O LIBRO DAS CABAÑAS DEL PORTIEL DE DON FERNANDO.
O LIBRO LAS CABAÑAS DEL PORTIEL DE DON FERNANDO,
Polo colectivo cultural Fala Ceibe do Bierzo.
falaceibe@yahoo.es
O pasado sábado, 16 de febreiro, estivemos en Cabañas Raras para a presentación do libro Las Cabañas del Portiel de Don Fernando, del siglo XV al XVIII, cuxo autor é Aquilino Guerra Mallo. O acto comezou coa actuación da coral que tamén interpretou alguna canción en galego, cousa que agradecemos. Despois houbo unha reportaxe fotográfica na que xurdiron fotos antigas dos habitantes de Cabanas Raras. A verdade é que houbo moita emoción colectiva entre o público asistinte que recoñecía aos seus familiares na pantalla.
Tras estes actos previos comezou a presentación do dito libro de historia local. Fíxose un percorrido histórico polo pasado de Cabañas Raras no período descrito. Cabañas tivo a súa orixe nunhas cabanas de gandeiros instalados nese territorio. Tamén sabemos que Portiel vén de que en Cabanas Raras pasa unha vía romana que tivo un portiel, portiello ou portelo, é dicir, unha especie de aduana de cobro de gabelas ou trabucos fiscais enriba dunha das dúas pontes do seu termo. E por último, o nome de Don Fernando, segundo o seu autor, ten relación co propietario do señorío.
Da lectura do libro entresacamos o valor da análise da loita dos señores por facerse co control do territorio. Señores varios que pugnaron entre eles polo control dos vasalos, casos das dúas casas de Canedo e Arganza. Resoltas as desputas entre eles por mor da sentencia real executoria non se pacificou definitivamente a situación para os vasalos. O poder señorial pugnou agora polo ataque aos montes comunais, sustento básico dos viciños (pastos, leñas, follaxe para o gando, carbón vexetal, roturacióis…).
No libro hai textos moi interesantes como o reparto de mouriscos que se fixo entre os pobos bercianos. Os mouriscos viñan de Granada, do partido de Quintanar, e foron repartidos polo corrixidor de Ponferrada, principal oficial real na provincia do Bierzo, no ano 1571, polos diversos pobos da nosa rexión. Estamos seguros de que neste desterro colectivo foi obrigado e desfixo familias mouriscas, avós, país e fillos, porque na distribución que se fixo xorden, unha, ou dúas persoas, por pobos. Lamentable política da Coroa de Castela no ataque a esta minoría etnorelixiosa mouriscapeninsular. Recordemos neste senso que anteriormente tivo lugar a dos xudeos, moitos deles tamén foron expulsados da nosa provincia do Bierzo a partir do ano 1492.
Interésanos máis ca nada a documentación referida á opresión señorial sobre os cabañeiros. Neste sentido salientamos o seguinte texto, “con poco temor de Dios y menos aprecyo de nuestra justicia y en quebrantamiento de la jurisdicción y posesión del dicho Juan Sánchez hubieran hecho entre ellos liga y monopolio conbocándose los unos a los otros para se alzar con los montes, términos y arrendamientos del dicho lugar, como de hecho lo obieran hecho, haciendo arrendamyentos de los dichos montes a los horneros de la villa de Cacavelos e cobrando de ellos el precio del dicho arrendamyento e obieran quebrado e talado, nuevamente, otros montes de la misma jurisdicción solariega fuera de lo que tenyan aforados por cada de fueros (…)” (ano 1592). O poder señorial non permitía o libre uso dos comuniegos na administración do que consideraban os seus montes de man en común. Finalmente, o señor fíxose tamén co control deses montes co apoio da xustiza real.
Noutros casos prodúcese a alianza conxuntural entre o señor e o concello de Cabanas. Isto acontecera na defesa do pago de Valdelarrosa (hoxe coñecido como os prados de abaixo) fronte ao concello viciño de Hervededo. Esta finca de Valdelarrosa estaba no límite entre varios concellos estremeiros, a saber, Magaz de Abaixo e de Enriba, Herbededo e Cabanas, "en la cimada de la debesa de Hervededo, junto al prado de los baqueros, para que desde allí corra derecho el término de la encrucijada de Cortiguera que divide las tres jurisdicciones referidas, quedando incluso y dentro del dicho lugar de Cavañas de mi parte, el sitio y término que llaman de Valdelarrosa (...)" (1697). Finalmente os terreos en desputa foron recoñecidos para os interese do señor de Cabanas e mailo seu concello.
O seu autor buscou sobre todo documentación referida a Cabañas Raras, salientando as relacióis dos nomes dos seus viciños. Supoñemos que para atraer máis a lectura dos seus viciños actuais na procura dos seus antergos. Neste senso, procurou escritos na Chancelería de Valladolid, na sala da fidalguía. Durante o Antigo Réxime (séculos XVI ao XVIII) os privilexios tiveron moita importancia. Todo o vasalo que podía intentaba conseguir o privilexio de fidalguía para acadar exencióis fiscais, casos das reais ou concellís. Cabanas do Portiel non foi a excepción, e o seu concello loitou contra o outorgamento de fidalguías aos seus viciños que provocaba ter que pagar máis tributos aos pecheros non privilexiados. Como feito curioso, Magaz de Abaixo logrou que todos os seus viciños fosen declarados fidalgos para evitar a imposición fiscal. Incluso o concello de Magaz chegou a rexeitar o asentamento no seu termo de pecheros que rachaban co privilexio de fidalguía colectiva. Todo fose por pagar menos á facenda real.
O Bierzo, febreiro de 2013.
www.obierzoceibe.blogspot.com
http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es
0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home