jueves, agosto 23, 2012

PINTADAS GALEGUEIRAS NA REXIÓN BERCIANA


PINTADAS REIVINDICATIVAS NA REXIÓN BERCIANA,
Polo colectivo cultural Fala Ceibe do Bierzo.

Unha expresión comunicativa moi curiosa son as pintadas sobre as fachadas e os muros das nosas cidades. Por suposto, que esas pintadas provocan o rexeito de moitos viciños por consideralas que ensucian máis cá outra cousa. A parte disto, esas manifestacióis pictóricas poden representar “facerse ver”, “existir”, estou eiquí”… por parte dos seus autores. Procuran a comunicación rápida, sinxela, vistosa, con brevidade, e de xeito impactante, incluso provocador.



                As autoridades gobernativas e municipais perseguen esas pintadas dende décadas, a través da aprobación das ordenanzas cívicas, cos seus correspondentes procedementos policiais e sancionadores. Todo parece indicar que a iniciativa popular que representan as pintadas segue moi presente. Son declaradas fóra da lei, pero basta que haxa unha reivindicación social (baixa de pensióis, traslado de médicos rurais…), laboral (despedimentos, peche de minas…), estudantil (suba das taxas académicas, supresión de escolas rurais…), política (eliminación de pedanías…) e demais para que xurdan novas pintadas reclamativas.

A CLASIFICACIÓN GLOBAL DAS PINTADAS.

                Pintadas hai de moita tipoloxía. Así, desglosamos os taqueos (escritura rápida), as potas (letras grandes), as pezas (feitas de enriba a abaixo) e as pintadas (de grandes dimensióis). Nosoutros seguimos estas últimas. Moleste ou non ás elites, convén dicir que tamén son unha forma de cultura popular. Incluso pode haber calidade artística, son os casos dos grandes debuxos feitos por verdadeiros artistas en fachadas. A variedade de pintadas manifestase tamén na utilización de códigos descoñecidos para a maioría da poboación, de estilos pictóricos, de grafías e demais. En fin, hai certa sabedoría popular que convén non desprezar. Na maioría dos casos as máns da mocidade están detrás delas porque sempre hai que ter boas pernas para fuxir da policía. Unha peculiar cultura nocturna porque se realizan xeralmente na clandestinidade da madrugada, baixo o abeiro da escuridade que todo o oculta.





                Procúrase o atractivo da pintada mediante unha mensaxe rechamante (clara, concisa, breve, sinxela, colorista…). As miradas dos cidadáns, paseantes e visitantes, máis rápidas e fotográficas, teñen pouco tempo para fixarse nas pintadas. Pero a pintada persiste no tempo, pois non son fáciles de borrar. Isto facilita a súa divulgación entre a ampla poboación, que día tras día, semana, mes, ano… asiste inconscientemente á anónima mensaxe pictórica que comentamos.

A PAISAXE LINGÜÍSTICA.

                Coma exemplo dunha minoría que recorre tamén ás pintadas temos as mensaxes galegueiras. Un colectivo cultural que, a pesar de falar ó seu idioma territorial dende séculos no Bierzo, non ten recoñecido o seu dereito de liberdade de expresión nos medios de comunicación tradicionais (xornais, televisión, radio, revistas…). Esta aparente normalidade cultural non é tal cando vemos as pintadas reclamativas nas fachadas de edificios, muros de fincas e demais. Estas pintadas galegueiras son manifestación dun descontento social. Quizais os seus autores sexan unha minoría pero detrás hai un fundamentado conflito social e idiomático secular sen resolver.





                Este rexeito parcial ao control idiomático en castelán provoca a mobilización social minoritaria pero que ten presencia local (cidades, vilas, pobos, aldeas…) e unha clara continuidade temporal. Poderán os políticos e os medios de comunicación ignorar esta demanda lingüística, ou incluso despreciala, pero as pintadas non desaparecen. Detectamos unha forma de contrainformación galegueira (pintadas, cartelería e na internet coas redes sociais, blogues…), minoritaria pero con existencia social que debería ser respectada polas elites culturais, políticas e intelectuais. Estas últimas intentan controlar a cultura e a imaxe pública por iso coartan e perseguen outras formas de expresión alternativas, caso da cultura popular en idioma galego na rexión do Bierzo.

 TIPOLOXÍA PARCIAL DAS PINTADAS GALEGUEIRAS.

                Cómpre ter en conta o amplo repertorio de pintadas galegueiras da rexión berciana. Salientamos as que demandan o ensino da lingua galega nos colexios e institutos que denotan que esta problemática aínda non está resolta. Todo vén a conto de que os directores de certos centros escolares non queren recoñecer o dereito do seu alunado a poder estudar libremente a súa outra lingua tradicional e familiar. Por suposto, esta rexión periférica non pode pasar por alto o debate territorial. A veciñanza con varias Comunidades Autónomas, Galiza, Asturias e Castela e León, provoca as consabidas desputas sobre a nosa territorialidade. Derivada desta xorde a problemática institucional, concretado no Consello Comarcal Berciano, para o cal se reclama a práctica do bilingüismo ou a súa autonomía efectiva. Neste apartado incluímos a recente polémica ante a supresión das xuntas veciñais do Bierzo por parte do Goberno central. Xa comentamos que os medios de comunicación non admiten o bilingüismo, velaí a presión social a prol deste último coas pintadas. E rematamos coa reclamación toponímica que pretende a toma de conciencia colectiva sobre a castelanización oficial da nosa toponimia maior e menor. O galego é unha forma máis de comunicación que intenta contaxiar á sociedade en todos os ámbitos sociolingüísticos.   





                O dereito universal de lexítima defensa cultural, neste caso idiomática, está no fondo desa reivindicación pictórica a través das pintadas anónimas nos muros e fachadas das nosas ciudades e vilas. Todo parece indicar que a actual persecución policial ou con videovixilancia non serán os medios axeitados para acadar o final desta problemática cultural. A negación dos dereitos lingüísticos e da liberdade de expresión en sentido amplo non é o camiño para resolver este conflito cultural, senón todo o contrario.

O Bierzo, agosto de 2012.
www.obierzoceibe.blogspot.com

http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es