domingo, junio 24, 2012

GLOSARIO SOBRE AS FALAS DO BIERZO



GLOSARIO SOBRE AS FALAS DO BIERZO,

por Xabier Lago Mestre.
Ultimamente están saíndo numerosos libros sobre as linguas tradicionais da rexión berciana. Ata tal punto chega esta dinámica investigadora que case que tocamos a un libro por ano. Recordemos os casos do “Léxico de la documentación berciana”, “Vocabulario popular de la comarca de El Bierzo” e “Léxico y literatura de tradición oral en el entorno de Las Médulas (León)”, e agora “Glosario temático crítico y etimológico de las hablas de El Bierzo”, cuxo autor é Jesús García e García. Todo este traballo investigador é manifestación do interese que espertan as nosas linguas territoriais, a saber o ástur-leonés e o galego.

                Ben, quizais haxa que matizar que o interese deses autores non é tanto por recuperar eses idiomas rexionais. Son filólogos que estudan o noso vocabulario tradicional pero non parecen apostar pola recuperación dos dous idiomas. Velaí a razón de que non defendan con claridade a denominación  deses idiomas como tales, senón que se refiren ás falas locais. Polo tanto non apostan pola recuperación desas dúas linguas e menos pola normalización lingüística no ensino ou nas administracióis como facemos outros bercianos. Algúns deses investigadores nin sequera falan algunha destas dúas linguas, só estudan e recompilan léxico, o cal é moito de agradecer a pesar de non facer uso activo (falalas ou escribilas).

                Discrepamos agarimosamente deses autores por opinar de linguas (segundo eles falas), pero cremos que o maior protagonismo no presente e o futuro delas o temos os falantes actuais. Nosoutros queremos recuperar eses vocabularios que eles recompilan mediante os seus estudos. Porque eses léxicos só teñen viabilidade dentro da súa respectiva lingua mediante o uso a cotío, doutro xeito só restarán dentro dos seus libros. Agora ben, tamén temos en conta que eses vocabularios pertencen moitos deles ao medio rural, mentres que a meirande parte da mocidade e neofalantes viven nun ambiente urbano e tecnoloxizado. Isto hai que telo moi en conta. Utilízanse linguas que teñen uso normalizado e non falas rurais. Esas linguas normalizadas son as oficiais, caso do galego, que serve para desenvolver actividades educativas, profesionais, tecnolóxicas e lecer en xeral (casos de Galiza, Portugal, Brasil…).



                Os estudosos poñen tanto empeño na investigación das falas rurais que tenden á súa idealización. Non queren que o seu obxecto de estudo se contamine coa influencia da televisión ou das linguas oficiais, galega ou ástur-leonesa normalizadas. Vexamos as opinióis de Jesús García e García a este respecto, no entroido do seu libro que comentamos.
          
      Jesús García amósase a prol do estudo das falas locais no ensino. “sí estoy convencido de que siempre podremos y deberemos estudiarlo y conservarlo (monumento de la lengua), ´a pesar de estar ya muerto´. En este sentido he sentido he defendido siempre la inclusión de la asignatura de las hablas autóctonas en la enseñanza. No como una asignatura más, ni para que se hablen y se cultiven, y, mucho menos, para que se usen como armas arrojadizas, con intenciones tortuosas de nacionalismos o separatismos anacrónicos, sino, como temas transversales dentro de la asignatura de lengua (…)” (páx. 13). Queda claro este autor non está pola aprendizaxe da lingua galega, nin pola súa normalización no ensino. O galego parece non merecer para el o respecto que sí teñen as materias de inglés ou o francés nos centros educativos. Outro exemplo máis da xerarquización lingüística no ensino berciano, ao abeiro de certo profesorado e dos propios investigadores das falas locais. Os prexuízos antigalegos, baseados na política, seguen alimentando un erróneo debate lingüístico ¿verdade?. Máis vale un obxecto de estudo filolóxico case que morto que unha lingua galega viva parecen dicirmos algúns.
        
           Seguimos lendo, “en el debatido tema de la inclusión del gallego en la enseñanza, he defendido, a riesgo de ganarme algunos enemigos, que lo que habría que introducir, no es ni el gallego ni el leonés normalizado, ni el asturiano, sino el berciano, insistiendo más en aquellas tendencias propias de la zona, pero dando prioridad ante los alumnos a la presentación de lo que es y lo que fue la realidad lingüística de la Comarca como zona de confluencia de diversas tendencias, olvidándonos de lo que pudo haber sido” (páx. 13). Volve a reivindicación do berciano dun xeito parcial. Non, discrepamos con Jesús García, sen ánimo de sernos consideramos inimigos, senón críticos parciais, como galego-falantes simplemente. Teimamos en que o alunado berciano o que quere é estudar linguas que lle sirvan para seguiren estudos universitarios e realizaren actividades profesionais. Coido que estudar vocabulario tradicional non ten sentido para eles, que bastante traballo escolar xa realizan. Sexamos un chisco máis serios coa aprendizaxe das linguas que é unha actividade moi esforzada para o seu alunado. Éste emprega moitos anos de estudo de idiomas para acadar unhos obxectivos concretos, educativos e profesionais en primeriro lugar, e por amor ao patrimonio tradicional de forma moi secundaria.




   
          O noso autor fai sinceira crítica no tema da preferencia polo ástur-leonés na súa investigación. “Mi insistencia en relacionar este léxico con determinados bables se debe a que me son más conocidos y a que están mejor estudiados por mí, (bastará que se vea la Bibliografía manejada por el autor). Creo que el plausible esfuerzo normalizador del gallego ha descuidado un poco en los últimos tiempos, los estudios dialectales” (páx. 179). Está ben esa autocrítica respecto á súa visión galegueira do seu estudo porque a botamos de menos. Falta moita bibliografía galega e non aceptamos a súa opinión sobre a escaseza de investigacióis dialectais dende Galiza. Neste senso, recomendámoslle comezar a ler o libro de Francisco Fernández Rei: “Dialectoloxía da lingua galega”, ed. Xerais, ou tamén o “Diccionario galego-castelán” de X. Luís Franco Grande. Seguro que calquera buscador na internet pode achegarlle abundante información sobre os vellos e os novos traballos de dialectoloxía da lingua galega.

Esta crítica que facemos denota un certo subxectivismo pola súa banda que debería ser superado en futuros dos seus traballos. Porque non é admisible dicir que “debo advertir que el que no aparezca en ocasiones la palabra gallega correspondiente, puede deberse a la drástica eliminación de las variantes dialectales que los llamados diccionarios normalizados gallegos han efectuado y a la escasez de bibliografía disponible por mí, sobre la dialectología actual” (páx. 18). Un investigador filolóxico debe ser rigoroso na procura das súas fontes de información senon quere ser criticado de partidista.

O esquema xeral da obra se divide en: léxico do fogar, da alimentación, corpo humano,  carácter e do espírito, os costumes sociais, traballo e industria, campo e as labores agrícolas, os animais, os vexetais, os fenómenos naturais e atmosféricos, mais un apéndice de elementos no léxicos. Dende logo un gran traballo investigador que é de agradecer por todos e todas. Consideramos que este libro será co tempo un clásico dos estudos de investigación filolóxica do Bierzo. O seu autor e mailo libro deberá ser outro máis dos grandes defensores das falas locais, en compaña dos vellos Antonio Fernández e Morales, Verardo García Rei ou Francisco González e González entre outros.

O Bierzo, xuño de 2012
www.obierzoceibe.blogspot.com

http://sites.google.com/site/obierzoxa 
http://www.facebook.com/xabierlagomestre 
www.twitter.com/obierzoxa 
http://www.blogoteca.com/obierzoxa 
http://obierzoceibe.wordpress.com 
http://www.ciberirmandade.org/falaceive 
www.ponferrada.org 
www.partidodelbierzo.es
www.todobierzo.com

0 Comments:

Publicar un comentario

Links to this post:

Crear un enlace

<< Home