domingo, agosto 12, 2012

ANDAINA LONGA ENTRE TOURAL E VILAFRANCA


BARRIO DA VEIGA DE PARADELA DO RÍO


ANDAINA LONGA ENTRE TOURAL DOS VAOS E VILAFRANCA,
Por Xabier Lago Mestre, colectivo cultural Fala Ceibe do Bierzo.

Principiamos a nosa andaina na vila de Toural dos Vaos co ánimos de chegar a media xornada a Vilafranca do Bierzo. O paseo non será breve porque non facemos o treito curto por Parandois e Vilela. Queremos desfrutar máis da paisaxe e do noso esforzó compartido. Por iso tomamos a estrada para o barrio da Veiga, no vello camín para Galiza xunto o río Sil. A rúa principal amosa fermoso casarío rural. Cruzamos a ponte sobre a vía do ferrocarril para Monforte. Tiramos para enriba, cara a Paradela do Río, curioso nome para unha poboación que ten un pequeno regueiro chamado do Marco. Atopamos un sinal tachado na estrada PARADELA DEL RIO (LA VEGA). Supoñemos que viciños do populoso barrio da Veiga non aceptan de bo grao depender dun pobo máis pequeno ca eles. Paradela do Río ten recoñecemento de ente local menor e conta conta con varios barrios, casos de Peón e Penedelo, que agora dependen todos do concello de Toural dos Vaos tras segregarse de Corullón.

                Trala suba chegamos a Paradela do Río, onde nos recibe a ermida de San Roque. Varios  varios viciños nos informan oportunamente do camín a coller para a lonxana paraxe que chaman A Fastia. Durante a agradable conversa nos contan do amplo territorio da entidade local menor que atravesa o río Sil en Peón. Presumen dos montes que teñen e que moitas terras foron repartidas entre os seus viciños hai anos xa. Tamén nos contaron que na xeira das mallas, varias familiar compartían airas para o obter os grans do centeo. Entre todos lamentamos a pretensión do Goberno central para suprimir os entes locales menores.





                                       IGREXA DE PARADELA DO RÍO

POLO CAMIÑO DOS GALEGOS.
              
  Deixamos aos bos viciños de Paradela para continuar coa suba polos montes. Tomamos o antigo camín dos galegos, porque por eiquí baixaban xornaleiros galegos do Courel para a sega en Castela e pradoiros do Bierzo, ou para facer labouras viñateiras (podas e recollidas de uvas). En referencia á parada que facían os xornaleiros temos o pobo Paradela. Máis aló, outro fito, Cerro Galegos, de 818 metros de altitude.

                Nosoutros seguimos adiante pescudando a rica toponimia galego-berciana. Airola, Terra do cabo, Valdeporco, A Pedreira, A Filgueira… agatuñamos a ladeira. Moitas terras centeneiras abandonadas e cubertas de uceiras. Pola dereita, ao lonxe o cerro Sufreiral, acompañado da paraxe do Carcaixedo, no Valdomar. Pola outra banda, ao cerro Serriña (719 m.) segue a Coroa (722 m.). O topónimo Entrecarrúas fai referencia ao paso dos carros tradicionais por esta corredoira, cheos de toxo para as cortes ou centeo para as mallas.  Vemos os intentos dos viciños por plantar árbores de froito doce, cerexais, maceiras… que intentan recuperar estes pagos abandonados. Oxalá que as xeadas non fagan desfeitas.




                                            SOUTO DA PARAXE DA FASTIA

                Adiante Pena Tallada. Pero non deixamos de mirar para a dereita. A grande canteira no val de Navalín é impresionante, come a ladeira e racha a tranquilidade visual da paisaxe. Xunto a ela o expresivo topónimo Caleiros. Comeza a abrirse o val por Aira da lebre. Preside todo o pico da Serra d´Alba. Vaia vistas do amplo val do río Selmo coas súas aldeas. Agatuñamos polo Reventón ata A Fastia entre fermoso souto. Baixamos por Escaleiros para o cruceiro de diversos camiños tradicionais do Bierzo oeste. Debaixo o Lameiro de Podamio. Nosoutros tomamos a dirección de Corullón.



                                      VAL DO REVODAOS, CAMÍN DE CORULLÓN


BAIXADA PARA A VILA DE CORULLÓN.
                A ladeira esqueda o profundo val do regueiro Rebodaos amosa unha boa estrada. O dito val está cheo de vexetación arbórea que descende para a chaira do Bierzo baixo. O esforzo final é compensado pola boa visión natural. O maxestuoso cerro da Coruxa (824 m.), co seu Castañedo, dan presencia ante tanto fogo forestal pasado. Adiante o cerro dos Mouriños pero nosoutros atallamos para Corullón polas paraxes de Banín e Pedredo por mor dunha corredoira con forte descenso entre viñas e cereizais cos seus froitos tentadoiros. Xa temos ante nós o Castelo e mailo casarío da vila. Integrámonos nos seus barrios para dar a parar ao seu colexio público, o cal tivo un protagonismo especial na toma de conciencia pedagóxica do galego entre o seu alunado. Non deixedes de visitar as súas importantes igrexas de S. Esteban e S. Martín. Pola boa estrada, debaixo do Cerro da Silva Redonda, tiramos para o casarío de San Fiz. Bos días!, varias viciñas de Corullón volven cargadas coas compras diarias. Ante nós a impoñente obra de inxeñería dos túneis da autoestrada e Vilafranca.





                Na primeira rúa do Salvador, as típicas discusióis entre conductores pola preferencia de paso. Por sorte todo ten solución. Pasamos a ponte do río Valcarce coas súas limpas augas no fondo. Recordos de infancia na rúa Concepción, de bo corte de sastre e mellor olor de panadeiro. Na ponte do río Burbia moitos peregrinos estranxeiros tiran fotos de Vilafranca. Todo o público vai para o xardín da Alameda. Decenas de casetas de variadas vendas por mor da feira de Santiago. Xa non hai gandos como antaño. Case non hai xa apeiros de labranza que vender. Agora roupa de presuntas marcas, cestas de mimbre, xoguetes para neniños, doces caseiros, fundas para móbeis, bandeiras de España, cedés de música, camisolas musicais, artesanía. Hai moito para mercar, máis xente que mira e quizais poucos cartos. Subimos pola escalinata de San Nicolás para tirar as mellores fotos das amplas panorámica dos toldos da feira. Os olores das tradicionais pulpeiras enchen e mestúranse co festivo ambiente. Elas saben facer bo negocio, xunta á Colexiata e mailo Campo baixo, cos altos prezos dos polbos que compiten cos de Carballiño. Por todo isto os peregrinos desfrutan máis da pequena Compostela a tope.





O Bierzo, agosto de 2012.
 http://sites.google.com/site/obierzoxa
 http://www.facebook.com/xabierlagomestre
 www.twitter.com/obierzoxa
 http://www.blogoteca.com/obierzoxa
 http://obierzoceibe.wordpress.com
 http://www.ciberirmandade.org/falaceive
 www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es

4 Comments:

Blogger stephan said...

La iglesia de Corullon que se muestra en la foto es la de San Miguel y no San Martin, las viñas y fincas que quedan por encima de esta iglesia si se les denomina San martin, es como se le llama a esa zona, cada zona de fincas que hay en el pueblo tiene un nombre.

10:48 a. m.  
Blogger stephan said...

La iglesia de Corullon que se muestra en la foto es la de San Miguel y no San Martin, las viñas y fincas que quedan por encima de esta iglesia si se les denomina San martin, es como se le llama a esa zona, cada zona de fincas que hay en el pueblo tiene un nombre.

10:49 a. m.  
Blogger stephan said...

La iglesia de Corullon que se muestra en la foto es la de San Miguel y no San Martin, las viñas y fincas que quedan por encima de esta iglesia si se les denomina San martin, es como se le llama a esa zona, cada zona de fincas que hay en el pueblo tiene un nombre.

10:49 a. m.  
Blogger stephan said...

La iglesia de Corullon que se muestra en la foto es la de San Miguel y no San Martin, las viñas y fincas que quedan por encima de esta iglesia si se les denomina San martin, es como se le llama a esa zona, cada zona de fincas que hay en el pueblo tiene un nombre.

10:50 a. m.  

Publicar un comentario

Links to this post:

Crear un enlace

<< Home