sábado, octubre 20, 2012

CORRIXIDOR DE PONFERRADA E AS PONTES (1ª PTE)



CORRIXIDOR DE PONFERRADA A AS PONTES PÚBLICAS (1ª PARTE),
por Xabier Lago Mestre,
do colectivo cultural Fala Ceibe do Bierzo.
falaceibe@yahoo.es

Hoxe todos sabemos das funcióis do chamado Ministerio de Obras Públicas ou de Fomento na construción das infraestruturas como son as pontes de competencia estatal. Na Idade Moderna (séculos XVI ao XVIII)a Coroa de Castela era a encargada de ordenar a construción dos máis importantes camiños reais e tamén das súas pontes. Neste caso estudaremos as funcióis do principal oficial real na provincia do Bierzo, o corrixidor de Ponferrada, no procedemento administrativo de elaboración das pontes no seu ámbito competencial.

REPARACIÓNS DAS PONTES BERCIANAS.

Temos diversos datos soltos sobre referencias ás diversas pontes da provincia do Bierzo. Así, houbo reparación na ponte de Bembibre nos anos 1573 e 1590, pero tivo ruína no 1648. Polo que toca á ponte do río Boeza de Ponferrada, reparouse en 1573. Pero houbo que reconstruílo nos anos 1588 e 1589, continuando a obra no 1601. No longo val de Valcarce repararon 7 pontesd nos anos 1590, 1600 e 1640. En Molinaseca repararon a súa ponte en 1580, e mailo de Frieira tamén no 1580. E por último, a ponte de Domingo Flórez foi construído no ano 1649. Nesta zona sur da provincia do Bierzo fixaremos a nosa mirada neste traballo.



A PONTE MEDIEVAL DE PONFERRADA.

Neste artigo imos referir a pontes patrocinados pola Coroa de Castela. Agora ben, hai que ter conta das outras pontes financiadas polo clero ou a nobreza nos seus respectivos señoríos. Coñecemos o caso da Ponferrada medieval onde o bispo astorgano Osmundo mando facer a famosa ponte de ferro, sobre o río Sil, xunta á igrexa de S. Pedro, no correspondente barrio da Poboa (Puebla hoxe en castelán). Esta  ponte de tanta sona deu nome á poboación, Pons Ferrata pasou a Ponferrada, conservando esas palabras o feminino galego. Esta peculiar denominación da ponte ben podería referirse á presencia de portas de ferro, en ámbalas dúas beiras, que pechaba ás súas entradas. As ditas portas tiñan a función de servir ao cobro do tributo, señorial primeiro e despois real, chamado portádego.

O CORRIXIDOR DE PONFERRADA NA PONTE DE DOMINGO FLÓREZ.

A Coroa de Castela recibe escrito do concello galego de Sobradelo, no ano 1649, respecto do mal estado da súa ponte. A administración monárquica toma interese no asunto e manda correspondencia ao seu principal oficial real na provincia do Bierzo, o seu corrixidor de Ponferrada. A problemática de Sobradelo queda fóra dos lindeiros da provincia berciana. A Coroa encomenda a competencia administrativa ao corrixidor supoñemos que por cercanía entre os dous territorios, de Valdeorras e O Bierzo. Ademais, segundo vemos na documentación histórica, hai un interese por reparar todo o treito viario entre A Ponte Domingo Flórez e maila ponte de Sobradelo.



Outro feito curioso que destacamos é que a documentación histórica que utilizamos incorreo en erros xeográricos. Así lemos que "Alonso de San Martín en nombre del Consejo y vecinos de Sobradelo de la jurisdicción de Valdeorras, en el reino de León, le habían hecho relación que en dicho lugar y su jurisdicción había una puente que llaman la Puente Nueva y otra pueentecilla que llamamos de Domingo Flórez y otros pontones (...)". Texto tomado do artigo de Miguel Ángel González García, titulado "Ruina y reconstrucción de los puentes y caminos de comunicación entre El Bierzo y Valdeorras en el siglo XVII, con proyecto de Juan Bautista de Velasco", publicado en la revista Bierzo, do ano 2012.

O corrixidor de Ponferrada recibe carta real pola que se le insta a intervir na construción das pontes do traxecto entre entre O Bierzo e Sobradelo. Esta licenza real concede un grande protagonismo ao correxidor. Este diríxese ata Sobradelo para convocar ao seu concello e informarlle do mandato real. Indícase que cobrará o oficial real por salario a razón de 1200 maravedís por día de traballo que cobrará a cargo dos propios e rentas de Sobradelo.
CONTINUARÁ...

O Bierzo, outubro de 2012.
www.obierzoceibe.blogspot..com
www.facebook.com/xabierlagomestre