miércoles, abril 24, 2013

LIBRO OS NAMOROS DE RAMÓN GONZÁLEZ ALEGRE.



O LIBRO OS NAMOROS DE RAMÓN GONZÁLEZ ALEGRE,
Por Xabier Lago Mestre.
Colectivo cultural Fala Ceibe do Bierzo.

Aproveitamos a recente homenaxe ao escritor bilingüe Ramón González Alegre recuperamos a lectura do seu libro Os Namoros. O primeiro dicir que este escrito está adicado “aos meus fillos galegos, aos bercianos que ainda falan no idioma de Galicia (…)”. Unha lembranza especial para os seus paisáns que mantiñan, non sen dificultade, a lingua galega aló nos anos 50 do século pasado, pero que é de xustiza facelo estensivo para os actuais falantes.

Este libro editouse no ano 1961, sendo escrito na súa integridade en galego. O autor publicou a meirande parte doa súa obra en castelán, lingua na que se sentía máis afeito, e tamén porque lle daba máis publicidade no resto do Estado.  Esta escrita que pasamos a compartir ten numerosas referencias á súa terra berciana. Comezamos pois por esas referencias locais. 

Vilafranca do Bierzo, localidade de nacencia, non podía faltar. “Adeus, tardiña nova en Vilafranca,/ porta da señardá que tanto dóe/ nas cinazas da i-alma (…)”. E súa emigración a Galiza por motivos profesionais favorecen esta peculiar sensibilidade. “Adeus, adeus, arbres do horto,/ os meus choplos amigos, carballeiras/ por onde os bicos cheira a namoro  (…)”. Os recordas da súa nenez aínda rezuman frescuar, “Adeus tristura moza das campás/ que á tardiña levades os rumores./ En sospiros me vou. Adeus, meus prados,/ que a tristura da noite ven calada”.



O seu humanismo está moi presente na preocupación polos seus conxéneres. “Tamén fala o feixe de leña que porta isa vellliña, e a piedade das luces do inverno (…), na Neve”, recoñecendo o esforzo ó vital dos labregos e das labregas. Neste punto lembramos a polémica que tivo Ramón González Alegre coa corrente que defendía a poesía social, defendida por exemplo por Celso Emilio Ferreiro. No noso autor dicía que a poesía sempre foi social e non necesitaba de ideoloxías sociais. Estes debates resultaron duros de levar polo vilafranquino cando a súa enfermidade se agravaba.



A valoración dos traballos humildes está moi presente no poema Os Panadeiros. “O pan vén a nós dispois da noite./ Vén arrecendo a muíños,/ e míranos (…)”.Con gran facilidade prestixia o seu traballo por mor da súa verba fluída, “Os panadeiros son reises brancos,/ e marchan silandeiros polas portas./ Ao pé dos trigos fan froitas maduras,/ e mírannos (…)”. 

Salientamos tamén na Gaita a sú louvanza. “Lixeiriña, lixeiriña,/ co són rebuldeiro no aire/ a gaita ergue os recordos/ saudando ao vello tempo (…)”. O seu poder conmovedor vale moito, “lixeiriña, lixeiriña/ molla as pálpebras quentes dos ollos/ i a súa voz xeme mas raigañas dos ecos./ Nasce a lidicia. A gaita lixeiriña/ queima de amor o campo namorado”.



Outro poema para As Lavandeiras. “Parez una nube longa/ cando as lavandeiras deixan seus cantares/ no seu ollar do río;/ azas de brancas pombas xubilosas/ teñen nas mans as lavandeiras novas,/ istas do campo infindo que nos canta”.  As persoas do medio rural, tan desprestixiado entón, son outras moi distintas na obra do poeta berciano. “Mainamente xurden os anceios,/ as pingas do suor, a vida, a espranza/ dentro da i-auga endexamais quedada”.

Segue fixándose nas labouras do seu campo no poema A Sementeira, de seguro moi visitado e comprendido. ”Xa foi esmola o trigo,/ esmola de si mesmo;/ sonaxa dos fíos lourosa paseniños/ que repinican nos sulcos do campo (…)”. Longo proceso vital da sementeira, “Todo foi esmola, logo primaveira,/ logo froito, logo festa/ dempois folla, dempois tempo,/ dempois cantiga nova/ dempois pan (…)”.


A relixión está moi presente neste declarado poeta Cristián. “Eres eirexa/ de anxos ledizosos nos maitines/e cativa cabana do ceo (…)”. Porque Deus está en todo, “Tés o Señor adentro/ e vives, ¡vives!, como unha herbiña/ que medrara soia” (de Eirexa).

Lemos e chegamos de novo a Vilafranca. “Fumos a latexar a fonte do Trevijano./ Solprendida, a i-auga, calou/ pra escoitar como latexabamos (…)”. Corpo, sentimento e natureza casan ben no seu poemario. “Tiña o noso latexo a cór da sangue,/ coma un campo ruibo de mapoulas./ Estabamos na festa do silenzo, mais nós tiñamos frores no peito (Latexar)”. O seu estado de ánimo consegue acougo estragado na paisaxe berciana.


Cantas veces puido Ramón González contemplar e sentir as estadías naturais. Que fale a súa poesía nos Ollos do Campo. “Os ollos son paxaros do silenzo/ e voan por min, por nós, por todos voan/ no muíño das cores amarelas/ na froita dos outeiros garridos (…)”. A súa vista recibe unha menaxe sen igual.

Os costumes dos labregos atraen o seu interese porque axudan a lembrar recordos familiares. “¿Recordas, nai, recordas?/ ¡Cantas fogueiras do San Xuan no monte/ daban aos nenos unhacór de avelás (…)”. A tradición familiar compartida faise encontro vital, “E ibas ti, miña nai, xunto dos nenos,/ aló polos camiños, terra adentro…

 O Bierzo, abril de 2013.
www.obierzoceibe.blogspot.com


http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es