sábado, diciembre 29, 2012

VISITA MAÑANEIRA POLO BIERZO OESTE.



VISITA MAÑANEIRA POLO BIERZO OESTE,
Por Xabier Lago Mestre.

Saímos de Ponferrada con néboas que medran ao circular pola chaira do Bierzo. Así entramos nos túneis de Vilafranca. Sorpresa, cando saímos deles o tempo troca. As pantasmais néboas teñen desaparecido de súpeto. Ben, así subimos pola estrada para as montañas que afastan O Bierzo da Galiza. Desfrutamos do val do Valcarce outoñal, cos bosquexos caducifolios, que nada teñen que envexar ás paisaxes primaverais.


Saímos do Bierzo, alí enriba do porto, para tomar o desvío para O Cebreiro. Subimos a costa sen perigo polas condiciois climatolóxicas xa que hai sol. Pero na aldea do Cebreiro hai fortes refachos de vento e, de cando en vez, mantos de néboas ameazantes. Principiamos a visita etnográfica. Na igrexa centenaria agradecemos a súa calor e tamén a sinxeleza construtiva. No bar da praza, moito acougo para ver todos os obxectos de recordó, gaitas, camisolas, cerámica de Sargadelos, navallas… Entre os clientes catro peregrinos sen medo ao inverno galegueiro. Despois do cafetiño quente, de novo para o rueiro ben conservado. Non falta detalle, incluso as papeleiras fan xogo etnográfico, ou o carro galego na praza. As néboas viaxeiras xa marcharan e aproveitamos para facer fotos da paisaxe da contorna dende o outeiro.


        Marcha para atrás de novo. Baixamos pola vella estrada nacional, para desfrutar máis da paisaxe do val de Valcarce. Os pobos bercianos teñen vida coas familias  que aproveitan o Nadal. A auga do río Valcarce ateiga os lameiros, mágoa que xa case que non haxa gando pola crise económica que tanto grava os presos agrogandeiros.

Collemos o desvío para Valboa. Que xa vai sendo hora de caer nesta poboación polo día. A súa palloza musical sempre chama á xente polas noites, reclamando máis festa celta e magostos… Hoxe sí desfrutamos do conxunto etnográfico na súa totalidade. Penetrtamos na Casa das Xentes. Nela falamos con Lorena para acordar a nova doazón de libros galegos que vai facer o colectivo cultural Fala Ceibe do Bierzo. Coméntanos que a biblioteca non ten moito aproveitamento, pero coidamos que convén que teña libros en galego abondos. Lorena comentounos que alí falan galego pero que non saben escribilo e por iso non se pode normalizar o seu uso administrativo. Este é outro dos varios problemas da nosa lingua galega no Bierzo.
                                              A PALLOZA DE VALBOA DO BIERZO

De novo na estrada para Vilafranca. Na viaxe contemplamos numerosas pintadas galegueiras, Perexe, O Bierzo Galego… testemuñas dunha vindicación que non morre. Tras atravesar de novo os túneis, a vila do Burbia. Entramos nela para chegarnos á praza Maior. Nas súas mesas exteriores hai turistas, quizais peregrinos invernais algún deles. Cando chegamos á espida Alameda, veñen á mente imaxes das vellas fotografías do parque antes da desfeita arbórea pola enfermidade vexetal. A pesar disto  Vilafranca segue coma sempre o iso cremos os que vimos sempre que podemos. O certo é que moita mocidade ten ainda que emigrar coma os seus país e avós. Subimos a S. Nicolás para desfrutar das súas vistas pois a néboa hai tempo que desaparecerá, e seguimos para a porta de Santiago, o Castelo e para abaixo, cara á praza do Concello.


Vai xa a fame colectiva. O restaurante O Padriño queda cerca, así pois, para dentro. Troitas, cordeiro, entre outros bos pratos, mailo postre caseiro. E que non falte o bo viño berciano da cooperativa. Tamén recordamos coma sempre a súa decoración sobria e sinxela. O dito, Vilafranca segue igualiña. Este restaurante xa non ten aqueles tratantes das feiras de gando que ateigaban a vila señorial. Pero segue a comerse moi ben, voltaremos axiña.



O Bierzo, decembro 2012.



http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es