de Abaixo, á dereita. Unha peculiar dupla cartelería do rueiro recíbenos, Avenida do Bierzo e Rúa Real, comparten denominación en castelá, claro. O casarío tradicional xorde moi remozado. Ata tal punto que moitas casas antigas están deshabitadas, pero que ben merecen unha foto para a lembranza. A súa toponimia mantén Sardonal e Os Quiñones, onde houbo terrádego concellil de reparto comuniego. Fixamos o noso obxectivo fotográfico nunha vella casa cun forno exterior, que queda tamén para o noso arquivo.



Máis adiante, saíndo de Magaz de Abaixo, A Matega, As Mategas e maila Cabrita, con referencias gandeiras. Unha pequena costa permítenos subir para a zona vella de Magaz de Enriba. As casas máis tradicionais cos seus corredores exteriores, pero, por desgraza, en moi mal estado. Diante da igrexa rural, adicada a S. Pedro, temos a praza da Picota. Falamos cos viciños e non saben a orixe de tal nome. Supoñemos que a Picota vén do lugar de aplicación da xustiza señorial ou pola referencia orográfica por ser a parte alta do pobo. A igrexa conserva un adro cuberto onde se reunía a xunta vecinal e agora xogan uns cativos aturuxando. 


Baixamos polo barrio do Regueral, onde atopamos unha pintada anónima en contra da venda dos terreos comunais do pobo. Quedan á dereita os topónimos A Cabana e O Bouzal, quizáis referida ésta derradeira á tradicional bouza de queima do monte baixo. Porque máis lonxano, cara aos leste, xorde o predio das Queimadas. Seguimos agora para Arganza, cunha nova suba polos Garrobos e A Bouza, agora terreos cheos de grandes piñeiros ben pechados, quizais para protexelos dos frecuentes fogos forestais. 



Tralo descenso polo Monelo, coa súa terminación dialectal galego-berciana, vemos o casarío do barrio do Outeiro de Arganza. Na primeira praza, preside todo o pozo comunal.Na nova rúa principal do concello, á esquerda o fermoso pazo dos señores de Arganza. O pequeño bus local deixa unha viciña, xunto á nova Casa do Concello. Enfronte O Poulón, terras deixadas en barbeiro, O Prao Xusto e maila Capela. Un sinal de tráfico anuncia o camín para Campelo e Canedo, onde está o pazo de Prada a Tope. Desfrutamos da vista lonxana do Cerro do Castro (807 m.), mentres que na dereita preside o Cerro de Retela (663 m.). Para outra ocasión deixamos as visitas aos pobos de S. Xoán da Mata e S. Miguel de Arganza. 



O tempo pasa raudo e damos a volta para Magaz de Abaixo, onde se celebran as segundas Xornadas Pluriculturais, por mor do esforzo da súa xunta vecinal. Chegados ao pavillón deportivo vemos un gran ambiente de xente. O primeiro, a busca do bar para reponer tanto esforzo, cervexa, auga… calqueira bebeda. Moito que ver nos distintos postos artesanais con obxectos moi traballados, aínda que quizais falten cartos para tanta compra. Resoan as poesías no espazo público, reivindicativas ante a crise ou a corrupción, e tamén en linhgua galega, feito que agradecemos. Nos días anteriores tivo lugar a presentación de libros e mailos coloquios posteriores. Tamén houbo tempo para o debate sobre as xuntas veciñais bercianas ante a ameaza de disolución polos cambios legales do Goberno Central. En fin, todo un exemplo de traballo colectivo por parte da xunta vecinal de Magaz de Abaixo que oxalá sexa algún día imitado polas outras xuntas veciñais do Bierzo.


O Bierzo, marzo de 2013.

www.obierzoceibe.blogspot.com
http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es