jueves, agosto 30, 2012



VIAXANDO DENDE VILAFRANCA DO BIERZO PARA CELA,
por Xabier Lago Mestre.

Partimos dende Vilela polas rúas da Capela e Pico da Vila. Nun poste atopamos un anuncio de concello, convocatoria da correspondente pedánea. Lemos a súa orde do día, aprobación da acta do concello anterior, festa de Santa Marta 2012, limpeza de predios e camiños, rogos e preguntas. Aos defensores das xuntas veciñais, nesta mala conxuntura política que trata de suprimilas, gústanos atopar estes contundentes exemplos do traballo político a nivel local. Folgos para estas xuntas, que contan co todo o noso apoio.

                Entramos na dormida Vilafranca do Bierzo. Só os madrugadores peregrinos atopamos nas silandeiras rúas. Un escaparate da praza maior está cheo de carteliños das festas dos pobos da contorna. Así, Fombasalá (15 de agosto), Cela con San Martiño (16 ao 21 do mesmo mes) cun grande cartel por mor das axudas dos máis patrocinadores comerciais, Santa Lucía en Vilasinde para o 17 e 18, Cadafresnas está por S. Vicente (10 a 11 de agosto), Chan de Vilar  (do 6 ao 7 de agosto), A Magdalena da Veiga de Valcarce (3 ao 6 de agosto) ou Vilaboa (3 ao 6 de agosto). Quede esta relación festivaleira en honra do traballo das xuntas veciñais e mailos voluntarios rurais que protagonizan eses salientables acontecementos patronais. Agora falta que tanto traballo sexa compensado coa asistencia de moitos viciños e visitantes en apoio desta cultura popular dos pobos.



                O instituto de Vilafranca, co nome de frei Martín Sarmiento, despide a nosa saída da capital do marquesado. Non podemos de sentir certo desasosego cando cavilamos nos problemas que teñen os seus alunos para poder elixir libremente a materia de lingua galega nese centro. Agardemos que algún día os estudantes berciano poida optar sen atrancos pola outra nosa lingua tradicional.
SUBINDO POLO VAL DO BURBIA.

                Mentres as augas do Burbia baixan, nosoutros subimos pola estreita e perigosa estrada do longo val. De cando en vez adiántannos autos que seguro que van para a ermida de Fombasalá, pois hoxe é o seu día grande. Recordemos que cada 15 de agosto a virxe viaxa da Colexiata vilafranquina para o seu santuario mariano, aló nas montañas da bisbarra da Somoza. Por mor disto hai festa popular de sona na contorna cos seus devotos e revulgueiros seguidores.

                O río abaixo e no alto, os curiosos tesos de da Campá, as tres Campás e maila pena das Campañelas, por suposto castelanizados nos mapas oficiais. Cantas campás tan cercanas!. O avance permite contemplar un val cheo de vexetación arbórea. Tralo cerro da Rapiña xorde o regueiro de Pradela, cuxa localidade queda moi lonxana ao oeste. Na ladeira oposta albiscamos a aldea de Landoiro, mentres que na nosa estrada xorde o casarío de Ponte de Rei. No alto do pobo, o cerro Carboeiros (969 m.), lembranza do antigo oficio da fabricación de combustible vexetal para os fogares, fornos de pan e ferrarías. Seguimos adentrándonos no val do Burbia. Os topónimos das ladeiras achegan fermosura, A Pasadiña, Os Lameirois, Caborco de Lameiro, penas da Marquesa,  Furada, do ombro e mailos tesos da Cabanas ou Forte. Na fonte da Cazola repoñemos as nosas botellas con auga fresquiña pois agora ben o difícil.



POLA CORREDOIRA A SOUTELO E CELA.

                Un poste de madeira e un plano turístico indican que nese punto comeza a rota para Soutelo. Agora toca baixar para o fondo do río e deixar a estrada comarcal. Apertamos os freos das bicis na pendente. Cruzamos a ponte de formigón, a proba de enchentas invernais, para a outra beira do Burbia. Este camín non deixa de abraiar porque comprobamos o traballo comunal, das antigas facedeiras, para facer transitable este treitorio. Houbo que picar a ladeira de lousas, logo colocar as lastras axeitadamente para salvar a pendente. Un grande traballo dos viciños, de Cela e Soutelo entre outros, porque ámbolas dúas aldeas se beneficiaban desta vía de comunicación que lles acercaba a Vilafranca. Á vila do Burbia acudían históricamente para mercar ou realizar as diverdas tarefas administrativas (xustiza, saúde, relixiosas, militares…). 

                Esta corredoira xa é pasado porque agora tanto os viciños de Cela coma de Soutelo baixan a Vilafranca pola estrada de máis longo percorrido pero ben segura. Para nosotros, tan urbanos, supón un esforzo camiñar porque a maleza intenta comerse o camín ano tras ano. Feito que finalmente acontecerá se as administracióis locais e provinciais non toman a iniciativa en despexar periódicamente o seu traxecto.




                O rumoiro do regueiro Soutelo racha co silencio deste pequeño val. No alto monte redondo, abaixo Cabaniña e valiña de Seve. Moita vexetación arbórea e matoeira a esgalla. Un poste de madeira indica a doblaxe do camín. De fronte para a aldea de Cela (2 quilómetros) e á esqueda para Soutelo (2 qms), este último baixa para o fondo do río. Seguimos para diante e ao mesmo nivel pola paraxe de Hervedo. No val do reguiro de Cela atopamos os topónimos de Caldoiro, Portelín, Amarelle, Vilabela. Un soitario castaño amosa a fermosura dun exemplar arbóreo moi vello. Dá gusto comprobar que entre tanto fogo forestal sempre hai algún castiñeiro resistente ante tanta desfeita de verán.
CHEGADA Á ALDEA DE CELA.

                Ao final do camín, por fin Cela, tras 10 quilómetros de percorrido e case que unha hora de andaina. Dende eiquí seguiremos a estrada para Paradaseca. Trala curva do saínte montañoso de Valdopacio vemos unha ringleira de autos que suben polo antigo camiño de Cervantes na Galiza. Os autos van nesta ocasión para a ermida de Fombasalá, xa que hoxe é o día da Virxe titular como xa dixemos. A súa imaxe permanece durante todo o ano na colexiata de Vilafranca. Pero cada 15 de agosto sube para a súa ermida xunta os centenarios pradairos onde se celebra unha grande romaría popular de xentes da contorna.




        
        A cercana Paradaseca foi capital municipal e da comarca da Somoza, para logo ceder o poder local á viciña Vilafranca do Bierzo. Conta con igrexa parroquial con adro amurallado, así como casa reitoral con galería. O conxunto do seu casarío está moi modificado como podemos comprobar nunha foto antiga que adxuntamos. A maioría dos seus habitantes emigraron por motivación laboral pero eles non esqueceron as súas orixes. Reformaron as súas vellas casas rurais, o que provocou a desaparición da maioría das pallazas, palleiros e hórreos. Lembremos que houbo falta de axudas públicas para conservar ese patrimonio arquitectónico, cando non verdadeiros ataques administrativos, como os derivados das ordenanzas que obrigaban a trocar os tellados de palla por uralita ou lousa para evitar fogos. Logo non botemos a culpa aos viciños que soamente desexan vivir mellor no seu pobo.

PEDALEANDO CARA A VILAFRANCA.

A estrada en bo estado de conservación facilita o rápido descenso pola ribeira esquerda do río Burbia. Desta vía de comunicación vertebradoira parten numerosas saídas para localidades que paga a pena destacar. Ao norte, Vegueliña, Vilar de Aceiro, Teixeira, Porcarizas, Aira da Pedra, Campo da Auga ou Burbia. Ao leste, Paradiña, Prado de Paradiña ou incluso tomar para a rota de Pobradura da Somoza. Nosoutros seguimos a corrente do río Burbia para Vilafranca. Agora facemos a conca deste río en senso contrario ao inicio. O descenso pola suave pendente facilita o percorrido en bici e mailo desfrute pausado da paisaxe sen igual.





Xa de novo en Vilafranca, aproveitamos para o xantar e repoñer as debilitadas forzas físicas. O corto descanso na capital do Bierzo oeste remata. Pero non saímos dela sen deixar  cartas reivindicativas, sobre a defensa das nosas xuntas veciñais ante os ataques do centralista Goberno central, para os partidos políticos representados na Casa do Concello. E a mesma operación reclamativa faremos durante o noso percorrido de volta para Ponferrada, nos concellos de Cacabelos e Camponaraia.

O Bierzo, agosto de 2012.
www.obierzoceibe.blogspot.com

http://sites.google.com/site/obierzoxa
 http://www.facebook.com/xabierlagomestre
 www.twitter.com/obierzoxa
 http://www.blogoteca.com/obierzoxa
 http://obierzoceibe.wordpress.com
 http://www.ciberirmandade.org/falaceive
 www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es