lunes, septiembre 17, 2012

DENDE A BAROSA PARA VILALIBRE

 
DENDE A BAROSA PARA VILALIBRE,

por Xabier Lago Mestre, do colectivo cultural Fala Ceibe do Bierzo.
 

Aproveitando o bo tempo desta primeira quincena do mes de setembro realizamos unha nova pedalada polo Bierzo meridional. Así, partimos do apeadeiro da Barosa, tras baixarnos do tren rexional para Galiza. Temos que agardar o amencer pois ás 7.15 da mañá aínda é de noite. Mentres tanto comentamos a viaxe que nos agarda. Os viciños da aldea dormen, non así o can que nos recibe na suba polo casarío que descende pola ladeira na procura do fértil terrádego da ribeira so Sil. Fixamos a mirada nunha casa que ten dous andares cos seus correspondentes corredores abertos. Mágooa que estea en venda segundo o seu carteliño. Máis adiante a pequea igrexa con portalón que ben merece unha foto nosa.



                                                    IGREXA DA BAROSA.

Cruzamos a estrada nacional 120 para Valdeorras para coller o noso camín para As Médulas, segundo anuncia o sinal de tráfico. Afrontamos a dura suba entre monte moi arborado que fomenta o noso desfrute natural. Chegados enriba da montaña vemos o sol nacente sobre o pobo de Lago Carucedo. Tras este descanso na cima, vendo as dúas vertentes, deixámonos levar polas bicis para abaixo cara ao casarío. Atravesamos os restos dun souto chamado A Devesa. As nosas fotos son para os mellores castiñeiros que destacan polo seu grosor secular. Xunto ao pobo está o lago de Carucedo que foi do lonxano mosteiro de Carracedo. Os seus habiantes tiñan que pagar ao cenobio unha parte do peixe das súas augas, caso das súas anguías.
 
 
 

Xiramos para a esqueda, en dirección para Carucedo, a capital do concello. Dende eiquí pódese tomar a estrada para a explotación mineira das Médulas. Conta con igrexa parroquial de orixe románico. O seu retábulo foi pintado en 1664. Por mor da zona lacustre comentada posúe unha importante zona recreativa na Veiga.

POLAS CERCANÍAS DE BORREIS.

Avanzamos por terreo de chaira que permite o desfrute sereo da paisaxe da Pradeiría, á esquerda o Sierro de Carucedo. Pero pronto comeza a suba da estrada ata un pequeno portelo. Mellor botar pé a terra nas Ventas de San Xoán de Paluezas, recordo antigo dun paradoiro dos viaxeiros para Galiza. Á dereita vemos o cercano concello de Borreis cos seus barrios, de Abaixo, Enriba, Coselines e Campelo. Este pobo conta coa ermida de San Fabián e a igrexa parroquial con retábulo neogótico e varias dignas esculturas. O pior son os restos vexetais queimados do lume forestal deste verán que arrasou ou leste de Borreis. Toda a zona do regueiro de Sortes foi afectado gravemente polas consecuencias funestas deste importante incendio.
 
 
 

Chegamos por fin ao alto do pequeno portelo. Dende eiquí temos unha boa vista do castelo de Cornatelo que nesta ocasión non visitamos. Preto desta fortificación medieval atópase unha canteira que destroza a paisaxe da contorna. Dende este alto xorden estradas para os pobos de Vilavella e Paradela de Muces.

De novo as bicis principian o descenso rápido e perigoso polas pechadas curvas da estreita estrada. Pasamos veloces xunto á ermida da Virxe do Carme, antiga amparadora do viaxeiros. Segue o topónimo galegueiro de Rioferreiros que nos abre paso para Santalla. Destaca esta poboación polas súas cárcavas que ben que se poden apreciar dende o seu estratéxico miradoiro. Tamén dende eiquí observamos a mellor panorámica da chaira berciana (Cacabelos, Camponaraia...). A rúa Falcón alértanos da presencia destas aves por estas paraxes.
 
 

ATRAVESANDO PRIARANZA DO BIERZO.

De novo na rota descendente para Priazanza do Bierzo, situada a 10 quilómetros de Carucedo. Esta poboación é capital de concello de amplo territorio que abrangue o castelo de Cornatelo e, máis aló, Ferradelo (Ferradillo).

A seguir, o pobo de Vilalibre da xurisdición. Os seus viciños compraron a súa liberdade, na Idade Moderna, e que dende entón locen con orgullo no seu nome toponímico. Varias rúas hoxe fan referencia á Constitución e á Liberdade, símboloxía democrática moi apreciada polo seu esforzo colectivo ceibe. Na ermida da Vera Cruz datada no século XVII, tiña a súa sede os seus confrades encargados de fomentar a ideoloxía católica entre o seu vecindario.
 
 

Á dereita da estrada, o desvío para Toural de Meraio, que paga a pena visitar noutra viaxe. Cruzamos a ponte sobre o río Sil e entramos no barrio da Martina. A recta de Flores del Sil enfila para Ponferrada. Na cidade resoan as campás da basílica da Virxe da Encina, que tocan na festa do Día do Bierzo. Menos cansos que noutras viaxes atopamos descanso no parque do Temple. Deica outra!

O Bierzo, setembro de 2012.
www.obierzoceibe.blogspot.com

http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es

0 Comments:

Publicar un comentario

Links to this post:

Crear un enlace

<< Home